top of page

CRÓNICA X7 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 0–5 JCT) | Todo sae cruz de novo


Mércores, 20/11/2024 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses non lograron deixar atrás a dinámica negativa nun duelo con moitas similitudes aos anteriores.


Unha historia coñecida, lamentablemente, para o Noia Portus Apostoli FS. Deu a cara e estivo no partido fronte a un gran rival, nesta ocasión o actual campión de Liga, pero non tivo o acerto necesario para competirlle ata o final a todo un Jimbee Cartagena Costa Cálida FS que se acabou permitindo o luxo de golear no Mourís.


Da calidade dun equipo de UEFA Futsal Champions League naceu o 0-1, aínda no 4’. A manobra “made in pivote” de Pablo Ramírez puxe en vantaxe a un cadro cartaxeneiro que as tivo para sumar algún gol máis na primeira metade. Evitouno Schütt, con intervencións espectaculares como a que realizou sobre Mouhoudine. Iso si, na outra portería tamén houbo acción. A insistencia dos brancos, constantemente apoiados por unha entregada afección que non fallou nin en mércores laborable, fíxose notar sobre un entonado Chispi, que, as que non paraba, vía como se perdían de forma inexplicable.


O perdón págase


O desacerto noiés prolongouse na segunda parte, incluso nas oportunidades máis perigosas, de Schütt, Power e Pirata. E, como pasara en Peñíscola, o perdón do Portus Apostoli foi o antecedente do tanto rival. Castejón saíu gañador dunha melé na divisoria e Linhares só tivo que empuxala para poñer o 2-0 no 27’. Máis solto e poderoso sobre un Noia que ata perdería por lesión ao seu gardameta, o campión fixo o terceiro antes dos 30’ de xogo por medio de Pablo Ramírez.


Chispi e Chemi, nos seus breves momentos en cancha, encargáronse de que a posible reacción con porteiro-xogador dun cuadro local frustrado, con máis corazón que cabeza e embarcado nunha viaxe que, infelizmente, xa experimentou, quedara nunha ilusión. Motta e Mouhoudine completaron, xa no último minuto, unha goleada moi dolorosa para os noieses.



Próximo partido


O Portus Apostoli xogará este domingo 24 ás 13:00h o seu partido da xornada 8 ligueira na pista do Quesos Hidalgo Manzanares FS.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Pirata (c), Álex García e Matheus Preá. Tamén xogaron Iván (p), Montero, Garrincha, Rufino, Attos, David Pazos, Izan, Koeman e Rubi.


Jimbee Cartagena Costa Cálida FS: Chispi (p), Tomaz, Gon Castejón, Darío Gil e Pablo Ramírez. Tamén xogaron Chemi (p) (c), Linhares, Cortés, Motta, Osamanmusa e Mouhoudine.


Goles: 0-1 Pablo Ramírez (4’), 0-2 Linhares (27’), 0-3 Pablo Ramírez (29’), 0-4 Motta (39’), 0-5 Mouhoudine (39’).


Os colexiados do comité madrileño Cristian Cubero García e Luis Manuel Manso Martín amonestaron polos noieses con cartón amarelo a Pirata (39’). E nos cartaxeneiros, amarela a Linhares (28’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 7 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 700 espectadores.



Comments


bottom of page