top of page

CRÓNICA X5 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 0–4 FCB) | Derrota na visita do Barça


Sábado, 09/11/2024 · 21:55h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli non puido tumbar a resistencia dun serio conxunto culé, acertado nos erros noieses para levar o triunfo do Mourís.


A falta de gol volveu a ser protagonista no Noia Portus Apostoli FS, que viu escaparse o duelo contra o Barça, nun Agustín Mourís a reventar nas gradas, por un gran Feixas entre paus e a solidez dos culés.


Era imposible non estar extramotivado para os noieses, e así o demostraron no inicio do encontro. A afección respondeu ao máximo ante esta cita de aúpa e os xogadores intentaron devolverlle ese cariño desde o primeiro minuto, contando coas mellores ocasións. Aí comezou a emerxer Feixas para salvar as probaturas de David Pazos ou Montero, entre outras varias.


Lamentaron máis aínda eses fallos os brancos cando, nun balón solto na área, Martel adiantaba aos blaugrana, que case non crearan perigo sobre o marco defendido por Schütt. Apenas un minuto máis tarde, e xusto despois dunha oportunidade clarísima marrada por David Pazos, o mesmo Martel convertía o 0-2 nunha rápida acción.


Para todo saíu cruz


Ao enganoso resultado momentáneo uniuselle a expulsión de Power Raggiati, xa na segunda metade. O arxentino viu dúas amarelas case consecutivas, a primeira por protestar e a segunda por desprazar de maneira involuntaria a portería nun ataque noiés. Tras resistir a inferioridade numérica, o Noia volveu á súa. Porén, o que chegaría sería o 3-0, con Antonio anotando ao recibir un balón bombeado e deixar atrás ao seu marcador e á saída de Schütt.


Con aínda 7 minutos por diante, Pirata puxo a camiseta de porteiro-xogador. Nun deses ataques en superioridade, o Mourís pediu penalti sobre o lucense. Os colegiados non indicaron nada, e na continuación Antonio non perdoou desde a área catalá para o seu dobrete particular e o cuarto dun práctico Barça, que certificaba o partido. Nin sequera nos últimos catro minutos de continuado asedio local en superioridade concedeu Feixas o chamado “gol da honra” a un Noia que, de novo, probou o desagradable sabor da frustración e o de ter merecido algo máis.



Próximo partido


O Portus Apostoli desprazarase á cancha do Servigroup Peñíscola FS o vindeiro sábado 16 ás 18:00h, na sexta xornada de Primeira División FS.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Rubi, Diego Fávero e Pirata (c). Tamén xogaron Montero, Garrincha, Rufino, Attos, Álex García, David Pazos, Matheus Preá e Koeman.


Barça: Feixas (p), Antonio, Dyego, Catela e Fits. Tamén xogaron Ortas, Erick, Sergio Lozano (c), Martel, Rubén Rodó, Álex e Matheus.


Goles: 0-1 Martel (14’), 0-2 Martel (15’), 0-3 Antonio (33’), 0-4 Antonio (36’).


Os árbitros Francisco Javier Marazuela Hernando e Sergio Toral Heredia, ambos do comité castelán-leonés, amoestaron con cartón amarelo nos noieses a Attos (5’), Rubi (23‘), Rufino (23’) e Power (28’ e 29’). Viu a vermella directa o adestrador David Palmas (36’). Nos barcelonistas, amarelas a Feixas (18’), Erick (25’), Dyego (32’) e Antonio (34’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 5 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 800 espectadores. Nos prolegómenos do encontro realizouse un minuto de silencio en memoria das vítimas da DANA ocorrida os días anteriores en España.

Comentarios


bottom of page