CRÓNICA X20 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 3–4 ISC) | Derrota na casa
- 6 hours ago
- 3 min read

Novo desenlace cruel para o Portus Apostoli no Agustín Mourís. O Industrias Santa Coloma levou este venres os tres puntos (3-4) cun tanto de Tolrà a falta de seis segundos, no que foi a puntilla a unha negativa segunda metade dos noieses, que antes deixaron escapar unha vantaxe de dous.
Saíron mellor ao campo os colomenses, que non tardaron en avisar sobre o marco de Schütt cun disparo ao pau de Leandrinho. A medida que corría o crono, o Noia foi progresando sobre o terreo, e materializouno no electrónico cun minuto 9 máxico. Aparecendo desde segunda liña, Churrasco abriu a lata a pase de Ismael, que uns segundos despois destapou o tarro das esencias para converter o 2-0. O marcador non se volveu a mover antes do descanso, aínda que Víctor Ramos estivo a piques de reducir diferenzas, cun remate á madeira, e Ismael e David Pazos de aumentalas con dous intentos salvados por Ferreyra.

De máis a menos
A escasos centímetros de sumar o terceiro tanto quedou Altamirano no reinicio, pero o envío cara a súa solitaria posición no segundo pau tocouno o xusto Tolrà. A partir de aí, a balanza tornou en favor dos cataláns. Incluso, tamén da man dun pouco de fortuna. Un saque de banda desviado involuntariamente por Gui Lima á súa porta resultou no 2-1. As sensacións dos noieses non eran boas, e mediada a segunda metade Puchy confirmouno restaurando o empate e, pouco despois, dándolle a volta co 2-3, en sendas accións nas que os locais non estiveron finos.
Primeiro coas incorporacións de Peixe e máis tarde con Thierry de porteiro-xogador, o Portus Apostoli abalanzouse sobre a portería visitante. Os colomenses defendíanse con moita orde e faltaba ese feeling de ocasións anteriores, pero os brancos inxeniáronsas para lograr o empate a tres. A 1’59’’ do final, Ismael elevou o coiro desde a súa propia área, obrigado por un mal control previo de Pazos, e atopou só a Thierry na contraria, onde o brasileiro axustizou entre as pernas do meta opoñente.

Ao recuperar a pelota, os noieses insistiron co xogo de cinco, en busca de asegurarse a posesión e arriscar polos tres puntos nunha última acción. Porén, o pase á área de Thierry saíu cruz, e Tolrà tivo tempo para, desde a súa casa, penalizar a ausencia de gardameta e facer o 3-4 favorable a Industrias.
Escápaselle ao Portus Apostoli a opción de deixar case visto para sentenza o obxectivo, aínda que a situación segue sendo positiva. A falta do término da xornada e cun partido menos, os de David Palmas ocupan a 11ª posición con 24 puntos, mesmos agora que Industrias, e con 10 de renda sobre a zona de descenso.
Próximo partido
O cadro noiés recupera o partido aprazado da xornada 18 ligueira fronte ao Servigroup Peñíscola FS este martes 3 ás 20:30h.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Thierry, Altamirano e Ismael. Tamén xogaron Peixe (p), Gui Lima, Montero, Macedo, Diego, Biel, Douglas, David Pazos (c) e Rubi.
Industrias Santa Coloma: Marcos Ferreyra (p), Tolrà, Corso (c), Puchy e Leandrinho. Tamén xogaron Povill, Víctor Ramos, Niel·lo, Aniol, Medina e Kokoro.
Goles: 1-0 Churrasco (9’), 2-0 Ismael (9’), 2-1 Gui Lima, en propia portería (22’), 2-2 Puchy (29’), 2-3 Puchy (31’), 3-3 Thierry (39’), 3-4 Tolrà (40’).
Os árbitros Alejandro Martínez Flores, do comité murciano, e Pablo Delgado Sastre, do comité valenciano, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a David Pazos (18’) e Biel (38’). Nos colomenses, amarelas a Corso (13’), Aniol (26’) e Tolrà (34’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 20 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 770 espectadores.





Comments