top of page

CRÓNICA X4 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (OSA 2–1 NPA) | Derrota pola mínima en Pamplona


Venres, 01/11/2024 · 23:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses non aproveitaron os seus bos momentos nun igualado partido.


O gol volveulle a ser esquivo a un Portus Apostoli que caeu derrotado pola mínima en Anaitasuna ante un Osasuna Magna que, a diferenza dos noieses, si soubo concretar cando puido e terminou conquistando os tres puntos cun axustado resultado de 2-1.


Tras un inicio de tanteo, Osasuna Magna foi gañando pouco a pouco en confianza e achegándose á portería de Schütt con perigo. Nunha desas, Pachu desbordou e definiu con contundencia para abrir o marcador, transcorrendo o minuto 10 de xogo. Tan só 4’ despois, Roberto Martil cabeceou á rede un servizo desde a banda, colocando así o 2-0.


Espertou o Noia no tramo final de primeira parte, capitaneado por un David Pazos que contou con varias oportunidades. Nos últimos segundos antes de encarar vestiarios, o amesán logrou derrubar a muralla de Asier, e fíxoo da mesma maneira que ante ElPozo: nun preciso lanzamento de falta que abría todo de novo para a reanudación.


Inercia positiva sen premio


A segunda parte comezou sendo tan noiesa como acabou a primeira. O dominio e as ocasións, porén, foron estériles. Chegadas claras de Pirata, Garrincha, Koeman e incluso un pau de Diego Fávero sucedéronse nos primeiros dez minutos do regreso á pista, coa incredulidade xeralizada de ver como ningunha delas acababa entre as mallas locais.


Para máis, o marcador de faltas tampouco sorría. Con catro estaban os noieses aínda no 29’, a quinta produciuse no 32’ e un máis tarde foi sinalada a máis que discutida sexta. Pachu perdoou no tiro de dez metros, estrelándoo na madeira. A tres minutos do final, Pirata entrou coa camiseta de porteiro-xogador, otra faceta na que os brancos xeraron. Pero estaba claro que non era o día do Portus Apostoli, ao que a falta de acerto lle volveu a custar caro.





Próximo partido


Os noieses recibirán este sábado 9 ás 18:00h ao Barça no Municipal Agustín Mourís, en encontro nomeado “Día do Club” e pertencente á xornada 5 de Primeira División FS.


 

Ficha técnica

Osasuna Magna: Asier (p), Toni Escribano, Dani Saldise, Ligeiro e Pachu. Tamén xogaron Roberto Martil (c), Josu Mendive, Ion Cerviño, Korsun e Harada.


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Rubi, Álex García e Garrincha. Tamén xogaron Montero, Diego Fávero, Attos, Pirata (c), David Pazos, Matheus Preá e Koeman.


Goles: 1-0 Pachu (10’), 2-0 Roberto Martil (14’), 2-1 David Pazos (20’).


Os árbitros aragoneses Fernando Faubell Zaldívar e José Lázaro Angulo amoestaron con cartón amarelo polos navarros a Asier (12’) e Ligeiro (13’). Nos noieses, amarelas a Matheus Preá (17’), Álex García (23’), Diego Fávero (32'), Attos (33’) e Rubi (33’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 4 da Primeira División FS, disputado no Pavillón Anaitasuna de Pamplona ante uns 1.500 espectadores. Nos prolegómenos do partido, gardouse un minuto de silencio en lembranza das vítimas dos estragos causados pola DANA os días previos en España.

Comments


bottom of page