top of page

CRÓNICA X7 (NPA 2-1 ALZ) | Balsámico primeiro triunfo no Mourís

Os noieses rompen o seu baleiro de puntos como locais superando ao Family Cash Alzira FS nun duelo directo que se resolveu na recta final.
Con 7 puntos no casilleiro, o Portus Apostoli visitará a próxima semana, sábado 28 ás 18:00h, a ElPozo Murcia Costa Cálida FS.

(foto: Pichero)

Ao cuarto intento, o Noia Portus Apostoli FS fai os deberes na casa. Os de Tomás de Dios conseguiron os seus primeiros puntos como locais cunha importante vitoria sellada entre o sufrimento, nun encontro cerrado en ocasións.

Dous equipos en urxencias citábanse no Agustín Mourís, e boa proba diso deixou unha primeira metade sen apenas ocasións claras que puxeran en perigos a Henrique e a Serra, meta alzireño que ingresou no 2’ pola lesión de Fede. Nin sequera coa superioridade numérica xerada pola expulsión, outra máis, a un xogador noiés. Neste caso, a Power Raggiati por dobre amarela no 6‘ e o 10‘. Salvou Henrique a máis clara dos visitantes nesa situación, precisamente a un ex branco como Joaki.

E por se parar fora pouco, o meta brasileiro levouse as luces tamén no primeiro tanto da tarde. Nunha das súas habituais incorporacións ao ataque, o seu disparo colouse na portería de Nacho Serra, abrindo a lata do partido no minuto 24. Dispuxeron os dous conxuntos de oportunidades para mover o electrónico, con certas intervencións de mérito de ambos gardametas.

Aínda co 1-0 se alcanzaron os últimos catro minutos, momento no que Braulio Correal, técnico alzireño, introduciu a Carlitos como porteiro-xogador. Nun desaxuste defensivo branco, o Family Cash atopou o camiño para romper a barreira noiesa. Aplicou a lei do ex Joaki no 38’ para desviar á rede un envío desde a banda dereita de Usín.

A resposta noiesa foi exacta e inmediata. Entrou Pazos coa camiseta de porteiro-xogador, e na primeira acción de superioridade, Pirata recibiu no centro e axustizou a Serra. Un tanto que, tras uns dous minutos finais de sufrimento defensivo pero con final feliz, vale ouro.

A próxima semana, o Noia visita Murcia para enfrontarse a ElPozo Murcia Costa Cálida FS, na oitava xornada da Primera División Fútbol Sala.


 
Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Pola, Machado, David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Power Raggiati, Lluc (c), Altamirano, Edu Jabá e Nico Rosa.

Family Cash Alzira FS: Fede (p), Rubi (c), Carlitos, Peiró e Gon Castejón. Tamén xogaron Nacho Serra (p), Hugo Alonso, Joan, Panés, Joaki, Álex Naranjo, Carlos e Gustavao.

Goles: 1-0 Henrique (24’), 1-1 Joaki (38’), 2-1 Pirata (38’).

Os colexiados madrileños Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro amoestaron polos locais con cartón amarelo a Power Raggiati (6‘ e 10‘), Pirata (32’), Attos (35’) e Edu Jabá (39’), ademais de ao adestrador Tomás de Dios (13’) e ao fisioterapeuta Darío Moure (17’). Polos visitantes, viron a amarela Rubi (28’), Fede (37’) e Joaki (38’).

Incidencias: partido correspondente á xornada 7 da Primera División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 550 espectadores.

Comments


bottom of page