top of page

CRÓNICA X23 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (ELP 3–1 NPA) | Freados por Edu

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Mar 29
  • 3 min read

Venres, 28/03/2025 · 23:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O cancerbeiro xamoneiro chocou contra o bo facer dun Portus Apostoli que mereceu máis en Murcia.


De baleiro marchou de Murcia o Noia Portus Apostoli FS, a pesar do seu gran partido. Frustrados unha e outra vez por Edu, gardameta local, os de David Palmas viron como o seu dominio e oportunidades quedaban en agua de castañas ante un ElPozo Murcia Costa Cálida FS que tivo que construír a partir do portugués o seu triunfo por 3-1.


O partido comezou sen tregua e cos murcianos achegándose ata en dúas ocasións, salvadas con solvencia por Peixe. Máis claras foron as de Thierry e, sobre todo, Douglas, cuxa volea se estrelou no pau. Un envío de Thierry que Garrincha non chegou a cabecear provocou un novo “ui” nas bancadas do Palacio, pouco antes de saltar de alegría polo 1-0 de Gadeia no 7’. O brasileiro aproveitou un desaxuste noiés para, sen oposición, abrir a lata.


Froito de outro descoido visitante, esta vez mediante unha transición, volveu a sacar petróleo ElPozo. Marcel conduciu e entregou ao canteirán Bruno para que este convertira o 2-0, mediado o primeiro acto. A diferenza no marcador e a acumulación de faltas locais propiciaron un claro dominio posterior do Portus Apostoli que xa se intuía nos minutos previos.


 Espectáculo Edu sen fin


Mereceu o gol antes do descanso o cadro noiés, pero chegoulle xusto despois. Álex García empalou o rexeite do seu propio disparo directo de falta, e este tomou dirección a un Pirata que bateu a un xa superado Edu. Moita marxe aínda para remontar e a por iso se lanzou un Noia ao que, co balón no seu poder a maioría do tempo, pouco lle importaba o escenario de altura, o plantel plagado de talento que tiña diante e o colocarse con 4 faltas en 3 minutos.


Só lle faltou o gol aos noieses. Negado unhas veces por falta de puntería e outras moitas polas aparicións dun inconmensurable Edu, o partido alcanzou os últimos cinco minutos co 2-1 e todo por decidir. Tamén por culpa de Peixe, que con dúas grandes paradas demostrou que non quería perderlle o pulso ao seu homólogo.


Aí optou David Palmas polo porteiro-xogador, co que lograron forzar a quinta falta murciana. Os colexiados non aprezaron suficiente infracción como para mostrar amarela á entrada de Gadeia sobre Power, que sería a segunda. Uns instantes despois, tras a falta mal executada polos visitantes, o brasileiro entregaba o coiro a David Álvarez, que co seu forte disparo facía o 3-1 definitivo, aínda que o Noia intentara reengancharse no electrónico sen pausa, pero finalmente sen máis premio.


A vitoria do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS, unida a esta derrota noiesa en Murcia, fai caer aos brancos á 15ª praza con 19 puntos, a dous dos navarros e a un da salvación que agora marca Córdoba Patrimonio de la Humanidad cun partido menos, a disputar este sábado.



Próximo partido


Pouco tempo para lamentarse, xa que os noieses volverán á acción este martes 1 de abril ás 21:00h para recibir ao Industrias Santa Coloma en partido da 24ª data ligueira.


 

Ficha técnica

ElPozo Murcia Costa Cálida FS: Edu (p), Gadeia, Marcel, Felipe Valerio (c) e Rafa Santos. Tamén xogaron Marlon, Ricardo, David Álvarez, Ricardinho, Palacio e Bruno.


Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Montero, Garrincha, Rufino, Álex García, Douglas e Thierry.


Goles: 1-0 Gadeia (7’), 2-0 Bruno (10’), 2-1 Pirata (21’), 3-1 David Álvarez (37’).


Os árbitros Diego Martínez García (comité balear) e Iván López Galiano (comité catalán) amoestaron con tarxeta amarela nos murcianos a Marlon (12’), Rafa Santos (17’) e Gadeia (21’). Nos noieses, amarelas a Rufino (22’) e Pirata (38’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 23 da Primeira División FS, disputado no Palacio de los Deportes de Murcia ante uns 1.000 espectadores.

Comments


bottom of page