CRÓNICA X23 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (VAV 3–2 NPA) | Desenlace cruel en Valdepeñas
- 1 hour ago
- 3 min read

O Portus Apostoli saíu de baleiro do Virgen de la Cabeza. Ao igual que en episodios pasados como Jaén, os noieses víronse obrigados a realizar un encomiable esforzo colectivo para tratar de sumar lonxe da casa, algo que só se resistiu por 5 segundos. Os que quedaban cando Carrasco desfixo o empate en favor do Viña Albali Valdepeñas (3-2), que pon terra de por medio cos brancos na clasificación.
Os vinateiros entraron mellor ao partido e confirmárono co 1-0 de Nicolás. O pivote foi un dos que máis perigo trouxo sobre a meta dun Noia que, tras uns primeiros minutos de resistencia defensiva, recompúxose coas incorporacións ao ataque de Peixe. A deste sábado non era unha papeleta sinxela para o Portus Apostoli. Plantáronse nunha das pistas máis esixentes do campionato con numerosas baixas -Gui Lima, Macedo, Diego e o capitán David Pazos uníanse á de larga duración de Leozin- e enchendo 12 dos 14 ocos posibles en convocatoria, co ingreso do filialista Koeman.

Pero o xen competitivo dos noieses non se borra tan facilmente e a melloría tivo recompensa pasados os dez minutos. O gol do empate saíu das botas de Thierry, nun disparo preciso ao primeiro pau imposible para Borja Puerta.
Sobraron cinco segundos
Ningún dos dous conxuntos logrou poñerse en vantaxe antes do descanso, nun clima de maior igualdade. A espera non se alargou moito á saída de vestiarios. Churrasco avanzou por banda, Ismael executou o pase da morte e Torres, no intento de evitar o 1-2, acabouno por converter en propia portería, cando non se cumprira o primeiro minuto do reinicio.
Viña Albali reinstaurou a igualada no 31’, nun remate de João Silveira en acción de estratexia que non puido frear un Schütt que volveu a ter un destacado papel entre paus. Buscaba as súas o Portus Apostoli coas sumas ao ataque de Peixe ou transicións rápidas tras roubo, como a de Altamirano que se perdeu preto do marco de Pato.

O tempo pasaba e todo apuntaba a que o Noia sacaría premio do seu exercicio colectivo. Ata o pau semellaba aliarse, desviando o forte tiro de José Mario. Pero, cando máis cercano parecía ese valioso punto, os valdepeñeiros fixéronse cun balón solto, pillaron co pé cambiado a unha xa moi cansada defensa noiesa e, cazando un rexeite, Carrasco anotaba o 3-2 con apenas 5 segundos por xogarse.
Tocou cruz para os de David Palmas. Un duro final que non fai xustiza ao empeño e sacrificio dos brancos, e un resultado que supón un paso atrás nas aspiracións polo PlayOff, caendo ao 9º posto con 31 puntos, a 3 dos 34 que suma Jaén Paraíso Interior FS na 8ª praza. Sete batallas por diante para seguir soñando e dándoo todo nas boas e nas malas.
Próximo partido
O cadro noiés afronta este mércores 1 ás 20:30h en Pontevedra a final da XXXIV Copa Galicia FS ante o O Parrulo Ferrol FS.
Ficha técnica
Viña Albali Valdepeñas: Borja Puerta (p), João Silveira, Torres, Naranjo e Carrasco. Tamén xogaron Pato (p), José Mario, Boyis (c), Alberto, Nicolás, Sinésio Jr, Yáñez e Ribeiro.
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Thierry, Altamirano (c) e Ismael. Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Koeman, Biel, Douglas e Rubi.
Goles: 1-0 Nicolás (6’), 1-1 Thierry (11’), 1-2 Torres, en propia portería (21’), 2-2 João Silveira (31’), 3-2 Carrasco (40’).
Os árbitros Carlos Enrique Bustos Caparrós e Manuel Jesús Barrilero Mohedano, do comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos vinateiros a Boyis (9’), João Silveira (17’), Carrasco (32’) e Borja Puerta (39’). Nos noieses, amarelas a Ismael (16’), Montero (36’) e Altamirano (36’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 23 da Primera División FS, disputado no Pavillón Virgen de la Cabeza de Valdepeñas ante uns 2200 espectadores.





Comments