top of page

CRÓNICA X25 (NPA 6–1 MPF) | Reacción de primeira

O Portus Apostoli completou un partido case perfecto para golear ao actual campión de Europa e abandonar a zona de descenso.
O próximo sábado ás 18:00h, duelo directo en Tudela ante ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra.

(foto: Pichero)

Se algún afeccionado noiés soñou na noite do sábado como sería o partido do día seguinte, pouco se puido diferenciar do que acabou sendo realidade. O Noia Portus Apostoli FS rubricou un triunfo de época, dos que se lembran anos e anos, ante o Mallorca Palma Futsal que, ademais, permítelle deixar atrás a xeira de catro derrotas seguidas e pechar a xornada fóra dos postos de descenso.


Lonxe do que reflicte o marcador, as cousas non fueron sinxelas para os brancos. Mallorca Palma Futsal comezou dominando e, cando contaron coa oportunidade máis clara para adiantarse no penalti de Rómulo sobre Douglas, Luan Muller interpúxose para evitar o tanto de Pirata desde seis metros.


De menos a máis ía o Noia, da man da súa incansable afección, e tardou pouco en repoñerse da pena máxima errada. Machado, no 12’, convertiu coa testa o servizo de Pola no 1-0. O brasileiro non só abriu a lata, senon o tarro das esencias, traducido en 3 golazos en 3 minutos. O 2-0 de Henrique, un dereitazo inapelable á escadra desde 18 metros na súa reaparición tras cinco meses encadeando lesións e recaídas, desatou a tolemia, e o 3-0 de Edu Jabá foi a evidencia do altísimo nivel ao que estaban actuando os noieses. O Mourís era una festa, e redondeouna antes do descanso Altamirano, protagonista dando o pase no anterior gol, esta vez recibindo dunha acción previa fantástica de Power.


Da caseta regresou Mallorca Palma Futsal atacando de cinco, coa camiseta de porteiro-xogador alternando entre Bruno Gomes e Chaguinha. Hora de atarse os machos e pechar o candado atrás, con Henrique comandando con grandes intervencións que frearon aos baleares. Ao meta noiés, espectacular de principio a fin, só o batiu un auténtico golazo de Neguinho desde a súa pista, que durante uns minutos instalou dúbidas no seo local.


A expulsión de Rómulo por dobre amarela no 33’ foi o bocado de aire suficiente para cambiar a dinámica e asegurar os tres puntos. Matheus Preá, a asistencia de Edu Jabá, colocou o 5-1 na superioridade numérica. A guinda final colocouna Pirata, que se desquitou do penalti e dez metros fallados, este último uns minutos antes dese 6-1 definitivo.


Máis de tres meses despois, o Noia Portus Apostoli FS pecha unha xornada fóra dos postos de descenso. 14º con 21 puntos, un máis que Family Cash Alzira FS e Real Betis Futsal, e os mesmos que o ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra, próximo opoñente dos brancos, o sábado 6 de abril ás 18:00h, noutra final pola salvación, cinco restan no horizonte, con toda a ambición e as ganas de que resulten como esta.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Power Raggiati, Edu Jabá, Altamirano e Matheus Preá. Tamén xogaron Lluc (c), Rufino, Pirata, Douglas, Nico Rosa, Bonino, Pola e Machado.


Mallorca Palma Futsal: Luan Muller (p), Neguinho, Chaguinha, Ernesto e Gordillo. Tamén xogaron Barrón (c) (p), Vilian, Cléber, Bruno Gomes, Rivillos, Fabinho, Rómulo e Marcelo.


Goles: 1-0 Machado (12’), 2-0 Henrique (13’), 3-0 Edu Jabá (14’), 4-0 Altamirano (19’), 4-1 Neguinho (27’), 5-1 Matheus Préa (35’), 6-1 Pirata (39’).


Os colexiados Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro, do comité madrileño, amoestaron polos noieses con cartón amarelo a Pola (16’), Douglas (19’) e Edu Jabá (23’). Nos baleares, amarelas a Rivillos (6’), Barrón (9’), Rómulo (10’ e 33’), Marcelo (17’), Cléber (26’) e Vilian (37’). Viu a vermella directa tras terminar o partido Bruno Gomes.


Incidencias: partido correspondente á xornada 25 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 700 espectadores.

bottom of page