O Noia Portus Apostoli FS xogará o PlayOff polo título de campión de Primeira División, feito confirmado grazas ao empate e os demais resultados que se deron na penúltima xornada de Liga regular.
Os noieses convértense no segundo equipo na historia que, como debutante na elite do fútbol sala nacional, logran a clasificación á fase polo campionato.
Un empate para a historia. O Noia Portus Apostoli FS disputará o PlayOff como un dos oito mellores equipos da Primeira División española, tras firmar táboas por 2-2 contra Movistar Inter e non pasar do mesmo resultado o Quesos El Hidalgo Manzanares e a derrota do Industrias Santa Coloma.
No Agustín Mourís, a voz cantante na primeira metade tívoa o Portus Apostoli, protagonista en ataque e intensísimo nos duelos. Exemplo a destacar o de Power Raggiati, que estivo imperial na zona de peche ante Fits e demais oposición. A entrega noiesa atopou premio moi cedo, cando no 4’ de xogo Douglas anotaba o 1-0, a pesar do intento de Jesús Herrero por tapar o disparo do brasileiro.
Continuou a efervescencia branca durante boa parte do período inicial, empuxados por un pavillón ata a bandeira. Porén, e como xa sucedeu noutras ocasións en chan noiés, o rival encarou vestiarios con inercia a favor, e soubo aproveitalo no reinicio. Lazarevic, cun tiro axustado á escadra, superou a Henrique, que nada puido facer para evitar o empate apenas pasados dous minutos de segunda parte.
Puidose volver a adiantar o Noia coas boas ocasións de Nico Rosa e Bruno Gomes, pero foron os interistas os que lograron anotar para completar a remontada grazas ao 1-2 de Drahovsky, quen cazou no minuto 26 un balón solto na área e sorteou a saída de Henrique picando o coiro.
Co marcador adverso, reaccionou o conxunto de Marlon Velasco, con máis corazón que cabeza, pero tamén con eficacia. No 32’, Douglas nivelou de novo o encontro coa súa segunda diana, nun remate a pracer no segundo pau, a servizo dun Pirata que roubara o balón preto da meta de Movistar e foi xeneroso ante Jesús Herrero.
Xa na recta final, Movistar Inter introduciu o porteiro-xogador, esquema co que amagaron tamén os brancos. Aí, a barreira noiesa fíxose aínda máis forte, alentados por unha afección que, ao igual que os seus, soubo sufrir, botouse as mans á cabeza co case gol de Henrique, pero acabou celebrando unha nova proeza firmada no parqué do Agustín Mourís.
O Noia Portus Apostoli FS xogará, na súa temporada de debut na Primeira División, o PlayOff polo título de campión. Entre os oito mellores equipos de España, da probablemente mellor Liga do mundo. Palabras que se escriben moi fácil, pero que levan meses, anos de traballo detrás. E agora só queda seguir valorando o conseguido, traballando e, claro, ilusionándose.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Power Raggiati, Álex García, Altamirano e Pirata. Tamén xogaron Lluc (c), Nejc Hozjan, Bruno Gomes, Douglas, Nico Rosa, Alisson e Marcelo.
Movistar Inter FS: Jesús Herrero (p) (c), Raúl Gómez, Cecilio, Sepe e Drahovsky. Tamén jugaron Cecilio, Lazarevic, Borja, Eric Martel, Fits, Kaito e Carlao.
Goles: 1-0 Douglas (4’), 1-1 Lazarevic (22’), 1-2 Drahovsky (26’), 2-2 Douglas (32’).
Os colexiados asturianos Diego Gallo Suárez e Rubén Hevia Campa amoestaron con cartón amarelo polos locais a Pirata (31‘), Henrique (37'), Marcelo (40’) e o adestrador Marlon Velasco (35’) e o preparador físico Adrián González (36'). E polos visitantes, a Raúl Gómez (34‘).
Incidencias: partido correspondente á xornada 29 da Primeira División, disputado no Municipal Agustín Mourís ante uns 750 espectadores. Nos prolegómenos houbo homenaxe ao Cadete do equipo noiés, campión de Liga Galega e novo equipo de División de Honra.
Comments