top of page

CRÓNICA X22 (ALZ 4–2 NPA) | Amarga caída en Alzira

Os noieses quedan sen sumar na súa larga visita á Comunitat Valenciana, tras perder este martes no Palau d’Esports de Alzira ante un Family Cash que o adianta na táboa.
Este venres 8 ás 21:00h, o Portus Apostoli recibe a ElPozo Murcia Costa Cálida FS no Agustín Mourís.

(foto: Carla Cortés - Alzira FS)

O Noia Portus Apostoli FS despídese da Comunitat Valencia cos mesmos 18 puntos cos que chegou e, agora, na última posición da Primeira División FS. Tras caer en Peñíscola o sábado, os noieses marcharon de baleiro tamén de Alzira este martes, condenados polos seus erros e negados de cara a portería.


Tampouco a fortuna acompañou ao Portus Apostoli, que encaixou o primeiro no minuto 11 cun gol en propia meta de David Pazos, no intento de despexe dunha acción de Gon Castejón. Co 1-0 animouse o Family Cash, tras un inicio no que ambos equipos buscaron conceder o mínimo. Na recta final do primeiro tempo, o Noia deu un arreón. Matheus Preá lanzou ao pau no 16’, nunha xogada de esquina, medio polo que chegaría o empate, con Rufino empuxando á rede un gran pase de Pazos no 19’.


Os alzireños sorprenderían por partida dobre nos primeiros compases do reinicio. Gon Castejón, cun auténtico golazo, e Tiago Selbach, facendo bo un balón solto na área, deixaban o 3-1 no electrónico e groguis aos brancos. Calquera posible reacción frustrouna o meta rival, Fede. En igualdade e tamén co xogo de cinco, no que Alzira ademais ampliou distancias nunha recuperación de Peiró. Edu Jabá deu algo de vida co 4-2 a pouco máis dun minuto do final, e restando 58 segundos, puido haber penalti de Gon Castejón a Altamirano, nunha acción polémica na que o arxentino se dispoñía a facer, a porta baleira o terceiro tanto.


Tras estas dúas derrotas, o Noia tópase agora coa realidade de verse pechando a clasificación no 16º posto con 18 puntos. Iso si, a tan só 2 da zona de salvación. A partir de aquí, 8 finais por diante, comezando pola visita de ElPozo Murcia Costa Cálida FS este venres ás 21:00h.


 

Ficha técnica

Family Cash Alzira FS: Fede (p), Rubi, Peiró, Gon Castejón (c) e Tiago Selbach. Tamén xogaron Joan Miguel, Hugo Alonso, Panés, Álex Naranjo, Joaki, Carlos e Pesk.


Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Power Raggiati, Edu Jabá, Altamirano e Matheus Preá. Tamén xogaron David Pazos, Rufino, Pirata (c), Douglas, Nico Rosa, Bonino, Pola e Machado.


Goles: 1-0 David Pazos, en propia portería (11’), 1-1 Rufino (19’), 2-1 Gon Castejón (21’), 3-1 Tiago Selbach (23’), 4-1 Peiró (37’), 4-2 Edu Jabá (39’).


Os colexiados Héctor Mayo López e Carlos Panadero Díaz-Concha, do comité madrileño, amoestaron polos alzireños con tarxeta amarela a Joan Miguel (40’). E nos noieses viron a amarela Altamirano (17’), Rufino (25’), Matheus Preá (31’), Edu Jabá (37’) e Pirata (37’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 22 da Primeira División Fútbol Sala, disputado no Palau d’Esports de Alzira ante uns 2.500 espectadores.


bottom of page