Os noieses non puideron sacar nada da visita ao fortín de Son Moix, onde o Mallorca Palma Futsal sacou músculo para levarse o partido de forma contundente e continuar invicto como local.
Con este resultado, o Portus Apostoli mantense na oitava plaza con 33 puntos tras 24 xornadas disputadas.
Tarde aciaga para o Noia Portus Apostoli FS en Son Moix, ante un Mallorca Palma Futsal que demostrou unha vez máis que na casa é moi forte, foi superior aos nosos e levouse os tres puntos deste encontro da xornada 24 da Primeira División.
E iso que a cousa empezara moi ben para os noieses. Cal funambulista nun alambre a varios metros de altura, Altamirano axustou ao máximo sobre a liña de fondo ante a oposición de Marlon e Carlos Barrón para sacarse do bolsillo o 0-1 no minuto 6. Un auténtico golazo que rompeu a igualdade dun partido que comezara con ritmo alto, pero sen grandes ocasións.
O tanto espoleou a un Mallorca Palma Futsal que nos minutos seguintes fixo valer a súa condición de segundo clasificado e equipo de Final Four de UEFA Futsal Champions League. Iso si, non estivo lonxe de verse 0-2 abaixo no marcador. Lluc estrelou un balón á madeira nunha perigosa transición que tampouco puido converter Machado no rexeite, a oportunidade visitante máis clara neste tramo.
Perdoaron os noieses e seguiron empuxando os baleares, sobre todo desde a entrada de Luan Muller, ata que a insistencia tivo premio. Tayebi, despois dun excelente xiro en zona de pívot, e Cainan, cun tiro directo de falta que tocou na barreira, deron a volta ao electrónico entre os minutos 14 e 15 de primeiro tempo. Tras a sexta falta visitante a menos dun segundo do descanso, puido ampliar Cléber a vantaxe co disparo desde os dez metros, pero apareceu Henrique para deixar a distancia nun solo gol.
De pouco valeu. Outros dous tantos moi seguidos dos baleares, de Chaguinha e de novo Tayebi, evitaron a reacción noiesa na saída de vestiarios, e deixaron a misión de sumar en Son Moix demasiado costa arriba. Co quinto de Eloy Rojas, Marlon Velasco introduciu o porteiro-xogador, manobra que xa probara en certos momentos do primeiro período.
Nin con esas puido reducir diferenzas e nin moito menos meterse no partido o cadro noiés, resignado a chocar en todas as oportunidades co sólido muro do Mallorca Palma Futsal ata o final do envite. A pesar da derrota, o Portus Apostoli seguirá unha xornada máis en postos de PlayOff como oitavo clasificado con 33 puntos.
O seguinte compromiso agarda este mércores 29 en Ferrol, semifinal de Copa Galicia contra O Parrulo, nunha semana na que haberá parón ligueiro pola Final Four de Copa do Rei.
Ficha técnica
Mallorca Palma Futsal: Carlos Barrón (p) (c), Tomaz, Chaguinha, Cainan e Mancuso. Tamén xogaron Luan Muller (p), Marlon, Cléber, Rivillos, Tayebi e Eloy Rojas.
Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Marcelo, Douglas, Edu Jabá e Bruno Gomes. Tamén xogaron Power Raggiati, Lluc (c), Altamirano, Pirata, Nico Rosa e Machado.
Goles: 0-1 Altamirano (6’), 1-1 Tayebi (14’), 2-1 Cainan (15’), 3-1 Chaguinha (26’), 4-1 Tayebi (27’), 5-1 Eloy Rojas (31’).
Os colexiados valencianos Samuel Gabaldón Rico e Óscar Ropero Lara amoestaron polos locais con cartón amarelo a Cléber (16‘), Mancuso (24‘) e Rivillos (36'). E polos visitantes viron a amarela Altamirano (20'), Bruno Gomes (27‘), Douglas (31') e Lluc (32')
Incidencias: partido correspondente á xornada 24 da Primeira División, disputado no Palau Municipal d’Esports Son Moix ante uns 3.200 espectadores.
Yorumlar