top of page

CRÓNICA X24 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 4–3 ISC) | Remontada e triunfo vital

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 5 days ago
  • 3 min read

Martes, 01/04/2025 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses repóñense do 0-2 en contra inicial e, a base de carácter e calidade, abandonan zona de descenso coa terceira vitoria seguida na casa.


Abonados ao sufrimento, pero, ultimamente, tamén á vitoria. A ambos factores está acostumando o Noia Portus Apostoli FS ao Agustín Mourís, que presenzou un apaixonante 4-3 dos seus ante Industrias Santa Coloma e supón o terceiro triunfo consecutivo no seu feudo, que ademais sérvelles para deixar zona de descenso polo goal average.


Os noieses entraron ben ao partido, e aos 10 segundos xa ameazaran o marco rival. Xogo rápido e fluído sobre o parqué, con lixeira superioridade branca, ao que lle faltaban por chegar os goles. E na primeira oportunidade clara de Industrias, rompeu as hostilidades Povill. O visitante aproveitou un despiste defensivo local e batiu a Peixe no man a man. O golpe dupricouse apenas uns segundos máis tarde, cando nunha acción embarullada Uri Santos lograba con fortuna o 0-2 no 7’.


O tanto de David Pazos de falta directa practicamente a continuación devolveu aos brancos a só un gol de desvantaxe e restou dureza aos dous seguidos dos colomenses. A partir de aí, o Portus Apostoli foi unha avalancha sobre a portería dun Borja Puerta que sacou mans de mérito ao propio Pazos e Diego Fávero. O meta visitante contou tamén coa colaboración do largueiro nos intentos de Power e Peixe, que estiveron preto de poñer algo máis de xustiza no marcador acorde ao visto na pista.


Remontada e sufrimento


Á saída de vestiarios, un disparo de Pirata que rebotou en Tolrà deu lugar ao 2-2 con todo un mundo por diante. A igualdade no electrónico trouxo un pouco máis de equilibrio de forzas, aínda que co Noia cun chisco de primacía, pleno de moral tras repoñerse do par de goles visitantes e grazas ao apoio dunha afección que tampouco fallou en pleno martes laborable.


Alentados por todos eles lanzábase o Portus Apostoli ao ataque, cun nome erixíndose en protagonista principal. Da primeira parte saíu cun gol, e na segunda David Pazos non parou ata repetir. O de Ames fixo traballar a Borja Puerta cunha estirada abaixo e impactou no exterior do pau antes de volver a acertar coa rede no 29’, colando entre as pernas do porteiro un remate coa zurda, previo desequilibrio por banda, para o 3-2.


Coa remontada completada, aos de David Palmas tocoulles sufocar o intento de reacción catalá nos minutos posteriores, que aumentou coa entrada de Povill como porteiro-xogador a 5’ do final. Pero os noieses non ían a permitir que se lles escapara todo o que conseguiran anteriormente, e, tras unha recuperación de Power na presión arriba, Pirata puxo o 4-2 e unha importante dose de tranquilidade.


Só a alterou o toque preciso de Puchy a 10 segundos do final que supuxo o 4-3. Definitivamente, no Mourís hai que sufrir ata o último asubío. E é que aínda tivo unha última Industrias, tamén nas botas de Puchy, nunha volea que se marchou alta e que permitiu, por fin, respirar a un Portus Apostoli que celebrou por terceiro partido seguido cos seus un triunfo de enorme relevancia para continuar máis que vivos na batalla pola permanencia.



Próximo partido


O Portus Apostoli termina esta semana de tres partidos visitando ao Illes Balears Palma Futsal, bicampión de Europa e do Mundo, este venres 4 ás 20:30h pola 25ª data ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Montero, Garrincha, Rufino, Álex García, Douglas e Thierry.


Industrias Santa Coloma: Borja Puerta (p), Tolrà, Corso (c), Puchy e Leandrinho. Tamén xogaron Povill, Uri Santos, Cardona, Verdejo, Niel·lo e Víctor Pérez.


Goles: 0-1 Povill (6’), 0-2 Uri Santos (7’), 1-2 David Pazos (7’), 2-2 Pirata (22’), 3-2 David Pazos (29’), 4-2 Pirata (37’), 4-3 Puchy (40’).


Os árbitros Francisco Javier Marazuela Hernando e Sergio Toral Heredia, do comité castelán-leonés, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Rufino (10’), David Pazos (25’) e Schütt (37’). Nos colomenses, amarelas a Niel·lo (24’), Uri Santos (27’) e Leandrinho (34’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 24 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores.

Kommentare


bottom of page