Os colexiados non viron unha clarísima man de Fabinho na acción do 2-1 final, que ademais produciuse xusto sobre a bucina.
Os noieses tiveron que repoñerse anteriormente a máis golpes, como a vermella directa na primeria metade a Lluc, un gol pantasma de Altamirano, lesións e ata tres tiros ao pau.
Loitar ante todas as adversidades para acabar con cara de tonto. Iso lle tocou vivir ao Noia Portus Apostoli FS na súa visita a Anaitasuna, onde todos os esforzos realizados non valeron para nada ante un gravísimo erro da parella arbitral, que concedeu o clarísimo gol coa man de Fabinho sobre a bucina que deixou os tres puntos para Osasuna Magna.
E iso que o inicio foi inmellorable para os intereses brancos. Rufino adiantou aos seus empuxando á rede un balón solto no minuto 2 de xogo. O tanto deu tranquilidade aos de Tomás de Dios, que se amosaron moi sólidos atrás, sen conceder apenas nada aos verdes, e contaron con ocasións para facer o segundo, como os disparos aos paus de David Pazos e Lluc.
Pero, por riba de todas elas, a de Altamirano. O arxentino acompañou o pase de David Pazos cun leve toque até a portería, que Asier freou xusto na liña... ou non. Un gol pantasma que niso quedou, xa que os árbitros non aprezaron algo que nas imaxes ofrece serias dúbidas.
Tampouco aprezaran, nun principio, que a falta de Lluc a Toni no minuto 18 era merecedora de vermella directa. Coa amarela fóra do bolsillo dun dos colexiados, a decisión mudou á expulsión, despois do bulicio xerado en torno a un Toni que, en primeira instancia, se doía no chan, pero, afortunadamente, puido recuperarse e seguir xogando, ao contrario que o capitán noiés.
Resistiu en inferioridade numérica o Portus Apostoli, incluso tamén os segundos nos que estiveron así na reanudación. Xa no cinco contra cinco, Osasuna Magna mantívose moi activo en ataque, nos que foron probablemente os seus mellores minutos. Finalmente, e aínda que o Noia tivo oportunidades de facer o segundo, Linhares igualou a contenda superado o ecuador do segundo acto cun forte remate sobre o marco de Henrique.
O brasileiro sería protagonista negativo uns minutos despois, no mesmo minuto no que unha delicia de Pirata deu no pau. E é que por molestias físicas tivo que deixar o seu sitio no terreo de xogo ao debutante na categoría Iván, correndo igual sorte que primeiro Lluc, pola vermella, e máis tarde Pola, tamén con dores.
O vigués acabaría volvendo a cancha para defender como fora o porteiro-xogador local a tres minutos do final. Sen engurrarse o máis mínimo, Iván completou dúas boas paradas, xusto antes do escándalo. Unha evidente man que nin os dous árbitros principais, nin o terceiro, nin a mesa lograron ver, a pesar de contar algún deles cunha panorámica perfecta da acción, arrancou un punto do saco noiés ao mesmo tiempo que soaba a bucina final. As protestas de nada valeron, máis que dunha amarela a Pau, e o remate co brazo de Fabinho subiu ao marcador ante a incredulidade dun Noia indignado e frustrado.
O Portus Apostoli quédase con 1 punto na tába tras 3 partidos. A vindeira semana, o sábado 30 ás 18:00h, visita o Agustín Mourís o Barça, actual campión de Liga.
Ficha técnica
Osasuna Magna: Asier (p) (c), Toni, Linhares, Pachu e Dani Saldise. Tamén xogaron Geraghty, Juninho, Fabinho, Ion Cerviño e Eloy de Pablos.
Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Pola, Power Raggiati, David Pazos e Rufino. Tamén xogaron Iván (p), Lluc (c), Altamirano, Edu Jabá, Attos, Pirata e Nico Rosa.
Goles: 0-1 Rufino (2’), 1-1 Linhares (31’), 2-1 Fabinho (40’).
Os colexiados cataláns Bernardo Simón Benet e Iván López Galiano amoestaron con cartón amarelo polos locais a Fabinho (7’), Roberto Martil (8’), Linhares (19’), Geraghty (24’) e Ion Cerviño (27’), mentres que nos visitantes ensináronlla a Pola (18’), Rufino (21’), Nico Rosa (36’) e Pau (40’) e viu a vermella directa Lluc (18’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 3 da Primera División Fútbol Sala, disputado no Pavillón Anaitasuna de Pamplona ante uns 1000 espectadores.
Comments