O Portus Apostoli consegue a permanencia matemática nunha tarde épica de fútbol sala, da man dunha afección noiesa entregada.
Os brancos pecharán o campionato ligueiro a próxima fin de semana na cancha de Movistar Inter FS.
Estaba nas nosas mans, e non se escapou. O Noia Portus Apostoli FS continúa sendo equipo de Primeira División FS grazas ao triunfo sobre o Real Betis Futsal nun Municipal Agustín Mourís que amosou unha comuñón perfecta cos seus, desde o minuto 1 ao 40.
E iso que dificilmente puido empezar peor a cousa. En apenas tres minutos de xogo, o Real Betis colocara un 0-2 ao seu favor, e no Olivo Arena gañaban os navarros, o que provocaba un triple empate de infarto para a última xornada. Pero aínda quedaba moito por contar, e o Noia lanzouse sobre o marco de Molina en busca de reengancharse ao marcador.
Dúas veces chocaron co pau os noieses antes de encontrar a merecida recompensa. O tanto correu a cargo de Pirata desde o punto de diez metros, poñendo un sorriso no desenlace dunha primeira metade moi difícil de mastigar para o espectador, con ata 11 faltas, e innumerables interrupcións.
A tónica continuou igual na reanudación. Machado avisou cedo cun latigazo á madeira no 21’, e Molina tivo que sacar varias mans de mérito para evitar o empate. De algúns contragolpes esporádicos dispuxo Betis para aumentar unha vantaxe que no 31’, por fin, se vería neutralizada. As respiracións de todo o Mourís detivéronse no instante no que Henrique, incorporado ao ataque, impactou un durísimo disparo no largueiro, ao que, no rexeite, Lluc tocou o xusto para introducir o coiro no fondo das mallas e cambiar definitivamente o rumbo do encontro. O “si se pode” era un clamor na grada, e Pirata confirmouno na pista, cun dereitazo axustado ao pau que se convertiu no 3-2 que daba un certo respiro á parroquia noiesa, xa menos pendente do móbil.
Con sete minutos por xogarse, o cadro verdibranco buscou a reacción co portero-jugador en Povea, pero os espectadores do Mourís e o Noia non ían permitir que a remontada que tanto traballo custara se esvaecera. No 38’, e tras conseguir minimizar as intentonas béticas, Power tirou do ultimísimo que lle quedaba para introducir na portería o esférico, lento, case chorando, nun traxecto que cada noiés e noiesa gozou ao máximo para poñer unha confirmación practicamente total ao que poucos minutos despois se fixo realidade.
E esa realidade é que o Noia Portus Apostoli FS disputará unha terceira temporada consecutiva na elite do fútbol sala nacional. Tiña que ser xusto hoxe, 4 de maio, cinco anos despois daquela incrible tarde en Rivas, na que un gran grupo e os seus seareiros se xuntaron máis que nunca para escapar do inferno da Segunda División “B”. Tiña que ser xusto na casa, cunha afección que demostra sempre que pode que é de Primeira, igual que o seu equipo, que loitou e sufriu ao máximo nos últimos meses para darlle a volta a unha situación moi negativa a base de calidade, corazón, coraxe e ilusión. Si, xa o podemos berrar todos xuntos: NOIA SEGUE SENDO DE PRIMEIRA!
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Machado, Edu Jabá, Pirata e Matheus Preá. Tamén xogaron Power Raggiati, Lluc (c), David Pazos, Rufino, Nico Rosa, Bonino e Pola.
Real Betis Futsal: Molina (p), Piqueras, Lin (c), Rafa López e Gustavao. Tamén xogaron Raúl Sánchez (p), Carrasco, Raúl Jiménez, Ivi, Cristian Povea, Pablo Muñoz, Roger e Pablo Otero.
Goles: 0-1 Piqueras (2’), 0-2 Gustavao (3’), 1-2 Pirata (20’), 2-2 Lluc (31’), 3-2 Pirata (33’), 4-2 Power Raggiati (38’).
Os árbitros Aitor Felipe Madorrán, do colexio vasco, e David Urdánoz Apezteguía, do colexio navarro, amoestaron polos noieses con cartón amarelo a Pola (30’), Douglas (36’) e Nico Rosa (39’). E polos sevillanos, amarela a Carrasco (13’), Raúl Jiménez (16’), Piqueras (17’) e Gustavao (33’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 29 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 700 espectadores. Realizouse nos prolegómenos do encontro un mosaico na grada do pavillón.
Comments