CRÓNICA X18 (aprazado) PRIMEIRA DIVISIÓN FS (PEÑ 1–6 NPA) | Tres puntazos en Peñíscola!
- 3 hours ago
- 4 min read

O Noia Portus Apostoli FS alzouse coa vitoria (1-6) este martes ante Servigroup Peñíscola FS no aprazado da xornada 18 ligueira. Ao fin, os brancos derrocaron o maleficio ante os peñiscolanos cunha portentosa primeira metade e unha segunda de solidez e sacrificio, nun resultado que os coloca moi preto dos desexados 30 puntos e a permanencia virtual.
Saladié tivo para os locais a primeira ocasión clara dun partido que comezou como se presupoñía, con intensidade e alternativas para ambos. O paso dos minutos elevou ao Portus Apostoli como dominador do encontro, con Biel como gran protagonista en ataque. O brasileiro contou con tres importantes ocasións, dúas salvadas polo meta rival Gio e unha que deu no pau.

Era o prólogo dun 0-1 que se ulía no ambiente e que chegou no 7’ por medio de David Pazos, quen non desaproveitou un servizo de Rubi no área. Posteriormente, o capitán tivo que abandonar o 40x20 por molestias físicas. Máis malas noticias sucedíanse para os noieses co empate de Saladié, nunha rápida ofensiva dos locais que pillou despistada á defensa branca.
Pero o 1-1 non afectou ao momento do Portus Apostoli, que continuou xogando con calma e precisión, e rapidamente se volveu a poñer por diante e, incluso, ampliou diferenzas. Tras os intentos infructuosos anteriores, Biel conseguiu acertar para o 1-2 no 12’, aproveitando un balón solto na área previo desequilibrio co regate de Macedo. E, entrando nos últimos cinco minutos do primeiro tempo, Thierry subía o terceiro a pase de Ismael. O botín puido ser maior de materializar a inferioridade numérica peñiscolana pola expulsión de Elías, cuxa entrada a destempo sobre Altamirano supuxo a quinta falta e custoulle a amarela que, finalmente, tras a solicitude de SV de David Palmas, tornou en vermella directa.
Esforzo con gran recompensa
A entrada de Gus entre paus do Servigroup Peñíscola FS provocou un xiro de guión na segunda metade. Os azuis gañaron balón e metros coas súas incorporacións e os avisos producíronse nada más reiniciar. Juanico atopouse coa madeira e Juanqui fixo intervir a Schütt. O Noia defendíase ben e non se engurraba cando podía buscar a ofensiva. De novo, Biel foi a súa arma máis punzante, con dúas oportunidades claras, unha delas estrelada no largueiro.

Tras un tramo de maior igualdade, os castellonenses volveron a apretar pasado o minuto 30, encontrando a través de Juanqui a mellor vía de perigo. Súa foi a máis perigosa ocasión que, sobre a liña, zafaron entre Schütt, Douglas e Montero. Un esforzo colectivo que se acentuaría cando, a cinco minutos do final, o equipo local introducía o porteiro-xogador.
Lonxe de facerse pequenos ante a inferioridade numérica e a presión do ambiente, os noieses medraron desde a defensa. A piques estivo Schütt de redondear o seu partidazo cun gol desde a súa área, pero foi a Douglas a quen lle correspondeu a honra de deixar o marcador visto para sentenza. O brasileiro anotou dúas dianas case consecutivas en sendos roubos de balón. A guinda púxoa Rubi, xa no último minuto en acción de calcada factura.

Co asubío final rubricáronse tres puntos de ouro para o Portus Apostoli. Primeiro, a nivel clasificatorio, onde se alcanza a cifra de 27 puntos -13 de diferenza coa zona de descenso-, mesma coa que se terminou o curso pasado e que deixa a tiro os 30 que outorgan a permanencia virtual; e, segundo, por volver a darse unha necesaria alegría despois de tres partidos con resultado adverso e un anterior con sensacións negativas. Todo iso xa pertence ao pasado para un Noia que segue o seu camiño con firmeza e confianza.
Próximo partido
O equipo noiés visitará este sábado 7 a partir das 17:30h ao Jaén Paraíso Interior FS pola 21ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Servigroup Peñíscola FS: Gio (p), Araya, Elías (c), Saladié e Sancho. Tamén xogaron Gus (p), Agustín Plaza, Matheus Ferreira, Juanqui, Juanico, Víctor Pérez, Pablo Muñoz e Rosental.
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Thierry, Altamirano e Ismael. Tamén xogaron Peixe (p), Gui Lima, Montero, Macedo, Biel, Douglas, David Pazos (c) e Rubi.
Goles: 0-1 David Pazos (7’), 1-1 Saladié (9’), 1-2 Biel (12’), 1-3 Thierry (15’), 1-4 Douglas (39’), 1-5 Douglas (39’), 1-6 Rubi (40’).
Os árbitros Carlos Rodrigo Miguel e Fermín Ángel Sánchez-Molina Tapiador, do comité castelán-manchego, amoestaron con tarxeta amarela nos peñiscolanos a Juanico (5’), Juanqui (26’) e Araya (30’). Nos noieses, amarelas a Douglas (8’) e Biel (13’). Viu a vermella directa o local Elías (16’).
Incidencias: partido correspondente ao aprazado da xornada 18 da Primeira División FS, disputado no Pavillón Juan Vizcarro de Peñíscola ante uns 600 espectadores.





Comments