top of page

CRÓNICA X22 PRIMERA DIVISIÓN FS (NPA 3–2 BUR) | Épica e clave vitoria no derbi


Domingo, 16/03/2025 · 19:55h · Imaxe: Foto Pichero | Un tanto de Pirata a algo máis dun minuto do final decantou para os noieses un duelo galego de ti a ti.


Dous derbis, dúas resolucións non aptas para todos os públicos. E, de novo, con Pirata e o Noia Portus Apostoli FS sacando beneficio. Se en Vista Alegre provocou o reparto de puntos, nun Agustín Mourís cheo a aparición do lucense decantou do lado noiés un duelo galego de alternativas e tras o que os de David Palmas volven a saír de zona de descenso.


A contenda abriuse cedo. David Pazos aproveitou unha mala entrega de Araya, nun erro difícil de ver nun sólido CD Burela FS, para dar a pracer o 1-0 a Pirata aínda no 3’ de xogo. A diana local non mudou os plans de ningún bando. Os brancos dominaban o coiro, con protagonismo de Peixe e as súas incorporacións ao ataque, sen sufrir en exceso atrás, grazas a un alto nivel defensivo e empuxados por unha afección espectacular desde antes incluso do asubío inicial.


Cambio de guión


Pero o derbi reservarase a maior parte da súa chicha para a segunda metade. Empezouse a comprobar apenas uns segundos despois de reiniciar o choque. Avisara xa Burela, e na seguinte non perdoou Rikelme a porta baleira, en acción con certo infortunio para os intereses locais. Non tardou en responder o Portus Apostoli. Altamirano executou un disparo que fixo cantar gol a medio pavillón. E non foi para menos, xa que o balón estrelouse nos tres paus e botou sobre a liña da meta de Kaluza.


Mentres algúns aínda revisaban se entrara o tiro del arxentino (non entrou), o seu compatriota Power Raggiati devolvía a vantaxe ao Noia. Coa súa característica enerxía, o peche lanzouse ao ataque, recibiu de Garrincha e conectu un lanzamento que, grazas ao desvío de Alberto, confundeu a Kaluza para terminar entre as mallas. Pero o partido xa se abrira, quizais como poucos podían imaxinar na previa, e había alternativas en ambos fondos da cancha. Nunha desas, os de David Rial volveron a nivelar o electrónico por medio de Pitero cando corría aínda o minuto 26, e tan só un máis tarde Rikelme mandou o balón no largueiro.


Nos últimos dez minutos de partido engadiuse un ingrediente fundamental: a quinta falta do Burela. Licencia para atacar con máis liberdade para un Portus Apostoli que dispuxo no 33’ dun tiro de dez metros que errou Pirata ao lanzalo demasiado por enrima do marco de Kaluza. O porteiro polaco si tivo que empregarse a fondo en momentos posteriores, con remates perigosos de Thierry e Rufino. No outro lado, Pitero e, sobre todo, Isma desperdiciaban dúas boas oportunidades.


Consumíase o tempo do reloxo e o derbi semellaba abocado a un novo 2-2, como o da primeira volta hai un par de meses. E nun final similar, de novo Pirata emerxeu protagonista. Recibiu de Pazos, fiou fino na área e cruzouna á rede para esquecer o fallo anterior e, a un minuto e corenta segundos do final, desatar o éxtase de centenares de gargantas que, tras a enorme defensa do porteiro-xogador introducido posteriormente polos bureleses, puideron celebrar, é épica, unha vitoria clave na batalla pola permanencia.



Próximo partido


Novo parón a vindeira fin de semana, neste caso pola Copa de España FS, e o Noia Portus Apostoli FS xa sitúa os seus esforzos na visita a ElPozo Murcia Costa Cálida FS o venres 28 ás 21:00h pola 23ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Montero, Altamirano, Garrincha, Rufino, Álex García, Douglas e Thierry.


CD Burela FS: Kaluza (p), Araya, Alberto, Rikelme e Isma (c). Tamén xogaron Quelle, Pitero, Charly, Juninho e Marc Campàs.


Goles: 1-0 Pirata (3’), 1-1 Rikelme (21’), 2-1 Power Raggiati (23’), 2-2 Pitero (26’), 3-2 Pirata (39’).


Os árbitros Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro, do comité madrileño, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Douglas (6’), Rufino (30’), Pirata (31’), David Pazos (37’) e ao adestrador David Palmas (40’). Nos bureleses, amarelas a Alberto (11’), Mika (17’), Pitero (31’), Rikelme (31’), Juninho (31’), Quelle (32’), ao adestrador David Rial (33’) e Araya (33’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 22 da Primeira División FS, disputado nun cheo Municipal Agustín Mourís de Noia, ante uns 800 espectadores.

Comments


bottom of page