Dous goles do Servigroup Peñíscola nuns poucos segundos foron un mazazo do que non se recuperou un Portus Apostoli que segue sen sumar como local.
Este sábado 21 ás 13:00h, os noieses volven a xogar na casa, recibindo a visita do Family Cash Alzira FS.

O Noia Portus Apostoli FS quedou, unha vez máis, coas ganas de regalarlle un triunfo á súa afección. Levouno Servigroup Peñíscola, que con dous goles no minuto 27 deixou noqueado a un cadro branco que non foi capaz de levantarse do golpe.
Cambiou a tónica dun inicio igualado e de tensión o disparo ao pau de Altamirano. Desde aí, os noieses colleron confianza e contaron con ocasións para bater a Gus. Fíxoo David Pazos, cun punteirazo ante o que nada puido opoñer o meta peñiscolano. Porén, e cando mellor estaban os brancos, nunha acción de balón parado colocou no 13’ José Mario de novo o empate no marcador. Pedirían os noieses no tramo final unha máis que posible sexta falta, sobre Pirata, non sinalada, nun primeiro acto que se pechou con táboas.
Na reanudación, contou o Noia por medio de Power Raggiati coa ocasión máis clara, nunha maxistral combinación con Machado que finalizou co arxentino botando fóra o coiro tras regatear a Gus. Caprichos do deporte, nos segundos posteriores, Servigroup Peñíscola púxose dous tantos arriba. O 1-2, obra de Quintela, de novo en acción de balón parado, e o 1-3 nunha rápida transición finalizada por Gauna, foron un duro golpe anímico para os de Tomás de Dios.
A expulsión de Rufino e a diana de Pani na superioridade numérica puxeron máis impedimentos a un Portus Apostoli que tentou reaccionar co porteiro-xogador, sen éxito. Aínda así, conseguiu reducir distancias Pirata nun lanzamento de falta á escadra da meta de Gus. Desafortunadamente, o gol de Diego Quintela ono 37’ a porta baleira, polo xogo de cinco noiés, finiquitou o encontro do lado peñiscolano.
Sen tempo para laiarse, o Noia afronta este sábado outro importantísimo duelo, tamén no Agustín Mourís. O pechacancelas Family Cash Alzira FS visita o feudo noiés este sábado ás 13:00h, en partido da xornada 7 da Primera División Fútbol Sala.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Pola, Lluc (c), David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Henrique (p), Power Raggiati, Altamirano, Edu Jabá, Rufino, Nico Rosa e Machado.
Servigroup Peñíscola FS: Gus (p), José Mario, Víctor Pérez, Pani e Diego Quintela. Tamén xogaron Aicardo, Cristian, Juanqui, Gauna, Saladié, Shunta, Elías (c) e Diego Sancho.
Goles: 1-0 David Pazos (10’), 1-1 José Mario (13’), 1-2 Diego Quintela (27’), 1-3 Luciano Gauna (27’), 1-4 Pani (30’), 2-4 Pirata (36’), 2-5 Diego Quintela (37’).
Os colexiados Alberto Carrión Álvarez (colexio castelá-manchego) e Jorge Moreno Durán (colexio madrileño) amoestaron con cartón amarelo polos locais a Pirata (19’), ademais de ao segundo adestrador Manu Cossío (16’) e ao delegado Daniel Ventoso (16’ e 16’) e con vermella directa a Rufino (28’). Polos visitantes, amarelas a Elías (5’), Juanqui (12’), José Mario (15’) e Gus (35’), ademais de ao delegado Alberto Escoda (11’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 6 da Primera División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 500 espectadores.
コメント