top of page

CRÓNICA X21 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | (JCT 2–2 NPA) | Punto de enorme mérito en Cartaxena


Venres, 28/02/2025 · 23:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os brancos seguen sumando fóra da casa, esta vez na pista do vixente campión ligueiro, e prolongan o seu gran momento unha xornada máis.


O Noia Portus Apostoli FS suma un punto máis ao seu casilleiro na visita ao campión de Liga, o Jimbee Cartagena Costa Cálida FS, e pon fin a un extenuante febreiro que pasa con 9 de 18 puntos posibles e moi boas sensacións de cara ao último tramo do curso.


Empezou o Noia con alegría sobre a portería de Jimbee. Altamirano e Power contaron coas primeiras ocasións chamativas do encontro. Pouco tardou en animarse tamén o cadro cartaxeneiro, o que invitou a intervir a Schütt con dúas boas paradas ante Pablo Ramírez e Jesús Izquierdo.


Equilibrio e chegadas repartidas para ambos bloques protagonizaron o groso do primeiro acto, en busca dun primeiro gol que atoparon os locais no 16’. Destacado polo seu bo facer entre paus pero perigoso da mesma maneira co pé, o porteiro Chemi aproveitou unha incorporación ao ataque do seu homólogo noiés para abrir a lata desde a súa área. Pouco máis sucedeu ata o descanso, cos de David Palmas afrouxando nos últimos segundos para non cometer a sexta falta.


Dobre resposta e gran esforzo


Ao igual que o martes ante Osasuna Magna, a saída de vestiarios do Portus Apostoli foi inmellorable. Nada máis sacar de centro avisou Thierry, e un puñado de segundos máis tarde Power recibiu de Garrincha e bateu por baixo a Chemi para o empate. Tras o tanto do peche arxentino, guión similar ao visto antes do receso, cos cartaxeneiros dispoñendo de máis balón e as oportunidades divididas. Peixe, porteiro noiés no segundo acto, desfixo as probaturas de Pablo Ramírez e Tomaz. Este último foi providencial momentos despois para alonxar un disparo de David Pazos que se colaba no marco local. Nesas, serían os de Duda os que lograrían volver a golpear. Motta desequilibrou por banda e Osamanmusa rematou na área para colocar o 2-1 no marcador ao 27’.


Entraba o partido nos seus últimos 10 minutos e o Palacio de los Deportes de Cartaxena vía como o Noia ameazaba a vantaxe do seu equipo. Pirata e Altamirano fixeron traballar a Chemi, quen posteriormente non logrou despexar o seguinte intento do á arxentino, incisivo polo costado esquerdo e cun chisco de fortuna no seu disparo para refacer o empate.


A catro minutos do final, Motta entrou coa camiseta de porteiro-xogador nun Jimbee que temía alargar unha xornada máis a súa xeira sen gañar. Monopolio de posesión dos locais, pero que apenas fixo sufrir a un Noia moi ben plantado na defensa, a pesar do cansazo acumulado. Incluso puideron os noieses levarse o botín completo, pero nin Rubi nin Power conseguiron materializar nas súas situacións.


Co asubío final, reparto de puntos e un moi importante que voa de volta a Noia para sumar 16 na clasificación (máis da metade deles nos 6 partidos disputados en 20 días de febreiro), durmir fóra do descenso, a espera do que faga ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS, e dar continuidade ás boas sensación e resultados que se traducen nunha soa derrota nos últimos 9 partidos, supoñendo o mellor momento da temporada dos brancos.



Próximo partido


Tras o maratón de febreiro, toca parón esta fin de semana para o Noia Portus Apostoli FS e o resto de equipos da Primeira División FS. A competición reiniciarase para os noieses o domingo 16 de marzo ás 13:00h no Agustín Mourís co segundo derbi galego do curso ante o CD Burela FS, pola 22ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Jimbee Cartagena Costa Cálida FS: Chemi (p), Tomaz, Darío Gil, Motta e Pablo Ramírez. Tamén xogaron Linhares, Cortés, Mellado, Gon Castejón, Jesús Izquierdo (c), Osamanmusa e Mouhoudine.


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Altamirano, Thierry e Pirata (c). Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Garrincha, Diego Fávero, Álex García, Douglas, David Pazos e Rubi.


Goles: 1-0 Chemi (16’), 1-1 Power Raggiati (21’), 2-1 Osamanmusa (27’), 2-2 Altamirano (33’).


Os árbitros Manuel Jesús Barrilero Mohedano e Carlos Enrique Bustos Caparrós, do comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos cartaxeneiros a Gon Castejón (10’), Osamanmusa (15’), Darío Gil (20’), Mellado (21’) e Cortés (22’). Nos noieses, amarelas a Pirata (18’), Douglas (20’) e Power Raggiati (34’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 21 da Primeira División FS, disputado no Palacio de los Deportes de Cartaxena ante uns 3.000 espectadores.

Comments


bottom of page