
Sábado, 22/02/2025 · 23:05h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Nin noieses nin cordobeses lograron levarse o gato á agua nun partido de moita tensión.
Un punto máis que suma o Noia Portus Apostoli FS para a causa. Puideron ser tres, pero tamén ningún, na visita ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad que deparou un duelo protagonizado pola igualdade e a intensidade competitiva no que nin un nin outro lograron prevalecer.
Como en Zaragoza e en Tudela, os noieses volveron a tomar a dianteira no marcador moi cedo. O tanto convertiuno Pirata no 5’, que recorreu boa parte da pista para definir coa zurda entre as pernas ante a saída de Víctor.
A pesar da confianza do 0-1, aos noieses tocoulles apretarse os machos contra a insistencia dun Córdoba Patrimonio que quería evitar a súa segunda derrota seguida na casa. Murilo tivo a máis clara dos cordobesistas, cunha volea ao pau, e Schütt deixou algunha que outra intervención reseñable. Os de David Palmas avisaban en ataque de maneira máis aillada, pero tamén perigosa, con chegadas como a de Power, cuxa vaselina se perdeu por enriba do marco. Ademais, existía a ameaza do tiro de dez metros, cos de Santoro atenazados polas cinco faltas desde o 12’.
Porén, as intencións andaluzas terían premio no 15’, co gol de Juanan nivelando o electrónico a unha diana por bloque. O Portus Apostoli estirouse nos últimos minutos e contou con ocasións de David Pazos, Altamirano ou Pirata, que, en posición favorable, non logró impactar co coiro a falta de décimas para o descanso, deixando así todo por decidir de cara á segunda metade.
Tensión e oportunidades
A expulsión de Power Raggiati aos 3' do reinicio rompeu os esquemas por uns minutos. O arxentino viu a segunda amarela por unha falta sobre Kauê, despois de ver a primeira no 14’ por suposta simulación nunha acción certamente gris. Os locais non deixaron pasar a superioridade numérica, logrando Juanan o seu dobrete e o 2-1.
Co marcador en contra, os noieses deron un paso adiante e o Córdoba un atrás. Había moito en xogo, a tensión ao máximo coas faltas como evidencia (4 vs 3 en 6 minutos da segunda) e calquera erro podía custar caro nestas instancias de forzas igualadas.
Diego, ata en tres intentonas distintas, Douglas e Pirata, que impactou un disparo de falta sacado con rapidez no largueiro, deixaron claro que o Noia quería volver a empatar canto antes. E no ecuador do segundo acto, Thierry cazou un balón solto fóra da área e mediu o seu lanzamento o xusto para rebotar no pau e colarse nos dominios dun Víctor que nada puido facer.
A partir de aí houbo momentos para ambos equipos, con pequenos tramos de idas e voltas que erguían ao Palacio Municipal de Deportes de Vista Alegre entre o desexo por ver aos seus marcar e o susto dos achegamentos visitantes. E houbo moito dos dous ata o final. Mareco probou a madeira para os cordobeses; Altamirano fixo o propio nos noieses, que tivo nas botas de Garrincha a súa mellor ocasión deses minutos, tamén sen éxito. Non houbo respiro ata o asubío definitivo dos colexiados, con Pirata estrelando ao pau un cabezazo sobre a bucina.
Sexto empate do curso para o Noia, que continuará 15º, agora con 12 puntos, tras la vitoria do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS, conxunto que marca a salvación e que se sitúa con 3 unidades máis que os brancos.
Próximo partido
O Noia Portus Apostoli FS recibirá a Osasuna Magna este vindeiro martes 25 de febreiro ás 20:30h no Agustín Mourís, pola 19ª xornada de Primeira División FS.
Ficha técnica
Córdoba Patrimonio de la Humanidad: Víctor (p), Mareco, Murilo, Arnaldo Báez e Kauê. Tamén xogaron Mykytiuk, Titi del Rey, Macedo, Pablo del Moral (c), Echavarría, Gui Santos e Juanan.
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Altamirano, Thierry e Pirata (c). Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Garrincha, Diego Fávero, Rufino, Álex García, Douglas, David Pazos e Rubi.
Goles: 0-1 Pirata (5’), 1-1 Juanan (15’), 2-1 Juanan (24’), 2-2 Thierry (30’).
Os árbitros Andrés Botella López e Francisco Castillo López, do comité murciano, amoestaron con tarxeta amarela polos cordobeses a Mareco (8’), Arnaldo Báez (13’), Mykytiuk (24’) e Gui Santos (33’). Nos noieses, amarelas a Thierry (9’), Power Raggiati (14’ e 23’), Rufino (24’), Pirata (37’) e Douglas (38’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 19 da Primeira División FS, disputado no Palacio Municipal de Vista Alegre (Córdoba) ante uns 1.500 espectadores.
Comments