top of page

CRÓNICA X27 (NPA 2–4 CAR) | Os detalles dan as costas

O cadro cartaxeneiro rompe a boa xeira do Portus Apostoli como local na segunda volta nun encontro tolo e con alternativas.
Os noieses sumaron á baixa por sanción de Marcelo as de Jabá e Altamirano durante o partido.
Power perseguindo o balón, con Juanpi no chan (foto: Pichero)

O Jimbee Cartagena pon freo ao estatus de invicto no Agustín Mourís que tiña o Noia Portus Apostoli na segunda volta, nun encontro no que os meloneiros souberon aproveitar os golpes que recibiu o equipo local para remontar o marcador e levarse os tres puntos.


No que é xa un habitual, o Portus Apostoli fixo súa a primeira metade. Máis intenso e metido no envite, obrigou a intervir varias veces a Raúl, mentres a Henrique apenas se lle vía máis que para saír da área co balón nos pés, grazas o bo facer defensivo local. Nunha das tentativas noiesas, Bruno Gomes logrou xirarse en banda e entregou en bandexa o gol a Machado para abrir a lata co 1-0 no 7’.


A efervescencia continuou do lado branco, ao que se lle puxeron as cousas máis de cara no relativo ao marcador cando, nunha saída fóra da área, Raúl gañouse a vermella ao cometer falta sobre Edu Jabá. Desgrazadamente, sería a última acción no choque para o 10 noiés, que se retirou mancado. Superioridade numérica para os de Marlon Velasco, que conseguiron materializala nos últimos segundos dos dous minutos, grazas a un punteirazo de Pirata que pasou entre as pernas de Chemi, salvador ata ese momento dos cartaxeneiros.


Reaccionou rápido Jimbee, logrando reducir diferenzas co gol de Waltinho, que agardaba no segundo pau o servizo de Mellado. Terminaron mellor os de Duda a primeira metade e tamén empezaron apretando a segunda. Produto diso lograron o tanto do empate, obra tamén de Waltinho, no 4’ da reanudación. Eran momentos de empuxe visitante, nos que apareceu Henrique para negarlles o terceiro gol con grandes aparicións.


Aínda que decimado no terreo defensivo polas cinco faltas no seu haber restando 12 minutos e a lesión de Altamirano, o Portus Apostoli sacudiuse do dominio cartaxeneiro e lanzouse á portería de Chemi. O meta visitante tamén quixo ser protagonista e puxo cadeado ao seu marco ante as acometidas noiesas, entre as que se incluiu un moi protestado posible penalti sobre Nico Rosa. En medio de todo iso, Henrique apagou un novo fogo despexando o lanzamento desde os dez metros de Motta.


A catro minutos do final, Duda introduciu o porteiro-xogador que puido ser condenatorio, de anotar Power un lanzamento desde a súa media pista, pero acabou facilitando o camiño ao triunfo grazas ao gol de Juanpi, nun tiro desviado involuntariamente por un noiés que fixo imposible calquera intento de detención de Henrique. Chemi puxo a guinda á vitoria de Jimbee co 2-4 definitivo, aproveitando o xogo de cinco local cun certeiro disparo de portería a portería.


Tras este resultado, o Portus Apostoli cae ao oitavo posto, en zona de PlayOff, con 37 puntos, a un do Viña Albali Valdepeñas. A próxima semana, o venres, os noieses visitan ao Quesos el Hidalgo Manzanares FS, inmediato perseguidor na táboa, en partido da xornada 28.


 

Ficha técnica


Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Power Raggiati, Lluc (c), Nejc Hozjan e Pirata. Tamén xogaron Pablo (p), Altamirano, Bruno Gomes, Edu Jabá, Álex García, Douglas, Nico Rosa, Alisson e Machado.


Jimbee Cartagena: Raúl (p) (c), Bebe, Jesús Izquierdo, Juanpi e Pablo Ramírez. Tamén xogaron Chemi (p), Javi Mínguez, Waltinho, Mellado, Motta, Juanan e Meira.


Goles: 1-0 Machado (7’), 2-0 Pirata (16’), 2-1 Waltinho (17’), 2-2 Waltinho (24’), 2-3 Juanpi (38’), 2-4 Chemi (40’).


Os colexiados cántabros Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo amoestaron con cartón amarelo polos locais a Edu Jabá (11’), Power Raggiati (18’), Machado (35’) Pirata (36’), o adestrador Marlon Velasco (6’), o preparador físico Adrián González (27’) e o delegado Samuel Tojo (27’ e 35’). E polos visitantes, viron a tarxeta amarela Waltinho (8’), Javi Mínguez (28’), Mellado (36’), Chemi (38’), Josema (39’ e 39’), o delegado Francisco Delgado (9’), o auxiliar Rafa Fernández (25’) e viu a vermella directa Raúl (14’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 27 da Primeira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores.

Comments


bottom of page