top of page

CRÓNICA X20 (NPA 4–4 VAV) | Un punto na montaña rusa

O Noia Portus Apostoli FS conseguiu, grazas ao porteiro-xogador, salvar un empate dun encontro de alternativas.
Con 18 puntos, o cadro noiés viaxará ao dobre duelo directo na Comunitat Valenciana da próxima semana na 15ª praza.

(foto: Pichero)

Do 2-0, ao 2-4 e ao 4-4 definitivo. Noia Portus Apostoli FS e Viña Albali Valdepeñas montaron nunha montaña rusa con final dramático, no que os noieses rascaron un punto con dous goles usando o porteiro-xogador no último tramo do encontro.


Para nada parecía nos primeiros instantes de partido un duelo entre un equipo en zona de descenso e outro de PlayOff. A igualdade en xogo e intensidade eran palpables, e só faltaba o gol que rompera as gafas no marcador. Para facelo, tivo que trenzar o Portus Apostoli unha xogada de quilates, desde o pase de Pirata ao recorte de David Pazos, que Machado enviou á rede no segundo pau, pasado o minuto 10. Ampliarían vantaxe os noieses no 16’, aproveitando a sexta falta vinatera, por medio de Pirata, que non fallaba no disparo dez metros. Porén, o Noia recibiu da súa propia medicina, a que aplicou no seu último choque na casa, e Viña Albali Valdepeñas igualou con dous tantos a balón parado case seguidos de Fernando. Puido volver a adiantarse o equipo galego no segundo intento desde os dez metros de Pirata, pero o seu lanzamento estrelouse no largueiro.


A segunda parte estivo pragada de chegadas, como a que trouxo a polémica. No minuto 25, os colexiados consideraron que, xusto antes dun remate de Power que acabou en gol, Altamirano movera a portería valdepeñeira e anularon a acción. Non obstante, o que desplazara o marco non foi o arxentino, senón o visitante Alberto, polo que o tanto tería que subir ao electrónico. O empate mantívose e así foi durante varios minutos, en boa medida pola gran actuación de Sarmiento, espléndido nas oportunidades perigosas dos manchegos. Aínda que o arxentino non puido evitar o 2-3 de Boyis, nunha contra, nin o 2-4 de Bynho, noutra rápida acción dun Valdepeñas que se poñía dous arriba a falta de 6 minutos.


A tumba aberta se lanzou o equipo noiés tras o mazazo, e con Pirata de porteiro-xogador apoderouse do balón e das ocasións, facendo intervir a Marcao, que sustituiu a Álex González tras a lesión deste último. Tras varios intentos infructuosos, no 38’ logrou Matheus Preá reducir a diferenza, e a piques de entrar no último minuto, Pirata empuxou o coiro solto preto da liña de gol para desatar o delirio nas gradas e volver a nivelar o partido. Quixo ter a última o Portus Apostoli, pero defendeuse ben o conxunto de David Ramos e, a partir de aí, produciuse unha sucesión de erros que non castigou a ninguén e entregou a cada bloque un suado punto.


Empate con sabor agridoce para o Portus Apostoli, que se quedará coa reacción e o gran xogo de cinco despregado, pero intentará poñer o foco en subsanar os erros que provocaron os tantos vinateros. Todo sexa por chegar coa maquinaria a tope á dobre cita directa da próxima semana na Comunitat Valenciana ante Servigroup Peñíscola e Family Cash Alzira, onde os noieses, 15º con 18 puntos, se xogarán en dous cara a cara o poder saír desa zona de descenso.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Pola, Machado, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Altamirano, Edu Jabá, Rufino, Nico Rosa, Bonino e Matheus Preá.


Viña Albali Valdepeñas: Álex González (p), Boyis, Eloy Rojas, Bynho e Eric Martel. Tamén xogaron Marcao (p), Alberto, Fernando, Solano, Pol Pacheco, Abbasi e Nano (c).


Goles: 1-0 Machado (10’), 2-0 Pirata (16’), 2-1 Fernando (16’), 2-2 Fernando (17’), 2-3 Boyis (32’), 2-4 Bynho (34’), 3-4 Matheus Preá (38’), 4-4 Pirata (39’).


Os colexiados do comité madrileño Luis Manuel Manso Martín e Jorge Moreno Durán amoestaron polos noieses con tarxeta amarela a David Pazos (8’), Power Raggiati (18’), Rufino (29’) e Matheus Preá (39’). E polos manchegos, amarelas a Solano (8’), Álex González (26’), Alberto (tras finalizar o partido) e o adestrador David Ramos (33’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 20 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 575 espectadores. Realizouse un minuto de silencio previo ao inicio do encontro en lembranza das vítimas do recente incendio en Valencia.

Comments


bottom of page