top of page

CRÓNICA X28 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (FCB 4–1 NPA) | Un mal reinicio condena no Palau

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 18 hours ago
  • 3 min read

Domingo, 04/05/2025 · 21:30h · Imaxe: FC Barcelona | Catro goles en cinco minutos do segundo tempo desactivaron unha gran primeira metade dos noieses, que continúan a dous puntos dos postos de salvación.


Cinco minutos para esquecer no reinicio botaron por terra vinte maxistrais. O Barça non perdoou cando viu a oportunidade de facer dano a un Portus Apostoli que, durante moitos momentos, fixo crer ata aos máis escépticos, pero marchou da Cidade Condal sen sumar e a dous puntos dos postos da salvación.


Sabían os noieses que ao Palau ían, como é lóxico, a sufrir. Fixérono con moita sobriedade nos instantes iniciais, superando o arreón culé sen problemas e desembarazándose pouco a pouco. Achegamentos de Altamirano e Thierry obrigaron a traballar a Feixas, que evitaba o tanto dun Noia máis fluído. Tanto que, no 10’, Pirata e Pazos fabricaron unha brillante xogada por banda esquerda, que o de Ames finalizou á rede con firmeza ante o meta catalán.


O 0-1 deu máis argumentos a un cadro branco que seguiu metendo o medo no corpo aos de Tino Pérez, en parte polas súas chegadas e tamén polas cinco faltas que imperaban no marcador local. En dúas ocasións se pediu desde o banco visitante a sexta, sobre todo nunha acción sobre Douglas, ningunha delas concedida.


Con Dyego asumindo a batuta do ataque, os blaugrana rozaron o empate dúas veces antes do descanso. Primeiro, Antonio disparou ao pau, e, despois, o propio á brasileiro atopouse coa perna do seu compatriota Peixe, que poñía o broche a unha formidable primeira parte noiesa.


Funesta segunda metade


Porén, todo se esvaeceu tres minutos despois do regreso de vestiarios. Dyego acertou nunha das súas características xogadas desde banda cara dentro para colocar o empate, e de aí ata o 28’ caeeron tres goles máis do Barça que supuxeron a condena dun Noia grogui.


Entrou Pirata coa camiseta de porteiro-xogador para mudar a dinámica e intentar a heroica, máis se cabe na pista de todo un xigante. O capitán dispuxo dun lanzamento de penalti que podía volver a meter aos seus no electrónico a sete minutos do final, pero Dídac adiviñou as súas intencións e despexou a pelota.


Ata o final o tentou o Portus Apostoli de cinco, cambiando de debuxo e de ameazas, aínda que carentes de clarividencia á hora de rematar a portería. Porque estea ou non o acerto, este equipo non vai a baixar os brazos en ningún momento. Dous partidos, seis puntos por disputar, e a eles se vai a agarrar o Noia para saír dese 15º posto e seguir sendo equipo de Primeira.



Próximo partido


Este sábado 10 ás 18:00h os brancos reciben a visita do Wanapix AD Sala 10 Zaragoza na 29ª e penúltima xornada ligueira.



Ficha técnica

Barça: Miquel Feixas (p), Antonio, Dyego (c), Matheus e Sergio González. Tamén xogaron Dídac (p), Adolfo, Pito, Eric Martel, Erick, Touré e Rodó.


Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Power Raggiati, Altamirano, Thierry e Pirata (c). Tamén xogaron Schütt (p), Montero, Garrincha, Diego Fávero, Rufino, Álex García, Douglas, David Pazos e Guilherme.


Goles: 0-1 David Pazos (10’), 1-1 Dyego (23’), 2-1 Eric Martel (24’), 3-1 Erick (26’), 4-1 Sergio González (28’).


Os árbitros Fernando Faubell Zaldívar e José Lázaro Angulo, do comité aragonés, amoestaron con tarxeta amarela nos barcelonistas a Pito (12’). Nos noieses, amarelas a Rufino (14’), o adestrador David Palmas (14’) e Douglas (37’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 28 da Primeira División FS, disputado no Palau Blaugrana de Barcelona ante uns 1.200 espectadores.

Комментарии


bottom of page