top of page

CRÓNICA X2 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (JPI 5–2 NPA) | As imprecisións custan caro


Domingo, 20/10/2024 · 17:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os xienenses romperon o choque nunha primeira metade na que castigaron en exceso aos brancos.


Se a dor da derrota na primeira xornada se consumou nos instantes finais, nesta segunda aos noieses fóiselles o partido ben cedo. O Portus Apostoli non estivo, na súa visita ao Olivo Arena, á altura da orde, a concentración e a puntería dun Jaén Paraíso Interior FS que decantou o duelo da segunda xornada ligueira en 18 minutos e non o deixou escapar.


Nin un minuto se consumira, para ser exactos 39 segundos, cando os amarelos abriron as hostilidades co tanto de Dani Zurdo. O cadro branco mantívose en pé tras o golpe prontío dos locais e tivo unha resposta acorde. No 7’, Álex García definiu á rede unha entrega de Pirata, previa xogada formidable do capitán, enfiando a agulla na área para zafarse de dous contrarios e entregarlle o coiro ao catalán.


O sorriso duraría pouco. O Jaén, especialmente motivado por tratarse do seu debut na casa este curso, non ía a deixar pasar calquera mínima imprecisión dos noieses, como demostrou Mati Rosa. O arxentino, homenaxeado xunto a Alan Brandi nos prolegómenos do encontro polo seu subcampionato Mundial, volvía a adiantar aos seus, atento no segundo pau a un balón que non puido agarrar Schütt.


Os xienenses farían un dano practicamente definitivo a continuación, esta vez en transición, con Dani Zurdo anotando co seu dobrete o 3-1 aínda no 10’ de xogo. Dous máis tarde produciuse o 4-1, un cabezazo de Alan Brandi en acción de saque de esquina. O quinto, que deixaba o envite visto para sentenza salvo milagre, chegaría xa cos noieses probando de cinco, obra de novo de Mati Rosa.


Monólogo de porteiro-xogador


O Portus Apostoli mantivo a dinámica do porteiro-xogador durante todo o segundo acto, con Pirata vestindo a camiseta. Sabían os noieses que, se había algunha mínima opción de reengancharse ao encontro, pasaba por converter canto antes. De que iso non pasara encargouse Espíndola, que sacou cunha gran estirada unha ocasión de Diego Fávero, a mellor dos noieses neses primeiros intres de reinicio.


Nese contexto, produciuse o debut oficial de Koeman. O xoven xogador en idade xuvenil da Escola Deportiva noiesa executou, na súa maior parte, tarefas defensivas con boa nota. O máis destacado da segunda metade xunto ao gol de Rubi, xa no 38’, que colocou o 5-2 definitivo e o peche a un partido do que o Noia saíu demasiado castigado.





Próximo partido


Os noieses, que ocupan a 14ª praza co seu casilleiro por estrear, recibirán na próxima xornada no Agustín Mourís a todo un ElPozo Murcia Costa Cálida FS, o sábado 26 a partir das 18:00h.


 

Ficha técnica

Jaén Paraíso Interior FS: Dudu (p), Joao Salla, Michel, Dani Zurdo e Cristian Rubio. Tamén xogaron Espíndola (p), Renato, Alan Brandi (c), Chino, Franklin, Mati Rosa e Antoniazzi.


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Garrincha. Tamén xogaron Power Raggiati, Montero, Altamirano, Álex García, Pirata (c), Matheus Preá e Koeman.


Goles: 1-0 Dani Zurdo (1’), 1-1 Álex García (7’), 2-1 Mati Rosa (9’), 3-1 Dani Zurdo (10’), 4-1 Alan Brandi (12’), 5-1 Mati Rosa (18’), 5-2 Rubi (38’).


Os árbitros do colexio madrileño Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro amoestaron con cartón amarelo nos locais a Michel (10’) e nos visitantes a Pirata (19’), Diego Fávero (26’) e David Pazos (36’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 2 da Primeira División FS, disputado no Olivo Arena ante uns 4.000 espectadores.

Commenti


bottom of page