top of page

CRÓNICA X26 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 4–2 QHM) | Outra vez remontando, outra vez sufrindo, outra vez gañando!

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 2 hours ago
  • 3 min read

Domingo, 20/04/2025 · 20:20h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli mantén a súa mínima vantaxe sobre o descenso coa cuarta vitoria consecutiva no Agustín Mourís.


O Municipal Agustín Mourís continúa sendo talismán, e xa van catro partidos consecutivos. Ao igual que en dous dos tres anteriores, o Portus Apostoli tivo que remontar un resultado adverso ante o Quesos El Hidalgo Manzanares FS para facerse con tres puntos que lle permiten seguir cunha marxe mínima, pero importantísima sobre a zona de descenso.


Aos noieses custoulles entrar no encontro, quizais polo recente esforzo do xoves en Copa Galicia, ou quen sabe se polo cambio de pista e dinámicas (bancos no outro lado do 40x20) motivados pola emisión en aberto a través de Teledeporte. Aproveitouno un serio Quesos El Hidalgo Manzanares FS para facer dano e adiantarse no marcador, por medio de Javi Alonso no 5’ cun lanzamento directo de falta.


Pouco a pouco, de menos a máis, os brancos foron gañando en sensacións e probando ao meta rival, Javi Bule, que sacou unha boa man ao tiro de Rufino. Preto de empatar estiveron tamén Garrincha e Montero, impuntuais por milésimas en sendas chegadas ao segundo pau. O empuxe tivo a súa recompensa no último minuto do primeiro acto, cando los manzanareños cometeron a súa sexta falta. Ao punto de dez metros se dirixiu Pirata, infalible para terminar de confirmar a reacción do seu equipo.


Remontada exprés


O gol do capitán noiés semellaba ser o prólogo da remontada do Portus Apostoli, pero interrumpiuno Daniel. O pivote dos queixeiros roubou o coiro a Power e, no un contra un, definiu abaixo ante Peixe para volver a poñer en vantaxe aos seus aos dous minutos do reinicio.


Esta xerra de auga fría, que noutras épocas antigas do curso sumiría aos brancos no pozo, serviu para demostrar que hoxe por hoxe a súa fortaleza mental é enorme. Equipo e afección, todos no seu papel, non baixaron os brazos e nun abrir e pechar de ollos xa lle deran a volta ao resultado. Xentileza da “semana fantástica” de Pirata, que completou o seu hat-trick e oitavo gol en tres días, tras os cinco do xoves en Copa Galicia. Case sen querer anotou o 2-2, nunha incorporación ao ataque de Peixe cuxo tiro lle impactou e entrou chorando, e con máis firmeza no segundo pau fixo segundos despois o 3-2 a pase de Altamirano. Aumentou a festa Rufino a continuación, cun disparo que rebotou no pau antes de introducirse no marco visitante.


Do 1-2 ao 4-2, pero aos noieses quedábanlles aínda 11 minutos para aguantar a remontada. Pouco tardou Juanlu Alonso en dar entrada ao porteiro-xogador para intentar evitar a quinta derrota seguida do seu Manzanares. Os manchegos monopolizaron o coiro, pero amosáronse incapaces de superar unha resistencia defensiva construída en paixón, en carácter, en sentimento, liderada por un Peixe que puxo a súa sinatura con tres grandes paradas nos segundos finais, pechando outro vital triunfo do Noia, máis firme que nunca no pulso pola permanencia.



Próximo partido


Os de David Palmas visitarán ao Viña Albali Valdepeñas este sábado 26 ás 18:30h pola 27ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Power Raggiati, Douglas, Thierry e Pirata (c). Tamén xogaron Montero, Altamirano, Garrincha, Diego Fávero, Rufino, Álex García, David Pazos e Rubi.


Quesos El Hidalgo Manzanares FS: Javi Bule (p), Álvaro, Javi Alonso, Raúl Campos e Daniel (c). Tamén xogaron Pedro Herreros, Robles, Antoñito, Zequi, Deivão e Humberto.


Goles: 0-1 Javi Alonso (5’), 1-1 Pirata (19’), 1-2 Daniel (22’), 2-2 Pirata (25’), 3-2 Pirata (28’), 4-2 Rufino (29’).


Os árbitros Manuel Jesús Barrilero Mohedano e Carlos Enrique Bustos Caparrós, do comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a David Pazos (9’), Rufino (29’), Pirata (30’) e o adestrador David Palmas (40’). Nos manzanareños, amarelas a Zequi (6’), Álvaro (9’), Javi Alonso (17’), o adestrador Juanlu Alonso (18’), Humberto (26’) e Deivão (29’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 26 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 750 espectadores.

Comments


bottom of page