top of page

CRÓNICA X26 (XOT 3–6 NPA) | Obxectivo cumprido, reto en proceso

Coa vitoria en Anaitasuna, o Portus Apostoli sella a salvación matemática na Primeira División e, de paso, mete un pé no PlayOff polo título.
37 puntos e 10º triunfo a falta de catro xornadas para finalizar o campionato ligueiro.
Os noieses celebrando un dos tantos (foto: Manuel Lorenzo)

Un novo capítulo con letras de ouro para o libro da historia do Noia Portus Apostoli FS. Co triunfo por 3-6 en Anaitasuna, os brancos confirmaron a permanencia matemática na elite do fútbol sala nacional, ademais de dar un paso de xigante nas aspiracións por disputar o PlayOff polo título de Liga.


Moitas cousas pasaron no duelo entre pamplonicas e noieses, no que os primeiros comezaron adiantándose no marcador, co tanto de Geraghty no 3’. Dominou Osasuna Magna eses minutos iniciais, nos que ao Noia lle custou meterse no choque, algo que foi facendo pouco a pouco con, cada vez, mellores achegamentos.


Agardaba Bruno Gomes no segundo pau, a envío de Jabá cortado por Geraghty, en busca do empate, que chegaría, precisamente, por medio doutro pase do 10 noiés, desviado involuntariamente á súa portería por Juninho. Destapouse a partir de aí o Noia, máis incisivo na presión e resolutivo nas aproximacións. De feito, apenas dous minutos tardou en darlle a volta ao electrónico, con Lluc aproveitando unha xogada embarullada para poñer o 1-2, e noutros tres xa sumaba dous goles de diferenza, grazas ás dianas de Marcelo e Rosic en propia meta.


Asumiu Osasuna Magna a batuta do encuentro na reanudación, coas urxencias de intentar que non se lles fora de todo o partido. Puido anotar Fabinho para os verdes noutra xogada de carambola, con ata dous paus, e tamén Bruno Gomes en favor dos brancos, nunha das transicións que tivo o cadro noiés e que terminou con outro remate á madeira.


Xa no 34’, por medio do xogo de cinco, logrou o conxunto de Imanol Arregui superar a resistencia de Henrique, co gol de Fabinho, e unido á vermella directa a Marcelo, semellaba indicar que a vantaxe do Portus Apostoli tambaleábase no tramo final. Máis, despois de que Asier despexara o lanzamento desde os dez metros de Pirata, tras a sexta falta local.


Porén, pouco antes de que terminara unha inferioridade excelentemente defendida polos de Marlon Velasco, Dani Zurdo viu a segunda amarela nos navarros, e cando se produciu a situación de superioridade numérica visitante, os noieses non fallaron. Power fixo o 2-5 a dous minutos do final que deixaba practicamente visto para sentenza o partido. Loitouno ata o final Osasuna co porteiro-xogador e o tanto de Geraghty a 53 segundos del final, aínda que de novo emerxeu Power para penalizar o risco pamplonica e colocar o 3-6 definitivo.


En Anaitasuna, a catro xornadas do final, logrou o Portus Apostoli a súa 10ª vitoria na Primeira División, competición na que seguirá xogando xa de maneira matemática a próxima temporada. Un fito enorme, pero que se queda pequeno tendo en conta o preto que están os noieses, 7º provisionalmente con 37 puntos, de ser equipo de PlayOff e meterse entre os mejores da Liga para disputarse o título. Case nada.


 

Ficha técnica


CA Osasuna Magna: Asier (p) (c), Geraghty, Juninho, Fabinho e Linhares. Tamén xogaron Ion Cerviño, Vento, Dani Zurdo, Rosic, Toni e Josu Mendive.


Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Marcelo, Douglas, Edu Jabá e Pirata. Tamén xogaron Power Raggiati, Lluc (c), Altamirano, Bruno Gomes, Alisson e Machado.


Goles: 1-0 Geraghty (3’), 1-1 Juninho en propia portería (12’), 1-2 Lluc (14’), 1-3 Marcelo (15’), 1-4 Rosic en propia portería (18’), 2-4 Fabinho (34’), 2-5 Power Raggiati (38’), 3-5 Geraghty (40’), 3-6 Power Raggiati (40’).


Os colexiados Francesc García-Donas e Bernardo Simón Benet amoestaron con cartón amarelo polos locais a Dani Zurdo (19’ e 35’), Juninho (24’) e Vento (24’). E polos visitantes, ensinaron a amarela a Douglas (23’), Bruno Gomes (27’), Edu Jabá (27’) e o delegado Samuel Tojo (31’). Foise expulsado con vermella directa Marcelo (34’).


Incidencias: partido correspondente á Xornada 26 da Primeira División, disputado no Pavillón Anaitasuna de Pamplona ante 1.625 espectadores.

Comments


bottom of page