top of page

CRÓNICA X30 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (MOV 4–1 NPA) | Campá e acabou

  • 2 hours ago
  • 3 min read
Sábado, 16/05/2026 · 19:43h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os brancos pechan o curso cunha derrota en Torrejón, nun bo partido do equipo, no que, ademais, se produciu o debut do xuvenil Cristian.
Sábado, 16/05/2026 · 19:43h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os brancos pechan o curso cunha derrota en Torrejón, nun bo partido do equipo, no que, ademais, se produciu o debut do xuvenil Cristian.

A temporada 2025/2026 xa é historia para o Noia Portus Apostoli FS. Os noieses caeron (4-1) na pista do Movistar Inter FS, nun igualado duelo da 30ª e definitiva xornada ligueira no que o compromiso do bloque e a ampla presenza de xogadores da Escola Noiesa volveron a ser protagonistas.


O Portus Apostoli acudía ao Jorge Garbajosa ein presión clasificatoria, ao contrario que un Movistar Inter FS que se xogaba finalizar da mellor maneira posible na táboa de cara ao PlayOff, coa 3ª praza como teito. Os de Alberto Riquer demostrárono adiantándose no minuto 3, cun disparo exterior de Raya que non puido deter Iván. O porteiro filialista, un dos catro xogadores de Filial e/ou Xuvenil DH na convocatoria, cumpría a súa primeira titularidade en Primeira, ante as baixas de Schütt e Peixe, dúas de tantas.


Os dous últimos capitáns do Portus Apostoli | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Os dous últimos capitáns do Portus Apostoli | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Os noieses trataban de desembarazarse do dominio do esférico local e conseguir o empate. Preto estivo Ismael, cun fortísimo remate que se estrelou no largueiro. Nas botas de Churrasco, cuxo envío á área non atopou destinatario, produciuse outro achegamento con perigo dos brancos. Porén, o seguinte gol do choque volveu a ser verde. Converteuno Cecilio, atento no segundo pau en acción de estratexia.


Un novo debut


O equipo de David Palmas recurtou distancias á saída de vestiarios, cun misil en falta directa de Ismael. O 21º tanto en Liga do prieguense na súa primeira temporada como noiés. Aínda que a alegría durou pouco. Apenas uns segundos despois, un tiro de Barona desviado por Biel elevaba o terceiro gol ao marcador de Movistar Inter FS.


Ata o final do encontro, o Noia demostrou personalidade e atrevemento para controlar a pelota durante varias fases. Incluso con varios minutos dos rapaces Koeman e Oliver Chenel e o debut do porteiro xuvenil Cristian, que a piques estivo de facer saltar a banca na súa primeira aparición, cun disparo de lonxe que detivo Jesús García con problemas.


Debutou Cristian en portería | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Debutou Cristian en portería | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

A pesar diso, e cun pau de Pani e outro de Churrasco en cada bando, o electrónico non se moveu ata o último minuto, cando Javi Mínguez aproveitou o xogo de cinco visitante para converter o 4-1 definitivo.


Campá e acabou a temporada 2025/2026, a mellor en canto a puntuación para o Noia Portus Apostoli FS, que termina 11º na táboa con 39 unidades. Pero, máis aló dos números, permanecen os grandes momentos de alegría, sufrimento e sentimento vividos ao lado dun equipo e unha afección que xa agardan ansiosos o inicio do quinto capítulo na elite.



Ficha técnica

Movistar Inter FS: Jesús García (p), Raya, Barona, Carlos Bartolomé e Cecilio. Tamén xogaron Chaguinha, Raúl Gómez, Harrison, Javi Mínguez, Pani e Pirata.


Noia Portus Apostoli FS: Iván (p), Churrasco, Thierry, Douglas e Ismael. Tamén xogaron Cristian (p), Gui Lima, Montero, Monteros, Macedo, Koeman, Biel, Oliver Chenel e David Pazos (c).


Goles: 1-0 Raya (3’), 2-0 Cecilio (12’), 2-1 Ismael (24’), 3-1 Biel, en propia portería (24’), 4-1 Javi Mínguez (40’).


Os árbitros Óscar Ropero Lara e Samuel Gabaldón Rico, do comité valenciano, amoestaron con tarxeta amarela nos interistas a Raya (9’), Cecilio (24’), o adestrador Alberto Riquer (35’) e Harrison (37’). Nos noieses, amarelas a Churrasco (9’) e David Pazos (13’)


Incidencias: partido correspondente á xornada 30 da Primeira División FS, disputado no Pavillón Jorge Garbajosa de Torrejón de Ardoz ante uns 2000 espectadores.

Comments


bottom of page