CRÓNICA X27 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (VAV 4-1 NPA) | Todo saiu cruz
- Departamento prensa Noia PA FS
- 1 day ago
- 3 min read
Updated: 9 hours ago

Sábado, 26/04/2025 · 23:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Dúas desafortunadas accións que acabaron en gol local e as múltiples paradas dun outra vez verdugo Álex González frustraron ao Noia en Valdepeñas.
Os detalles marcan partidos. Sábeo ben o Noia Portus Apostoli FS, e viviuno nas súas carnes no Virgen de la Cabeza. Un par de xogadas desgrazadas que desembocaron en tantos valdepeñeiros e a falta de puntería (ou o acerto do meta rival, Álex González) tiraron pola borda calquera opción de sumar e complican as contas pola salvación.
O empuxe vinateiro protagonizou os instantes iniciais. Se os noieses precisaban gañar para volver a saír dun descenso no que os meteu o ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS a pasada noite, o Viña Albali Valdepeñas sabía que con tres puntos aseguraba a permanencia virtual. Moito en xogo para ambos, e pasado ese tramo inaugural do encontro, as forzas igualáronse.
Pouco a pouco, o Portus Apostoli foise soltando e empezou a poñer en apretos ao opoñente. Montero puido abrir a lata no 13’, pero a súa gran acción individual finalizou no exterior da rede. En estático ou en transición, os brancos creaban problemas a unha defensa local que se puxo con cinco faltas a 5’ do descanso.
Eran os mellores momentos do Noia, pero sen lograr fructificar. Nin David Pazos, nin Altamirano, nin Power. E, como adoita pasar nestas categorías, pagouno, e dunha maneira moi cruel. Pol Pacheco cazou un balón solto, e desde moi lonxe probou un tiro que non semellaba entrañar maior perigo. Tería sido así de non atoparse polo camiño co desvío involuntario do seu compañeiro Carrasco, que pillou co pé cambiado a Peixe e introduciuse no fondo das súas mallas.
O mesmo verdugo
Volveu a saír de vestiarios forte Viña Albali, e esta vez aproveitouno. Iso si, tamén con dose de fortuna. Outro disparo de moi lonxe de Pol Pacheco, esta vez en acción de saque de falta, rebotou entre Montero e Solano, o xusto para que Peixe non o puidera atrapar e se convertera no 2-0. Puido facer máis sangue Eloy Rojas cun violento lanzamento que se estrelou no largueiro.
Custoulle uns minutos aos brancos superar o mal trago, pero, unha vez feito, o seu acoso sobre os dominios de Álex González foi evidente. Ao igual que fixera no duelo da primeira volta, o porteiro vinateiro erixiuse nunha muralla para os intereses noieses, contando coa colaboración da madeira nun disparo de David Pazos.
Houbo que agardar ata o 33’ para, por fin, romper a resistencia valdepeñeira. Un envío de Altamirano ao segundo pau desviado polo capitán local Nano ante a presenza de Garrincha puxo o 2-1. A inercia mudara definitivamente, e o Portus Apostoli rozou o empate en numerosas ocasións. Se non o chegou a consumar foi polo mesmo de siempre: Álex González. Sobre todas as súas providenciais intervencións destaca a realizada sobre Thierry, nun momento clave e dunha forma na que xa todo o pavillón vía o 2-2 no marcador.
Na recta final saiu Power Raggiati coa camiseta de porteiro-xogador. A superioridade numérica noiesa, lonxe de traer boas novas, deixou máis protagonismo de Álex entre paus e outros dous goles de Valdepeñas, xa no último minuto, obra de Carrasco e Eloy Rojas.
Os resultados da xornada alteran o camiño á permanencia. A falta de tres xornadas, o cadro branco sitúase en postos de descenso, 15º con 25 puntos, a 2 do CD Burela FS y a 3 do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS, equipos que se enfrontarán a vindeira semana. Os de David Palmas volven a verse nunha situación clasificatoria adversa, pero conscientes de que aínda queda moita tela por cortar e de que o deixarán todo por saír dese posto ata o final.
Próximo partido
Os noieses visitarán ao Barça no Palau Blaugrana o domingo 4 de maio ás 17:30h, pola xornada 28 da Primeira División FS.
Ficha técnica
Viña Albali Valdepeñas: Álex González (p), Boyis, José Mario, Pol Pacheco e Carrasco. Tamén xogaron Lolo, Eloy Rojas, Solano, Bynho, Saura, Carlos e Nano (c).
Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Power Raggiati, Altamirano, Thierry e Pirata (c). Tamén xogaron Montero, Garrincha, Diego Fávero, Rufino, Álex García, Douglas e David Pazos.
Goles: 1-0 Carrasco (18’), 2-0 Pol Pacheco (24’), 2-1 Nano, en propia portería (33’), 3-1 Carrasco (40’), 4-1 Eloy Rojas (40’).
Os árbitros Pedro Antonio Carrillo Arroyo y Antonio Jesús García Robles, do comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos valdepeñeiros a Pol Pacheco (10’), Solano (10’), Carrasco (10’), Lolo (15’) e José Mario (40’). Nos noieses, amarelas a Power Raggiati (10’), Douglas (34’) e Pirata (40’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 27 da Primeira División FS, disputado no Pavillón Virgen de la Cabeza de Valdepeñas ante uns 1.200 espectadores.
Opmerkingen