CRÓNICA X21 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (JPI 1–1 NPA) | Puntazo no Olivo
- 2 days ago
- 3 min read

O Noia Portus Apostoli FS logra un empate (1-1) que vale moito máis que iso na súa visita ao Olivo Arena de Jaén. Nin as baixas, nin o desgaste físico e mental do martes puideron contrarrestar o enorme esforzo de equipo, que tivo merecido premio cun punto valiosísimo que engadir ao botín.
O cadro noiés era consciente dos hándicaps cos que chegaba a unha das pistas máis esixentes do campionato, e primou o manter a súa porta resgardada. Iso si, sen renunciar ao ataque. Douglas, Thierry, Peixe e Ismael, este último probando o larguero, tiveron as mellores ocasións do Portus Apostoli no tramo inicial.

Jaén, que sufriu a lesión do meta Dudu, apretou especialmente preto do descanso, e Dani Zurdo puido abrir o electrónico, pero o seu disparo topouse co pau, na máis clara dos locais. Mesma sorte correu Douglas na portería contraria a apenas dous segundos de encarar vestiarios, deixando todo por decidirse para o segundo acto.
Puido pasar de todo
A igualada mantívose tan só cinco minutos do reinicio. Nunha rápida ofensiva lanzada cun saque largo de Schütt, Montero viu só a Biel no segundo pau, e este non desaproveitou a oportunidade de converter un 0-1 con especial dedicatoria a Macedo na celebración.

A alegría, iso si, durou ben pouco. Practicamente a continuación, un penalti cometido por Douglas deu pé ao tanto de Eloy Rojas desde os seis metros. O tanto non desanimou a un Portus Apostoli que, por medio de Rubi, estivo a piques de poñerse outra vez por diante. Porén, Espíndola sacou en última instancia o remate a queimarroupa do galego.
Co crono marcando menos de dez minutos e os noieses entrando na reserva, o conxunto amarelo volveu a esixir con perigo. Dani Zurdo, que de novo lanzou á madeira, foi o máis destacado dun Jaén que se estrelaba unha e outra vez co gran sacrificio visitante, liderado por un atinadísimo Schütt, autor de numerosas paradas. O exercicio de orgullo e resistencia tivo folgos para aguantar o último arreón xienense co porteiro-xogador, e incluso acariciar os tres puntos, nunha acción de Rubi sufocada in extremis por Alan Brandi.

Un puntazo ao saco para o Portus Apostoli, que suma por primeira vez en Jaén e completa unha semana de viaxes con 4 de 6 puntos, para un total de 28 na clasificación. O obxectivo dos 30, a tiro. O PlayOff, actualmente a 1 de distancia. E o orgullo por este equipo que non para de medrar día tras día.
Próximo partido
Os de David Palmas recibirán a Osasuna Magna o vindeiro sábado 14 de marzo a partir das 16:30h, pola 22ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Jaén Paraíso Interior FS: Dudu (p), João Salla, Michel, Dani Zurdo e Esteban. Tamén xogaron Espíndola (p), Power Raggiati, Rikelme, Eloy Rojas, Alan Brandi (c), Lemine, Bynho e Mati Rosa.
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Thierry, Altamirano (c) e Ismael. Tamén xogaron Peixe (p), Gui Lima, Montero, Biel, Douglas e Rubi.
Goles: 0-1 Biel (25’), 1-1 Eloy Rojas, de penalti (26’).
Os árbitros Óscar Ropero Lara e Samuel Gabaldón Rico, do comité valenciano, amoestaron con tarxeta amarela nos xienenses a João Salla (10’), Michel (23’), Lemine (28’) e Dani Zurdo (36’). Nos noieses, amarelas a Thierry (22’), Douglas (26’) e Altamirano (28’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 21 da Primeira División FS, disputado no Olivo Arena de Jaén ante uns 4400 espectadores.





Comments