CRÓNICA X28 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 6–5 LEI) | Vital vitoria de líder
- 2 hours ago
- 3 min read

O Noia Portus Apostoli FS superou con éxito pola mínima (6-5) a visita ao Alonso Rodríguez do Exlabesa Leis Pontevedra FS, nun partido no que os brancos tiveron que suar para darlle a volta tras poñerse costa arriba na primeira parte.
Cedo descubrirían os noieses que a deste domingo non sería unha papeleta sinxela. A resistencia defensiva pontevedresa, situada en bloque baixo, cortocircuitaba a circulación local, incapaz de impoñerse na área rival. E o dano non quedou aí. En dúas accións consecutivas e ailladas de transición no minuto 14, o Exlabesa Leis puxo o sorprendente 0-2. Os brancos non perderon os nervios e lograron atopar as fendas na defensa opoñente para reestablecer as táboas antes do descanso, cos goles de Cepeda e Jorge Santiago.

Trepidante resolución
O equipo do Lérez continuou sendo un óso duro de roer na segunda metade, sumando aos seus esquemas a entrada do porteiro-xogador en ataque. Nunha delas chegou o 2-3 no minuto 23. Outro momento sensible ao que o Portus Apostoli soubo responder sen titubeos. César igualou, Gabi adiantou por primeira vez e Oliver Chenel ampliou diferenzas, todo antes do 30’. Pero iso non desactivou ao Exlabesa Leis Pontevedra FS, necesitado de puntos na batalla pola salvación, e cunha xogada de cinco e outra a balón parado volveron a igualar a contenda a sete minutos do final.
A sucesión de eventos destacados proseguiu coa vermella directa ao gardameta visitante, algo que terminaría sendo decisivo no resultado. Tal e como abriu a conta noiesa, Cepeda pechouna co 6-5, aproveitando a superioridade numérica e, tras sortear uns últimos minutos nos que puido pasar calquera cosa, dando o trascendental triunfo aos seus.
Con sufrimento, pero os de Pablo Cardoso gáñanse tres puntos máis, e xa son 73 no casilleiro do líder, que mantén inamovible a pelexa pola primeira praza e o Campionato de España Sub-19 de Clubes a falta de dúas emocionantes xornadas que o resolverán todo.
Próximo partido
Os brancos visitarán ao CFS Finura de Ibérico La Bañeza o vindeiro sábado 23 a partir das 19:00h na 29ª e penúltima data ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), Cepeda, Xavi Souto, Danito e Jorge Santiago. Tamén xogaron Iván León, Oliver Chenel, César (c), Gabi e Miguel Romero.
Exlabesa Leis Pontevedra FS: Xoel Bértolo (p), Pablo Sande, Iago Díez, Jesús Asensio e Pablo Area (c). Tamén xogaron Álvaro Costa (p), Iker Fernández, Jairo Costa e Lucas Outeda.
Goles: 0-1 Lucas Outeda (13’), 0-2 Pablo Sande (14’), 1-2 Cepeda (19’), 2-2 Jorge Santiago (19’), 2-3 Iker Fernández (23’), 3-3 César (27’), 4-3 Gabi (29’), 5-3 Oliver Chenel (30’), 5-4 Álvaro Costa (31’), 5-5 Jesús Asensio (33’), 6-5 Cepeda (35’).
Os árbitros Pedro Riveira Mendoza e Rafael Alberto Tovar Rodríguez amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Jorge Santiago (19’) e Xavi Souto (31’). Nos pontevedreses, amarelas a Pablo Sande (5’), Lucas Outeda (18’), Iago Díez (27’) e Jesús Asensio (34’) e viu a vermella directa o visitante Xoel Bértolo (34’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 28 do Grupo 1 da Xuvenil División de Honra FS, disputado no Pavillón Alonso Rodríguez de Noia ante uns 200 espectadores.





Comments