top of page

CRÓNICA X28 (QHM 6–5 NPA) | Reacción insuficiente

O Portus Apostoli repúxose dun mal inicio de partido, chegando a poñerse a un tanto con dez minutos por diante, pero a súa melloría quedou sen premio.
O vindeiro sábado ás 18:00h, auténtica final pola salvación no Agustín Mourís, coa visita dun rival directo, o Real Betis Futsal.

Pazos, autor dun gol, conduce ante Álvaro (foto: Manuel Lorenzo)

Non foi o mellor día do Noia Portus Apostoli FS, que, aínda así, estivo no partido ata o final por coraxe e insistencia. Demasiado pesado foi o lastre dunha mala primeira metade e inicio de segunda que deixaron en auga de castañas a reacción dos noieses, que xa pensan na finalísima do vindeiro sábado na casa contra o Real Betis Futsal.


A pesar de que o cadro branco se puxo por diante grazas ao gol de Edu Jabá no 6’, as sensacións non eran boas. De feito, a vantaxe durou un suspiro, co tanto no 7’ dun Daniel que repetiría dez minutos máis tarde para darlle a volta ao marcador e confirmar a superioridade dos locais.


O Quesos Hidalgo era moito máis protagonista co balón, en boa medida polas incorporacións de Antonio Navarro, e efectivo na presión ante un Noia ao que lle custaba demasiado xerar. A dinámica seguiu similar no reinicio, e os tantos de Álvaro e Gallo en apenas 4 minutos puxeron máis costa arriba o partido aos noieses.


Tres goles abaixo e con 14 minutos por xogarse, o banco noiés foi a por todas introducindo a Pirata como porteiro-xogador, e o choque entrou na loucura. O cambio de cara do encuentro fixo un favor ao Portus Apostoli, que cos tantos de Rufino, David Pazos e Matheus Preá colocouse, a dez minutos do final, en diferenza dun tanto, xa que Javi Alonso interrompeu momentaneamente o levantamento visitante.


Os galegos seguiron volcados sobre o marco de Antonio Navarro en xogo de cinco, e dispuxeron de intentonas para empatar o marcador. Pero no riesgo saíu cruz, e Gallo abriu terra de por medio dirixindo á rede un balón solto na súa propia pista para o 6-4. Nunca baixou os brazos o Noia, que o tentó sen puntería ata o último segundo, precisamente o momento no que chegou a diana coa que Machado convertiu o 6-5 definitivo, xa sen tempo para máis.


Unha oportunidade de confirmar a permanencia que queda atrás, pero a próxima semana, na penúltima xornada ligueira, haberá outra. A visita ao Agustín Mourís este sábado 4 de maio ás 18:00h dun dos rivais directos, o Real Betis Futsal, supón unha auténtica final entre dous equipos separados por 3 puntos con apenas 6 por repartirse, na que o feudo noiés terá que ser o alento extra dun equipo xa totalmente enfocado na cita.


 

Ficha técnica

Quesos Hidalgo Manzanares FS: Antonio Navarro (p), Gallo, Álvaro, Raúl Campos e Cortés. Tamén xogaron Juan Rodríguez, Javi Alonso, Daniel (c), Antoñito e Deivao.


Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Machado, Edu Jabá, Pirata e Matheus Preá. Tamén xogaron Lluc (c), David Pazos, Rufino, Nico Rosa, Bonino e Machado.


Goles: 0-1 Edu Jabá (6’), 1-1 Daniel (7’), 2-1 Daniel (17’), 3-1 Álvaro (22’), 4-1 Gallo (24’), 4-2 Rufino (28’), 5-2 Javi Alonso (28’), 5-3 David Pazos (29’), 5-4 Matheus Preá (30’), 6-4 Gallo (34’), 6-5 Machado (40’).


Os colexiados Manuel Jesús Barrilero Mohedano e Carlos Enrique Bustos Caparrós, do comité andaluz, amoestaron polos manchegos con cartón amarelo ao preparador físico Diego Santos (24’). E polos noieses, viu a amarela Sarmiento (28’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 28 da Primeira División FS, disputado no Manzanares Arena de Manzanares.

bottom of page