top of page

CRÓNICA X24 (JPI 3–2 NPA) | A crueldade volve a cebarse

O Portus Apostoli rozou os tres puntos do Olivo Arena, pero volveu a pagar caro a súa escasa puntería nun tramo final no que los xienenses remontaron con porteiro-xogador.
A próxima semana será de parón, por motivo da Copa de España. Seguinte partido, o domingo 31 ás 13:00h recibindo ao Mallorca Palma Futsal.

Rufino protexe o balón ante Renato (foto: Manuel Lorenzo)

Un final de partido excesivamente duro, e non é a primeira vez esta temporada, apartou ao Portus Apostoli de conseguir un valioso resultado na súa visita a Jaén.


Ambiente de certa tranquilidade se respiraba sobre o maxestuoso Olivo Arena nos minutos iniciais do duelo, nos que apenas se viron aproximacións de perigo real. A calma esfumouse cando os noieses, por medio de Power Raggiati, puxeron as cousas patas arriba co 0-1 no minuto 10. O tanto do arxentino espertou aos amarelos, freados nas súas intentonas polo sólido entramado defensivo noiés.


Ben pronto no reinicio xa quedou claro que manter a vantaxe non iba a ser fácil. En menos de dous minutos, os colexiados indicaban ao Portus Apostoli 3 faltas, algunha delas de gran rigurosidade. Precisamente nunha destas, o Jaén atopou a vía para o empate, obra de Renato nun disparo, para máis inri, desviado por un defensor galego. O Noia tivo a capacidade de repoñerse rápido, e Altamirano devolvía a diantera no 25’ aproveitando o rexeite tras parada de Dudu a Power.


Dispuxo de varios achegamentos o cadro noiés para dar recompensa ao seu aguante defensivo e poñer dous goles de renda. Porén, ese importante paso nunca chegaría, e a cinco minutos do final, os xienenses introduciron o porteiro-xogador. Pouco despois, os árbitros indicarían a quinta falta, e, tras outra ocasión perigosa dos visitantes, unha dubidosa sexta. Sarmiento impeidu o empate rexeitando o disparo de Chino, pero non puido facer nada minutos máis tarde nun disparo exterior de César que, tras tocar nas costas de Altamirano, convertíase no 2-2. A superioridade numérica volvería a dar petróleo ao Jaén a 28’’ do final co gol de Alan Brandi, completando unha remontada excesivamente cruel para o esforzo noiés.


Outro duro golpe para un grupo que ben puido levarse un preciado botín do Olivo Arena. A posición noiesa na táboa seguirá sendo a 16ª con 18 puntos e a dous da zona de permanencia durante dúas semanas máis, xa que a Liga para a próxima pola Copa de España. A seguinte final será o domingo 31 de marzo ás 13:00h no Mourís, coa visita do campión de Europa, Mallorca Palma Futsal.


 

Ficha técnica

Jaén Paraíso Interior FS: Dudu (p), Pablo del Moral, Michel, César e Mati Rosa. Tamén xogaron Joao Salla, Dani Zurdo, Arnon, Nem, Taborda, Renato, Alan Brandi e Chino.


Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Machado, David Pazos, Pirata e Rufino. Tamén xogaron Power Raggiati, Lluc (c), Altamirano, Edu Jabá, Douglas e Nico Rosa.


Goles: 0-1 Power Raggiati (10’), 1-1 Renato (22’), 1-2 Altamirano (25’), 2-2 César (38’), 3-2 Alan Brandi (40’).


Os colexiados do comité estremeño José Javier Cidoncha Cortés e Sergio Salomé Vizuete amoestaron polos locais con cartón amarelo a Taborda (30’), Renato (34’), Nem (36’), Dudu (36’) e Mati Rosa (39’). E polos visitantes, amarelas a Machado (22’), Rufino (28’), Altamirano (37’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 24 da Primeira División FS, disputado no Olivo Arena de Jaén ante uns 5.000 espectadores.

Comments


bottom of page