top of page

CRÓNICA X23 (NPA 3–5 ELP) | As áreas deciden

O Portus Apostoli quedou coa mel nos beizos ante ElPozo Murcia, ao que empatou ata en tres ocasións un resultado desfavorable, pero sen lograr a remontada.
Sete finais por diante para os noieses, a seguinte o vindeiro sábado 16 ás 18:00h no Olivo Arena de Jaén.

Pirata e o opoñente Ricardo buscan un balón na área (foto: Pichero)

Noia Portus Apostoli FS e ElPozo Murcia Costa Cálida FS convertiron o parqué dun Municipal Agustín Mourís practicamente cheo na lona dun ring, no que se repartiron golpes en forma de goles durante corenta minutos de loita, decantado a pegada murciana a contenda e deixando sen premio á insistencia noiesa.


Esteban adiantou a ElPozo Murcia Costa Cálida por primeira vez no 3’, a pase de Marcel e uns instantes despois dunha ocasión clara marrada por Rufino na outra área. Os brancos non se viñeron abaixo, e no 5’ xa empataran por medio dun disparo de lonxe de Edu Jabá que sobrepasou a Edu. O duelo continuou sendo de poder a poder, aberto e sen ningún claro dominador. Nesas, e de novo tras unha oportunidade perigosa dos noieses, o conxunto murciano soubo castigar co 1-2. Esteban, para o seu dobrete, zafouse de Pazos e superou a Sarmiento cun golpeo a media altura. Aínda lograría nivelalo outra vez o Noia antes do descanso, por medio de Altamirano nunha transición, cunha chispa de fortuna ao tocar o seu disparo nun rival.


A segunda metade inaugurouse cun potente disparo de David Pazos que se perdeu moi preto do poste e levantando o “ui” da grada. Segundos despois e aínda sen superar o minuto de reinicio, Marcel xa volvera a adiantar aos xamoneiros, resolvendo con contundencia un balón solto na área. A este golpe tamén atopou réplica o Noia, e de novo protagonizada por Altamirano. O arxentino recibiu de Matheus Preá e sacou da manga un recurso exquisito para superar a saída de Edu e poñer o 3-3 no 24’. Porén, ElPozo tirou da súa infinita calidade para, unha vez más, volver a tomar a iniciativa no electrónico, con Marlon definindo con suma tranquilidade ante Sarmiento unha xogada iniciada por David Álvarez.


Con 12 minutos por disputarse, saltou Pirata a pista coa camiseta de porteiro-xogador. Amasou e xerou o Portus Apostoli, ante unha defensa bien plantada que, se os noieses lograban desactivar, vía en Edu a súa última barreira, sacando intentonas como as de Jabá, Nico Rosa ou o propio Pirata. Nun dos ataques de cinco frustrados, os murcianos lograron pillar fóra de guardia aos brancos, e Gadeia decidiu o choque co 3-5 definitivo, xa no 38’.


Só o acerto nas áreas separou a un conxunto que dorme líder, como é ElPozo tras este triunfo, e un Noia Portus Apostoli FS que permanecerá na 16ª praza con 18 puntos, á espera de poder seguir a dous da salvación e consciente de que lle quedan 7 finais por diante. A vindeira, o sábado 16 ás 18:00h na cancha de outro coco, o Jaén Paraíso Interior.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Machado, Rufino, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Altamirano, Edu Jabá, Douglas, Nico Rosa, Bonino, Pola e Matheus Preá.


ElPozo Murcia Costa Cálida FS: Edu (p), Marcel, Marlon, Felipe Valerio (c) e Esteban. Tamén xogaron Ricardo, Taffy, Niyazov, David Álvarez, Gadeia e Eric Pérez.


Goles: 0-1 Esteban (3’), 1-1 Edu Jabá (5’), 1-2 Esteban (15’), 2-2 Altamirano (19’), 2-3 Marcel (21’), 3-3 Altamirano (24’), 3-4 Marlon (26’), 3-5 Gadeia (37’).


Os colexiados Jorge Moreno Durán, do comité madrileño, e Víctor Toca Campo, do comité cántabro, amoestaron polos locais con cartón amarelo a Power Raggiati (19’) e Pirata (35’). E polos visitantes, viron a amarela Edu (17’), Taffy (19’) e Gadeia (39’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 23 da Primeira División FS disputado no Municipal Agustín Mourís ante uns 700 espectadores.

bottom of page