top of page

CRÓNICA X3 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 3–3 ELP) | Moi meritorio primeiro punto


Sábado, 26/10/2024 · 22:30h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses melloran as súas sensacións e estrean o casilleiro nun partido sen tregua contra un dos mellores conxuntos do campionato.


O Noia Portus Apostoli FS fíxose co seu primeiro punto da temporada, ao empatar por 3-3 nun duelo de altísima competición na casa contra todo un ElPozo Murcia Costa Cálida FS, no que, ademais de estrear o casilleiro, recuperou sensacións con respecto ao anterior choque.


Se no primeiro partido como locais os noieses quedaron sen gol, nesta ocasión si apareceu e ben cedo. Roubou e axustizou Power Raggiati para abrir a lata no minuto 2 de encontro, nun balón que se meteu entre as pernas de Edu.


A pesar da vantaxe, o Portus Apostoli estivo en varios momentos a mercé dun ElPozo dominador coa posesión e as chegadas. Os xamoneiros terminarían logrando o empate, iso si, na acción máis inverosímil. Schütt e Power non se entenderon, e a pelota quedou domada na área para que Rafa Santos anotara a pracer, aínda no 9’ de xogo. Con 5 faltas desde o 14’ e algunha que outra intervención de mérito de Schütt, o Noia aguantou a igualada ao camiño a vestiarios.


Toma e daca na segunda metade


Con mellor cara saíron os brancos á reanudación, pero quen tomaría dianteira sería o cadro murciano. Marcel, pichichi do Mundial e da pasada Liga, enviou á rede un servizo de Gadeia, atento para roubar un pase de David Pazos. O de Ames redimiuse practicamente ao instante, devolvendo o empate cun certeiro lanzamento de falta. Rubi estivo a piques de poñer en vantaxe de novo aos seus, pero o disparo do santiagués escupiuno o pau.


Tamén bicou a madeira, para ser máis exactos ambas, o tiro de Esteban, aínda que, no seu caso, o esférico introduciuse na meta local para tornar no 2-3. A xerra de auga fría non apagou a un Mourís moi prendido, en perfecta comuñón cun equipo que amosou a súa mellor actitude e competitividade. Para exemplo, a acción do que sería o definitivo 3-3. Power tirou de picardía servindo rápido de banda a Altamirano, que superou por abaixo a un Edu que non puido enmendar a descolocación dos seus compañeiros.


O gol do arxentino pechou un tramo de catro goles en cinco minutos e deixaba as espadas por todo o alto, aínda con 8 minutos por xogarse. Nin ese contexto detivo o gran ritmo do partido. Máis aló dun disparo ao pau de Ricardinho, as mellores ocasións dispúxoas o Portus Apostoli, en botas de Power e Pirata. Ambas, ao igual que o resto, quedaron a centímetros de aumentar máis o xa de por si considerable valor deste primeiro punto do Noia, que agarda que sirva de punto de inflexión de cara ás seguintes datas.




Próximo partido


Os noieses visitarán Anaitasuna, cancha do Osasuna Magna, o vindeiro venres 1 ás 19:30h, en partido da 4ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Altamirano, Álex García e Rufino. Tamén xogaron Iván (p), Montero, Garrincha, Diego Fávero, Pirata (c), David Pazos, Matheus Preá e Rubi.


ElPozo Murcia Costa Cálida FS: Edu (p), Marlon, Marcel, Felipe Valerio (c) e Rafa Santos. Tamén xogaron Esteban, Ricardo, Ricardinho, David Álvarez, César e Gadeia.


Goles: 1-0 Power Raggiati (2’), 1-1 Rafa Santos (8’), 1-2 Marcel (27’), 2-2 David Pazos (28’), 2-3 Esteban (30’), 3-3 Altamirano (32’).


Os colexiados Héctor Mayo López e Carlos Panadero Díaz-Concha, ambos do comité madrileño, amoestaron nos noieses con cartón amarelo a Power Raggiati (9’), Rufino (14’) e Pirata (38’). Nos murcianos, amarelas a Esteban (28’) e Felipe Valerio (36’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 3 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores.

Comments


bottom of page