top of page

CRÓNICA X4 (NPA 5–8 FCB) | Condenados por un mal reinicio

A saída de vestiarios terminou coas opcións dos noieses, que se adiantaran en dúas ocasións na primeira metade.
O vindeiro fin de semana, novo parón ligueiro. En 14 días, os nosos visitan ao Viña Albali Valdepeñas o sábado 14 ás 13:00h.

David Pazos controla o balón nun momento do choque (foto: Pichero)

Uns minutos fatais no comezo da segunda metade tiraron por terra todas as opcións do Noia Portus Apostoli FS ante o Barça, ao que plantou cara e incluso puxo contra as cordas por momentos, pero que acabou levándose un partido tolo por 5-8, e todo a pesar da rebeldía dun Noia que nunca se deu por vencido.

O Agustín Mourís, cheo ata os topes, comezou a vibrar moi pronto cos seus. Pola converteu o 1-0 no 2’, cabeceando a gol nunha acción de saque de banda un balón elevado na área. Adolfo igualou de novo apenas un minuto máis tarde, iso si, sen apagar o lume dun partido de altísima intensidade desde o inicio.

Un movemento de funambulista de Pirata na liña de fondo deu orixe ao 2-1 no 7’, obra de Sergio González, en quen rebotou o pase posterior do lucense, en propia meta. O marcador mantívose así durante practicamente o resto do primeiro acto, debido a que Sarmiento, no seu debut como noiés, sacou varias estiradas de mérito e a que a os brancos, que se atreveron ocasionalmente co porteiro-xogador, faltoulles puntería para abrir distancias. E o que perdoas, un equipo como o Barça castígao. Por partida dobre, tendo en conta que o tanto do empate de André Coelho foi no minuto previo a coller camiño a vestiarios.

Na saída chegou a condena. Tivo Rufino, xa co 2-3 de Matheus no electrónico, unha oportunidade manifesta para nivelar de novo o envite, desbaratada incriblemente por Dídac cando o pavillón xa celebraba. De non ser polo meta catalán, chegara o 3-3, e non o 2-4 na xogada seguinte, convertido por Antonio. Todo iso, xunto ao 2-5 a continuación de Matheus, foi como un duro golpe no queixo dos de Tomás de Dios, tan só transcorridos cinco minutos de reanudación. Antes de chegar ao 30’, engadiría dous máis ao bote visitante Sergio González, aproveitando o xogo de cinco noiés e o seu poder en transición.

Con 2-7 e 11 minutos por diante, nin equipo, lastrado fisicamente polas baixas que provocan unha curta rotación, nin afición se deixaron levar. Altamirano volveu a prender a chama cunha acción xenial que definiu á rede, e, despois dun conflicto que se saldou principalmente coa vermella directa a Catela, Pola fixo o seu dobrete para o 4-7. Volvería a insistir co porteiro-xogador o cadro noiés e no 38’ daría resultado. O tanto de David Pazos puxo as emocións por todo o alto nun Mourís quente en temperatura e ambiente.

Quixo crer o Portus Apostoli, con dous goles abaixo pero a inercia ao seu favor a 2’44’’ do final. Porén, na primeira que puido correr o Barça, Pito axustizou e decantou a balanza definitivamente do lado catalán, que se levou os tres puntos de Noia. Os nosos seguen sen coñecer a vitoria nesta Primera División Fútbol Sala 23/24, e volverán a buscala dentro de 14 días en pista do Viña Albali Valdepeñas, despois de superar o segundo dos paróns ligueiros que se vén esta semana.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Nico Sarmiento (p), Pola, David Pazos, Altamirano e Rufino. Tamén xogaron Power Raggiati, Edu Jabá, Pirata (c), Nico Rosa e Machado.

Barça: Dídac (p) (c), Erick, Matheus, Adolfo e Álex Yepes. Tamén xogaron André Coelho, Antonio, Pito, Catela, Puigvert e Sergio González.

Goles: 1-0 Pola (2’), 1-1 Adolfo (3’), 2-1 Sergio González en propia portería (7’), 2-2 André Coelho (19’), 2-3 Matheus (21’), 2-4 Antonio (23’), 2-5 Matheus (24’), 2-6 Sergio González (28’), 2-7 Sergio González (29’), 3-7 Altamirano (30’), 4-7 Pola (36’), 5-7 David Pazos (38’), 5-8 Pito (39’).

O colexiado vasco Eder Gómez de Salazar e o madrileño Luis Manuel Manso Martín amoestaron con cartón amarelo polos locais a Machado (12’), Iván (20’), Rufino (22’), David Pazos (26’), Power Raggiati (34’) e Altamirano (34’), e polos visitantes a Sergio González (9’), André Coelho (15’) e Antonio (30’) e a vermella directa a Catela (34’).

Incidencias: partido correspondente á xornada 4 da Primera División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 750 espectadores.

bottom of page