O Filial tivo que remontar, con tres tantos de Lukas, para desfacerse dun dos conxuntos da zona baixa, que lle propuxo un encontro complicado no que non estivo cómodo en moitos momentos.
Unha vitoria de líder. O Noia Portus Apostoli FS “B” saíu con sorriso do que se pode catalogar “partido trampa” en Rábade. Os de Daniel Ventoso déronlle a volta ao marcador cun hat-trick de Lukas para reclamar un sufrido triunfo.
A primeira parte transcorreu con complicacións para os noieses, que se estrelaban ante un I. M. Galical Rábade FS ben resgardado en defensa e que tivo a puntería para facer o 1-0 no minuto 8. No treito final viría o desatrancador, con dous goles de Lukas separados por uns poucos segundos, en acción de balón parado e nunha rápida transición.
Os noieses darían un paso adiante na segunda metade e serían quen de poñer máis terreo de por medio co terceiro tanto de Lukas. A incapacidade de colocar a sentenza definitiva do Portus Apostoli “B”, que marrou grandes ocasións como un tiro de dez metros, provocou a entrada do porteiro-xogador nos locais, á que os brancos responderon con firmeza e solidez para asinar unha vitoria das que lembrarse a final de curso.
Líderes con 54 puntos, a vantaxe seguirá sendo, polo menos, de 6 puntos, á espera de que xogue este domingo o Distrito Ventorrillo FS. Os de Daniel Ventoso xa pensan no seguinte compromiso, a 21ª parada do camiño desta Terceira División FS, que disputarán a vindeira semana recibindo no Agustín Mourís ao Sport Sala FS.
Ficha técnica
I. M. Galical Rábade FS: Borja Rozas (p), Alejandro Villegas, Jesús Castro, Sergio Veiga e Xico Fernández. Tamén xogaron Adrián Díaz (p), Iago Ulla, David Arias, Jesús Ignacio Castro, Michael Vázquez, Javier Vázquez e Alejandro Gruñeiro.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Hugo, Álex López, Pau (c) e Gandoy. Tamén xogaron Mateo Vázquez, Lukas, Brais, Dani Prieto, Lucho e Jorge.
Goles: 1-0 Javier Vázquez (8’), 1-1 Lukas (18’), 1-2 Lukas (18’), 1-3 Lukas (31’).
Os colexiados Martín Díaz Marey e Esteban Gómez García amoestaron polos locais con cartón amarelo a David Arias (18’), Jesús Castro (26’), Sergio Veiga (33’) e Adrián Díaz (38’). E polos visitantes, amarelas a Álex López (12’) e Gandoy (22’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 20 da Terceira División FS, disputado no Pavillón Municipal Eduardo Villamarín de Rábade.
Comments