top of page

CRÓNICA X5 (VAV 2-4 NPA) | O “Inferno” volve a ser noiés

O Portus Apostoli repite vitoria no Virgen de la Cabeza para anotarse a primeira da temporada, nun partido de alta intensidade e emocións.
Os brancos quedan con 4 puntos antes da próxima semana, na que haberá dobre cita no Mourís, o mércores ante Peñíscola e o sábado contra Alzira.

El equipo celebrando el gol de David Pazos (foto: Manuel Lorenzo)

Á quinta foi a vencida. O Portus Apostoli logrou romper o saco das vitorias na visita a Valdepeñas, onde tivo que sufrir e repoñerse a dúas desvantaxes no marcador e a expulsión de Pola para reclamar os primeiros tres puntos dna temporada.

Non só chegaba o Noia necesitado a este duelo, tamén o facia un Viña Albali Valdepeñas que desde o inicio de partido, cunha afición moi enchufada, impuxo o ritmo. Eric Martel, cun dereitazo desde banda no minuto 2, rubricou cedo as sensacións de dominio vinatero que se vivirían durante a maior parte do primeiro acto.

Na acumulación de faltas local atoparía o respito o cadro branco, que, iso si, iba mellorando co transcurso dos minutos. Deixando pantasmas do pasado atrás, Pirata non errou no lanzamento de dez metros, ante o que se impoñían Álex González e unha pitada descomunal dun Virgen de la Cabeza a rebosar. Porén, a primeira metade aínda gardaba un disgusto ao Portus Apostoli, coa expulsión de Pola por dobre amarela. Non deixaron pasar a oportunidade os azulóns, que por medio de Eloy Rojas levaron o choque ao descanso con 2-1 no electrónico.

Engancháronse totalmente ao partido os noieses co tanto de Rufino no 4’ da reanudación, pouco despois de que un disparo ao largueiro de Pol Pacheco estivera a punto de poñerlle a empresa case imposible aos de Tomás de Dios. Os nervios na pista eran palpables entre ambos conxuntos, que chegaban á cita sen coñecer o sabor da vitoria este curso, e os minutos posteriores pasaron con moita tensión, paróns e amonestacións por parte dos colexiados.

Nada mellor para poñer fin a ese contexto que unha delicatessen. A que realizou David Pazos, tras recoller un pase á medida de Machado, sortear a Pol Pacheco e vencer a saída de Álex González cun fino toque ao balón, que tomou o camiño aberto entre as pernas do meta local para bicar as mallas e colocar o 2-3, aínda con oito minutos por diante.

Pouco tardou David Ramos en introducir o porteiro-xogador, con Lolo e Eloy Rojas turnándose no posto. Entre o sufrimento ante o empuxe de equipo e afección local e as intervencións clave de Henrique, Altamirano cazou unha recuperación de balón para anotar o cuarto, que resultaría definitivo para levarse nas maletas de volta a Noia os primeiros tres puntos do curso.

Por fin, os noieses saíron con ese bo sabor de boca que tanto se resistira en partidos anteriores. Con ese triunfo que da un importante impulso ao colectivo antes dos dous partidos en cuatro días, ambos no Mourís. O primeiro deles o vindeiro mércores ás 20:00h ante Servigroup Peñíscola, a próxima cita dun Noia con ganas, agora, de estrear a saca das vitorias xunto á súa xente.


 
Ficha técnica

Viña Albali Valdepeñas: Álex González (p), Lolo, Eric Martel, Eloy Rojas e Bynho. Tamén xogaron Alberto, Boyis, Abbasi, Fernando, Moha, Rafael Rato (c), Pol Pacheco e Nano.

Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Pola, Lluc (c), David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Henrique (p), Power Raggiati, Altamirano, Rufino, Nico Rosa e Machado.

Goles: 1-0 Eric Martel (2’), 1-1 Pirata (18’), 2-1 Eloy Rojas (19’), 2-2 Rufino (24’), 2-3 David Pazos (32’), 2-4 Altamirano (37’)

Os colexiados Fernando Faubell Zaldívar e José Lázaro Angulo amoestaron con cartón amarelo polos locais a Boyis (8’), Eric Martel (17'), Pol Pacheco (30') e Alberto (31’) e polos visitantes a Pola (10’ e 18’), Henrique (15’), Pirata (23'), Attos (24’), Rufino (26’), Power Raggiati (30’), Lluc (31’), ademais do preparador físico Juan Carlos Argibay (15') e o adestrador Tomás de Dios (18').

Incidencias: partido correspondente á xornada 5 da Primera División Fútbol Sala, disputado no Pabellón Virgen de la Cabeza de Valdepeñas ante uns 2000 espectadores.

bottom of page