O Portus Apostoli caeu ante un Movistar Inter que soubo aproveitar os erros noieses.
Pola, no seu último partido de Liga antes de colgar as botas, recibiu a merecida homenaxe de institucións e ambas aficións nun Jorge Garbajosa entregado ao vigués.
O Noia Portus Apostoli FS dixo adeus á temporada 2023/2024 ligueira cunha clara derrota ante Movistar Inter no Jorge Garbajosa, onde Pola foi o principal protagonista, nun duelo no que só había en disputa clasificatoria a posición final dos interistas antes do PlayOff. O vigués, capitán branco por un día, recibiu un gran recoñecemento por parte de institucións e aficións antes e despois do choque, no penúltimo partido da súa carreira deportiva.
En canto ao que sucedeu no 40x20, a igualdade entre ambos conxuntos mantívose ata que Movistar Inter FS conseguiu abrir a lata. Un erro no marcaxe dunha falta permitiu aos locais, que se xogaban o 4º posto, poñer o 1-0 por medio de Fits. O tanto fixo dano aos noieses, que intentaron recuperar sensacións co porteiro-xogador. Porén, o que se produciu foi o segundo de Inter, obra de un Terry que no último minuto do primeiro acto abría máis distancia desde o punto de dez metros, tras a sexta falta visitante.
Tampouco na saída de vestiarios soubo reconducir o seu camiño o Portus Apostoli. O atasco no xogo de cinco deu lugar a dous tantos máis, de Rubi e Raúl Gómez, antes do ecuador do segundo período. A partir de aí e xa sen o porteiro-xogador, o único realmente destacable foron os debuts de Lucho e Hugo, xogadores do Filial noiés que gozaron de uns cantos minutos ben gañados polo seu gran traballo esta temporada.
Agora ao Noia Portus Apostoli FS quedálle pendente o seu último gran obxectivo antes de pechar o curso, reeditar campionato de Copa Galicia este venres ás 12:30h fronte a O Parrulo Ferrol FS no Agustín Mourís. Ese será o último partido dunha carreira de lenda, de todo un coleccionista de títulos e grandísimos momentos neste deporte, que se levou da que foi a súa casa durante uns 10 anos a súa merecida homenaxe como conclusión á altura da súa traxectoria.
Ficha técnica
Movistar Inter FS: Jesús García (p), Raúl Gómez, Cecilio, Rubi e Drahovsky. Tamén xogaron Korpela, Fits, Lazarevic e Terry.
Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Pola (c), Lluc, David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Henrique (p), Power Raggiati, Edu Jabá, Rufino, Hugo García, Nico Rosa, Bonino, Matheus Preá e Lucho.
Goles: 1-0 Fits (12’), 2-0 Terry (15’), 3-0 Terry (20’), 4-0 Rubi (23’), 5-0 Raúl Gómez (29’).
Os árbitros Pedro Antonio Carrillo Arroyo e Juan José Cordero Gallardo, do comité andaluz, amoestaron con cartón amarelo polos interistas a Terry (6’), Lazarevic (7’), Cecilio (8’) e Drahovsky (24’). Viron a amarela nos noieses Lluc (12’), Sarmiento (13’), Pola (13’), Pirata (17’) e Rufino (20’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 30 e última da Primeira División FS, disputado no Pavillón Jorge Garbajosa de Torrejón de Ardoz ante uns 1.500 espectadores, con notable presenza de público noiés. Na previa do encontro, Pola recibiu unha homenaxe do público e das institucións RFEF, AJFS e Movistar Inter FS.
Comments