top of page

CRÓNICA X2 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 2–2 JPI) | Un punto gañado ata o final

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Sep 10, 2025
  • 3 min read
Martes, 09/09/2025 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | O tanto de Ismael a falta de 56 segundos estrea o casilleiro do Portus Apostoli, que logrou igualar o 0-2 co que se colocaron os xienenses.
Martes, 09/09/2025 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | O tanto de Ismael a falta de 56 segundos estrea o casilleiro do Portus Apostoli, que logrou igualar o 0-2 co que se colocaron os xienenses.

Non foron os tres que se buscaban, pero este un sabe moi ben. O Noia Portus Apostoli FS consegue o seu primeiro punto in extremis, grazas ao golazo de Ismael desde a marca de dez metros a falta de 56 segundos para o asubío final.


O ritmo e a intensidad presupoñíanselle ao partido, e así se deu. Ese contexto sentoulle mellor aos noieses, que, xunto a unha afección que se deixaba a gorxa na grada, contou con chamativas ocasións de Douglas, Thierry e Macedo para abrir a lata. También se deixaba ver pola área rival o Jaén Paraíso Interior FS, perigoso incluso cando está incómodo.


O primeiro oficial na casa da 25/26 | Imaxe: Foto Pichero


Mati Rosa probou o pau minutos antes de que o seu compañeiro Rikelme aproveitara un erro noiés na saída de presión. O 0-1 fou unha xerra de auga fría para o Portus Apostoli, que contento estivo con soster o resultado ata o descanso.


De menos a máis


Os xienenses aumentaron diferenzas ao 4’ do reinicio nunha acción revisada polos colexiados. No Soporte de Vídeo aprezaron un leve toque de Mareco coa cabeza no saque de banda lanzado directamente cara a área, concedendo o 0-2 que poñía moi costa arriba a empresa aos brancos.


A reacción chegou no último cuarto de partido. Os de Dani Rodríguez buscaban xa máis protexerse, coa vantaxe e as catro faltas no seu electrónico. Forzáballes tamén o empuxe de Macedo ou as incorporacións de Peixe. Pero sería outro desequilibrante por natureza como Altamirano o que prendería definitivamente a esperanza. O arxentino, capitán pola baixa de David Pazos, fíxose o oco cara o centro e superou cun potente disparo a Espíndola no 33’.


O gardameta visitante converteuse en protagonista do tramo final, desbaratando as intentonas dun Portus Apostoli desatado, que introduciría a Thierry como porteiro-xogador. Buscando unha desas xogadas, João Salla empuxaba a Ismael sen balón e os árbitros sinalaban a sexta falta do Jaén.


O receptor da infracción colleu o coiro e, sen ningún atisbo de dúbida, aloxouno desde a sinal de dez metros na escadra esquerda do marco amarelo. Se na xornada 1 madrugou para anotar aos 7 segundos, na 2 fíxose de rogar a falta de 56 para o final. Xusto a tempo para rascar un importante punto e estrear o casilleiro.



Próximo partido


Finaliza o sprint inaugural ligueiro este venres 12 ás 20:00h, co partido da 3ª xornada na cancha de ElPozo Murcia Costa Cálida FS.


Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Montero, Thierry, Douglas e Ismael. Tamén xogaron Peixe (p), Altamirano (c), Varsalona, Leozin, Macedo, Biel e Churrasco.


Jaén Paraíso Interior FS: Dudu (p), João Salla, Bynho, Lemine e Mati Rosa. Tamén xogaron Espíndola (p), Power Raggiati, Esteban, Dani Zurdo, Rikelme, Alan Brandi (c), Luque e Mareco.


Goles: 0-1 Rikelme (13’), 0-2 Mareco (24’), 1-2 Altamirano (33’), 2-2 Ismael (40’).


Os árbitros Carlos Panadero Díaz-Concha e Héctor Mayo López, do comité madrileño, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Douglas (10’), Peixe (14’), Churrasco (15’) e Diego (32’). E nos xienenses, amarelas a Mati Rosa (23’), Lemine (23’), Bynho (33’), Power Raggiati (34’) e Luque (40’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 2 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 700 espectadores.

Comments


bottom of page