CRÓNICA X25 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (IBP 4–2 NPA) | Cae de pé
- Departamento prensa Noia PA FS
- Apr 5
- 3 min read

Venres, 04/04/2025 · 23:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses igualaron o 2-0 inicial, pero quedaron coas ganas de sumar nun final de partido protagonizado pola polémica vermella directa a Rubi.
O Portus Apostoli non puido tumbar o invicto do Illes Balears Palma Futsal en Son Moix, tras un partido de moitas capas que terminou máis descafeinado do que prometía a raíz da polémica expulsión por vermella directa de Rubi, que o Club vai a recorrer aos organismos competentes.
Que os palmesanos non cederan máis que dous empates como locais non é casualidade, e iso comprobaron ben cedo os de David Palmas. As incorporacións de Luan Muller desnivelaron a pista cara o lado que defendía un Noia que se viu 2-0 abaixo no 9’, polos tantos de Machado e Bruno Gomes.
O técnico branco optou por introducir a Pirata como porteiro-xogador para mudar a dinámica do partido. Xogo de pizarra ao que respondeu o seu homólogo balear, Antonio Vadillo, dando entrada a Mateus Maia como porteiro-xogador. A mini partida sorriu ao Portus Apostoli, xa que nun dos seus ataques lograron reducir diferenzas por medio de Pirata, previo remate de Douglas, no 17’.
Un final marcado por unha máis que controvertida decisión
Power contou cunha oportunidade clara para igualar a contenda, xa na segunda metade, pero o seu disparo foise demasiado cruzado. Tratouse do preludio dunha melloría noiesa, que coas incorporacións de Peixe gañou metros sobre o terreo. Precisamente nunha das subidas do meta naceu o empate, con Machado anotando en propia meta o envío de Diego Fávero a Pirata. Por segunda xornada seguida, o Noia neutralizaba unha desvantaxe de dúas dianas.
Illes Balears Palma Futsal volveu a apretar o acelerador co 2-2 por medio de máis ofensivas con Luan Muller. Primeiro perdoou Neguinho, e pouco despois Rivillos axustizou unha desorde cun disparo que, axustado ao pau, convertiuse no 3-2 ao 32’ de partido.
Resposta inmediata visitante co reingreso de Pirata como porteiro-xogador, que desestabilizou a Illes Balears de forma clara en varios achegamentos. Luan Muller tivo que realizar tres paradas, a Rubi, Álex García e Thierry. Noutra acción reseñable, o á brasileiro quedou co molde en último momento e con perigo na área.
O final prometía emoción, ata que chegou a gran polémica do encontro. Cos noieses xogando de cinco, Rivillos roubou o coiro e, desde a súa área, probou o disparo cara unha portería sen gardameta, aínda que xa con Pazos próximo á mesma. O tiro do xogador local impactou case inmediatamente no costado de Rubi, como atestigua a marca no seu cuerpo, para logo rebotar no seu brazo de maneira involuntaria e orientado de costas ao balón. Tras recuperarse da pérdida momentánea de respiración polo pelotazo no seu cuerpo, o santiagués viviu coa mesma sorpresa que o resto de presentes a vermella directa ensinada polos colexiados, nunha decisión inxusta, excesiva e desproporcionada ao observar o que delatan as imaxes de maneira obvia. Máis, se temos en conta que esta expulsión supoñeríalle perderse por sanción o seguinte partido ligueiro, cuestión pola que o Club impoñerá un recurso.
Os de Vadillo non perdoaron na superioridade numérica, con David Peña logrando o 4-2 ao primeiro intento. Continuou o Noia con máis porteiro-xogador ata o asubío final, pero coa considerable desvantaxe e sen Rubi nin tampouco Power e Diego por contratempos físicos, tornouse imposible sacar rédito algún de Son Moix.
Tras esta derrota no partido que abría a xornada, os noieses seguen 14º con 22 puntos, por agora fóra de descenso agardando o que pase no resto da acción da fin de semana.
Próximo partido
Semana de parón ligueiro para o Portus Apostoli, cuxa vindeira cita competitiva será a final da XXXIII Copa Galicia o xoves 17 de abril ás 18:00h no Municipal dos Deportes de Lugo ante o Stellae Leis Pontevedra FS.
Ficha técnica
Illes Balears Palma Futsal: Luan Muller (p), Piqueras, Neguinho, Rivillos e Gordillo. Tamén xogaron Fabinho, Marcelo, Bruno Gomes, Mateus Maia, Machado e David Peña.
Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Montero, Garrincha, Rufino, Álex García, Douglas e Thierry.
Goles: 1-0 Machado (8’), 2-0 Bruno Gomes (9’), 2-1 Pirata (17’), 2-2 Machado, en propia portería (28’), 3-2 Rivillos (32’), 4-2 David Peña (37’).
Os árbitros Antonio Pablo Navarro Rodríguez-Villán (comité castelán-leonés) e Alberto Sarabia Eguiluz (comité rioxano) amoestaron con tarxeta amarela nos palmesanos a Luan Muller (3’), Bruno Gomes (12’), Marcelo (17’) e Neguinho (36’). Nos noieses, amarelas a Power Raggiati (16’), Pirata (17’), Rufino (17’), Douglas (17’) e Thierry (25’). Viu a vermella directa Rubi (37’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 25 da Primeira División FS, disputado no Palau Municipal d’Esports de Son Moix (Palma) ante uns 2.000 espectadores.
Comments