top of page

CRÓNICA X19 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 3–4 ELP) | Un minuto fatídico fai esquiva a vitoria

  • 2 hours ago
  • 4 min read
Sábado, 21/02/2026 · 18:42h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses, que volveron a completar unha gran actuación xeral, viron perdida a súa vantaxe no marcador en dúas accións sucedidas en cuestión de segundos.
Sábado, 21/02/2026 · 18:42h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses, que volveron a completar unha gran actuación xeral, viron perdida a súa vantaxe no marcador en dúas accións sucedidas en cuestión de segundos.

Tívoo preto o Noia Portus Apostoli FS, pero escapóuselle das mans. Non perdoou ElPozo Murcia Costa Cálida FS as concesións noiesas no tramo decisivo, a través das que o colíder lle arrebatou os tres puntos ao cadro de David Palmas anotando dous goles no minuto 36 (3-4).


Pista azul e cámaras de RTVE Play no Mourís. Por diferentes motivos, era outro día especial, como o mércores. E, ao igual que tres días atrás, empezou costa arriba. Ricardo, recente campión da Eurocopa con España, enviou á área desde banda dereita un balón que, involuntariamente, Churrasco introduciu na súa portería, facendo inútil a estirada de Schütt.


Estrea ligueira de Gui Lima | Imaxe: Foto Pichero
Estrea ligueira de Gui Lima | Imaxe: Foto Pichero

Os charcuteiros puideron facer mella. Ricardinho atopouse co pau e Marcel definiu como non acostuma no man a man, lonxe do marco. Pouco a pouco, o Noia recompúxose e non tardou en poñer en apretos os dominios de Edu. Nunha desas, David Pazos construiu camiño polo costado esquerdo e deixou o balón na área, onde a insistencia de Ismael ante a zaga murciana tivo premio, o 1-1 no minuto 7. Ameazou co segundo Gui Lima, debutante en Liga, cuxo punteirazo tapou o porteiro rival.


Eran os mellores minutos no choque do Portus Apostoli, que o certificou xusto antes do descanso. Outro envió á área, esta vez de Altamirano, propiciou o 2-1. Cun remate pouco ortodoxo, Biel sacou o coiro do radar de Edu para introducilo nas mallas e volver a provocar o delirio nas gradas.


Ismael anotou o empate | Imaxe: Foto Pichero
Ismael anotou o empate | Imaxe: Foto Pichero

Un minuto que o afundiu todo


As espadas continuaron por todo o alto ao regreso do recreo. Amarelas e faltas acumuláronse nos primeiros minutos do reinicio, cos noieses alcanzando a cuarta a 16’ do final. Aínda que a que tivo efecto directo realizouna ElPozo, máis concretamente o empurrón de Rivera sobre Biel a escasos centímetros da liña de gol. Tras a consulta no SV confirmouse o penalti, que o á-pivote brasileiro converteu para o 3-1 no 30’ de xogo.


Marcel, cun disparo á madeira, a piques estivo de dar resposta inmediata. Tamén Dener, que topou cun xigante Schütt. Nada puido facer o gardameta ante o disparo a queimarroupa de Rafa Santos, que supuxo o 3-2 no 33’. A partir de aí, coas pernas acusando en demasía o dobre esforzo da semana, brancos e vermellos repartiron perigo, conscientes da importancia do momento. Montero, cun tiro que repeleu co xusto Edu, e Pazos, a través dun remate alto, protagonizaron dúas boas chegadas locais.


Non puido ser | Imaxe: Foto Pichero
Non puido ser | Imaxe: Foto Pichero

Pero foron os visitantes os que tiveron éxito. Bebe fixo bo un roubo de Rafa Santos na presión. Era o 3-3 a 4’25’’ do final. E tan só 13 segundos máis tarde, froito dunha desafortunada acción, o propio Bebe anotou a porta baleira o 3-4. Do dobre golpe tratou de recuperarse o cadro de David Palmas co método que tan ben lle funcionara ante Valdepeñas, o porteiro-xogador. E de novo, a superioridade numérica xerou. Biel tivo dous mans a man que zafou Edu, aínda que a máis clara saíu de Thierry, estrelando o balón no largueiro a poucos segundos do final.


Aí morreron as opcións brancas e unha semana especialmente cruel co Portus Apostoli. Ao Mourís escapáronselle en cuestión de días e por detalles a Final Four da Copa do Rei FS e unha vitoria contra o colíder ElPozo. A recompensa non chegou, é un feito, pero o traballo vai polo bo camiño. Na Liga son 24 puntos tras 18 partidos, a 6 dun obxectivo que buscarán seguir cercando en seis días.



Próximo partido


Os brancos recibirán ao Industrias Santa Coloma o vindeiro venres 27 ás 20:00h pola 20ª xornada ligueira.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Thierry, Altamirano e Ismael. Tamén xogaron Peixe (p), Gui Lima, Montero, Macedo, Biel, Douglas, David Pazos (p) e Rubi.


ElPozo Murcia Costa Cálida FS: Edu (p), Bebe, Ricardinho, Ricardo e Rafa Santos. Tamén xogaron Marcel (c), David Álvarez, Rivera, César, Meseguer e Dener.


Goles: 0-1 Churrasco, en propia portería (3’), 1-1 Ismael (7’), 2-1 Biel (19’), 3-1 Biel, de penalti (30’), 3-2 Rafa Santos (33’), 3-3 Bebe (36’), 3-4 Bebe (36’).


Os árbitros David Pizarro Megías e Jairo Leiva Martínez, do comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses ao adestrador David Palmas (23’), Peixe (24’), Ismael (27’) e Douglas (40’) . Nos murcianos, amarelas ao adestrador Josan González (18’), Rafa Santos (21’), Edu (30’) e Rivera (30’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 19 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 750 espectadores. O encontro disputouse sobre a pista azul da RFEF e ante as cámaras de RTVE Play.

Comments


bottom of page