top of page

CRÓNICA X6 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 4–3 JCT) | Simplemente épico

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 3 days ago
  • 3 min read
Sábado, 11/10/2025 · 23:57h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli realiza unha das remontadas exprés de todos os tempos para derrocar ao bicampión ligueiro e conseguir o seu terceiro triunfo consecutivo.
Sábado, 11/10/2025 · 23:57h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli realiza unha das remontadas exprés de todos os tempos para derrocar ao bicampión ligueiro e conseguir o seu terceiro triunfo consecutivo.

A falta de 24 segundos, o botín da vitoria viaxaba para Cartaxena. A gran actuación del Noia Portus Apostoli FS quedaba en auga de borraxes. Gañaba o bicampión ligueiro e de Supercopa. Impoñíase a lóxica. Ata que a lóxica deixou de existir. Simplemente, esvaeceuse. A tolemia, a maxia, o ‘factor Mourís’, chámenlle como queiran, abríronse paso, condensados en 23 segundos que xa son historia do fútbol sala e do deporte noiés.


O equipo branco deixou claras as súas intencións desde o primeiro momento: ía a darlle o maior ritmo posible ao discorrer do choque. Esixíao o guión, cos noieses plenos de efectivos e o Jimbee con varias baixas. Os avisos non se fixeron agardar, con Churrasco sendo o primeiro en ameazar. E pouco despois, empezando como terminou o anterior partido, Altamirano viu portería para o 1-0 cun disparo que Chemi tocou, aínda que non o suficiente.


Corría o minuto 5, pero ao 9’ o Jimbee Cartagena Costa Cálida xa remontara. Igualou Gon Castejón cun disparo preciso ao pau curto, apenas segundos despois do gol inicial. Cercando o ecuador do primeiro tempo, os meloneiros fixeron gala da súa enorme calidade como colectivo cunha belísima acción finalizada por Darío.


Partidazo de principio a fin | Imaxe: Foto Pichero
Partidazo de principio a fin | Imaxe: Foto Pichero

Custoulle uns minutos refacerse ao Noia, que recuperou a gran versión que amosara antes do 1-2 no tramo final do primeiro tiempo. Enfiando a agulla, Altamirano estivo preto de converter o seu dobrete, pero o disparo topouse co pau. Aínda co “ui” na boca, os afeccionados noieses celebraron o empate de Montero, perfectamente colocado no segundo pau para definir á rede unha xogada que iniciou con incorporación de Peixe.


Todo para o final


A saída de vestiarios, tiro ao largueiro de Mellado aparte, foi de cor branca. Aos de David Palmas só lles faltou o gol que rubricara uns favorables momentos de dominio e chegadas. O encontro chegou aos seus últimos minutos cun contexto de equilibrio que podía caer de calquera lado.


As faltas puideron decantarlo para o Noia. O Jimbee fixo a sexta no 37’, e Ismael dirixiuse ao punto de dez metros. Porén, o disparo do prieguense parouno Chemi. Facendo máis dano na ferida, Mellado sacouse un punteirazo inapelable para volver a adiantar aos seus con algo máis dun minuto no crono.


Deu entrada o técnico noiés a Biel como porteiro-xogador á mal chamada desesperada. Porque se algo tiñan o Noia e a súa afección era esperanza. Incluso despois do balón enviado demasiado alto por Ismael na área. Aínda tras a ocasión de David Pazos que repelía Chemi. E máis cando Thierry colou a pelota polo único lugar onde podía entrar, entre as pernas do gardameta rival, e facía o empate.


A celebración del 3-3 foi espectacular. Por todo o alto. Servía para un punto moi festexado. Pero a Jimbee non lle valía, e Duda meteu o seu porteiro-xogador. 23 segundos, balón en xogo de novo. 12 segundos, intento infructuoso dos visitantes. 6 segundos, pase de Darío. 4,5 segundos, intercepta Montero. Arma a perna esquerda. Golpea. 1 segundo e 6 décimas. E o Mourís estoupa. O que era imposible, pasou. Do 2-3 ao 4-3 en cuestión de 23 segundos. Tolemia, maxia, ‘factor Mourís’. Felicidade. Orgullo. E tres máis para o peto.



Próximo partido


O cadro noiés visitará Palma o luns 20 de outubro ás 19:30h para disputar o partido adiantado da xornada 9 ante o Illes Balears Palma Futsal.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Churrasco, Macedo, David Pazos (c) e Biel. Tamén xogaron Montero, Altamirano, Leozin, Diego Fávero, Thierry, Ismael e Rubi.


Jimbee Cartagena Costa Cálida: Chemi (p), Mellado (c), Motta, Darío Gil e Waltinho. Tamén xogaron Juninho, Carlos Alonso, Gon Castejón e Tomaz.


Goles: 1-0 Altamirano (5’), 1-1 Gon Castejón (6’), 1-2 Darío Gil (9’), 2-2 Montero (18’), 2-3 Mellado (39’), 3-3 Thierry (40’), 4-3 Montero (40’).


Os árbitros do colexio cántabro Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Peixe (10’), Schütt (16’) e David Pazos (30’). Nos cartaxeneiros, amarelas a Darío Gil (15’), o adestrador Duda (19’), Mellado (22’), Osamanmusa (32’), Waltinho (40’) e Gon Castejón (40’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 6 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 700 espectadores.

Comments


bottom of page