Os noieses, que se puxeron por diante en dúas ocasións, caeron na pista do Juan Vizcarro ante un cadro local que anotou os dous goles finais no último minuto.
O martes ás 20:00h, na cancha do Family Cash Alzira, duelo clave pola salvación.
O Portus Apostoli sufriu unha moi amarga derrota que lle impide saír de postos de descenso na cancha do Servigroup Peñíscola, que resistiu o empuxe inicial dos noieses e impuxo a súa condición de local no tramo final para levarse uns 3 puntos moi disputados.
Nun cara a cara de tal importancia e no ambiente hostil do Juan Vizcarro, os noieses levaron a cabo o mellor inicio posible. Seguros co balón e concentrados, por ese camiño chegou o tanto de David Pazos, aínda sen cumprirse o primeiro minuto de xogo. A batuta continuou sendo galega tras o 1-0 puido ser maior a distancia coas dúas claras oportunidades de Matheus Preá. Non sería o brasileiro, senon de novo David Pazos, cunha finalización exquisita, o que colocaba o 0-2 no electrónico aínda no 7’. Coas incorporacións de Starna atopou máis profundidade e igualou un pouco a contenda o equipo de Santi Valladares, que gozou dun disparo ao pau de Aicardo e reduciu diferenzas no 12’ por medio de Diego Sancho, aproveitando un balón solto na área. O primeiro tempo tamén deixou o debut oficial nesta temporada de Douglas.
Á saída de vestiarios, os noieses volverían a perdoar, noutras dúas grandes ocasións marradas ante Gus. Pouco tardou en pagalo, xa que José Mario, cun disparo exterior, anotaba o empate que desataba a tolemia nas gradas do Juan Vizcarro. O penalti por man convertido por Pirata no 27’ daba algo de aire a un Noia que sufría o éxtase dos peñiscolanos, capaces de novo de atarse ao encuentro co 3-3 de Saladié. Limitados polas cinco faltas no seu haber e incómodos no xogo, saiu Pirata como porteiro-xogador para tratar de facerse coas rendas do mesmo. A un minuto do final, cando volveu a ter a posesión o Peñíscola, introduciron o seu xogo de cinco os azuis, que non deixaron pasar a oportunidade de adiantarse por primeira vez na tarde facendo bo, novamente, un balón sen dono na área. A sentenza definitiva daríase aproveitando a continuación a superioridade numérica do Portus Apostoli, para o 5-3 definitivo de Aicardo.
Nove finais quedan agora para o Noia Portus Apostoli FS, que se manterá unha xornada máis na 15ª praza con 18 puntos. A seguinte vén xa, este próximo martes 5 ás 20:00h, na pista do 16º e último clasificado, o Family Cash Alzira FS, outra cita na que se poñen en xogo máis que tres puntos.
Ficha técnica
Servigroup Peñíscola FS: Mati Starna (p), José Mario, Plaza, Elías e Juanqui. Tamén xogaron Gus (p), Aicardo, Cristian, Gauna, Saladié, Víctor Pérez e Diego Sancho.
Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Pola, Machado, David Pazos e Edu Jabá. Tamén xogaron Power Raggiati, Altamirano, Rufino, Pirata, Douglas, Bonino, Pola y Matheus Preá.
Goles: 0-1 David Pazos (1’), 0-2 David Pazos (7’), 1-2 Diego Sancho (12’), 2-2 José Mario (25’), 2-3 Pirata, de penalti (27’), 3-3 Saladié (28’), 4-3 Juanqui (39’), 5-3 Aicardo (40’).
Os colexiados do comité murciano Andrés Botella López e Francisco Castillo López amoestaron polos locais con cartón amarelo a José Mario (21’), Plaza (24’), Gauna (29’), Gus (29’) e Pani (39’). E polos visitantes, viron a amarela Douglas (18’), Matheus Preá (24’) e Pirata (26’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 21 da Primeira División FS, disputado no Pavillón Juan Vizcarro de Peñíscola ante uns 800 espectadores.
Comments