top of page

CRÓNICA X18 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 2–5 PEÑ) | O perdón págase


Mércores, 19/02/2025 · 23:45h · Imaxe: Foto Pichero | O cadro noiés desperdiciou un montón de ocasións que lle privaron de superar á revelación da Liga.


Primeira derrota do 2025 para o Portus Apostoli, que ben a puido evitar de aproveitar as numerosas intentonas claras coas que contou. Non o fixo, e o Servigroup Peñíscola castigouno cun 2-5 final demasiado avultado para os méritos noieses.


Tan só 3 minutos de xogo contaba o electrónico do Mourís, con boa entrada de espectadores para tratarse dun mércores laborable, cando Pani adiantaba aos peñiscolanos. Un golpe que, noutro momento do curso, podería deixar grogui aos noieses, pero non neste. Pirata, no seu partido 150 co Portus Apostoli, devolveu o empate no 6’ ao converter un gran pase de Pazos á segunda. O capitán volvería a ser protagonista ao transformar o 2-1 no 10’, desquitándose do fallo do penalti uns segundos atrás que deixou ao Servigroup Peñíscola cun menos pola vermella directa a Plaza.


Co marcador a favor veu o mellor tramo do partido do Noia, e tamén as oportunidades claras. Os brancos fixeron tremer con chegadas de Montero, Rufino, Diego ou Power, entre outras, ao segundo clasificado, que agradeceu irse só un abaixo ao descanso.


Máis perdón


Porén, a saída de vestiarios non foi a adecuada, e nas primeiras accións do reinicio Víctor Pérez recolocou o empate. A igualdade trasladouse tamén á pista, alcanzando o último cuarto de encontro con ambos equipos pugnando por impoñerse, a temperatura en aumento e a sensación de que o próximo tanto podería marcar o devir do resultado. Rozárono antes Power, cunha prodixiosa volea que viu de preto a escadra, e sobre todo o potente tiro ao largueiro de Pirata, a quen Gus lle sacou unha gran man posteriormente. Tamén o Peñíscola, por medio de Diego Sancho e un disparo cruzado por pouco, puido chegar en vantaxe a eses últimos dez minutos.


Sería a cinco do final cando a balanza se comezou a decantar, nunha xogada na que os colexiados sinalaron penalti de Altamirano sobre o propio Sancho. O internacional español Pani traduciu a máxima penalidade no 2-3, e o Noia lanzouse inmediatamente co porteiro-xogador. Pero antes de que os brancos puideran enlazar varias accións en superioridade, o Peñíscola aumentou a súa renda nunha xogada desgraciada.


A pesar do complicado da empresa, os noieses intentaron sen descanso recurtar diferenzas para crer na remontada. Pero no xogo de cinco tampouco apareceu ese acerto cuxa ausencia evocou, por momentos, a episodios afortunadamente do pasado. Xa nos últimos segundos, Víctor Pérez cazou un balón solto para anotar un golazo que rubricou o 2-5 definitivo.


Con esta derrota e o triunfo do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS en Valdepeñas, os de David Palmas regresan a postos de descenso, máis concretamente á 15ª praza, con 11 puntos, a un dos navarros.



Próximo partido


O cadro branco visitará ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad este sábado 22 ás 18:00h, pola 19ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Power Raggiati, Altamirano, Thierry e Rufino. Tamén xogaron Montero, Diego Fávero, Álex García, Pirata (c), David Pazos e Rubi.


Servigroup Peñíscola FS: Gus (p), Plaza, Pani, Gauna e Sancho. Tamén xogaron Gio (p), Lucas Flores, Pol Salas, Juanqui, Víctor Pérez, Elías, Diego Quintela, Pablo Muñoz e Lucas Rocha.


Goles: 0-1 Pani (3’), 1-1 Pirata (6’), 1-2 Pirata (10’), 2-2 Víctor Pérez (21’), 2-3 Pani, de penalti (35’), 2-4 Diego Quintela (36’), 2-5 Víctor Pérez (40’).


Os árbitros Eder Gómez de Salazar Fernández (comité vasco) e David Urdánoz Apezteguía (comité navarro) amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Pirata (24’), Altamirano (38’) e David Pazos (40’). E nos peñiscolanos, amarelas a Pol Salas (20’), Lucas Flores (24’) e Juanqui (24’). Viu a vermella directa Plaza (10’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 18 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores.

Comments


bottom of page