top of page

CRÓNICA X18 (NPA 7–3 OSA) | Un regreso inmellorable

O Noia Portus Apostoli FS remontou o 0-2 inicial dos navarros e acabou logrando unha goleada balsámica que, agardan, marque o camiño para saír da zona baixa.
Este sábado 17, os noieses visitan o Palau Blaugrana para enfrontarse ao Barça ás 16:15h.

(foto: Pichero)

Máis que tres puntos, máis que unha vitoria para o Noia Portus Apostoli FS, que certificou un regreso do parón ligueiro espectacular superando ao Osasuna Magna (7-3) xunto a unha afección que gozou ao máximo da goleada do seu equipo.


Un fatídico minuto 12 rompeu a calma coa que iniciara o choque. Saldise abriu o electrónico definindo á rede unha acción de balón parado, e poucos segundos despois, Eloy completou unha gran xogada individual para o 0-2 de Osasuna. Algo groguis, acudiu ao rescate Matheus Preá cun remate de pundonor e precisión para reducir distancias e, sobre todo, erguer o ánimo. O pivote aparecería de novo, tamén uns instantes máis tarde, para facer esquecer definitivamente o trance anterior, co seu segundo gol da tarde que restauraba a igualdade no marcador.


De vestiarios non puido saír mellor o Portus Apostoli. Outro par de dianas case consecutivas, obra de David Pazos e Machado, colocaron o 4-2 no minuto 23 e xiraban radicalmente a dinámica do encontro. Osasuna Magna non atoparía réplica ata o 35’ e con porteiro-xogador. Porén, de pouco valería cando Machado castigaba unha perda dos verdes para o 5-3 e, a continuación, Léo Café marchaba expulsado por trabar como último home nunha ocasión manifesta a Nico Rosa. Os tantos de Pirata e o propio Nico Rosa nos últimos momentos do duelo non fixeron máis que redondear a festa noiesa.


Volveu o fútbol sala e volveu o sorriso ao Agustín Mourís, que puido gozar da remontada dos seus e dun triunfo moi importante. Desgraciadamente, debido aos resultados dos rivais na zona baixa, o Portus Apostoli continúa 15º, agora con 17 puntos. En tres días, o sábado 17 ás 16:15h, os brancos visitarán no Palau Blaugrana ao Barça, líder e actual campión de Liga.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Machado, David Pazos, Rufino e Pirata. Tamén xogaron Power Raggiati, Altamirano, Edu Jabá, Nico Rosa, Bonino, Pola e Matheus Preá.


Osasuna Magna: Asier (p), Toni, Geraghty, Eloy e Dani Saldise. Tamén xogaron Juninho, Léo Café e Roberto Martil (c).


Goles: 0-1 Dani Saldise (12’), 0-2 Eloy (12’), 1-2 Matheus Preá (17’), 2-2 Matheus Preá (18’), 3-2 David Pazos (22’), 4-2 Machado (23’), 4-3 Léo Café (35’), 5-3 Machado (37’), 6-3 Pirata (39’), 7-3 Nico Rosa (40’).


Os colexiados del comité vasco Aitor Felipe Madorrán e Éder Gómez de Salazar amoestaron polos noieses con cartón a amarelo Bonino (33’) e Iván (36’). E polos navarros, amarelas a Geraghty (4’), Eloy (16’), Juninho (19’), Roberto Martil (26’) e Dani Saldise (38’). Viu a vermella directa Léo Café (37’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 18 da Primeira División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 550 espectadores. David Pazos recibiu os premios AJFS a “mellor á destro” e “mellor xogador” da Segunda División FS 22/23 de mans do presidente da organización, José Ruiz. Ademais, Nico Sarmiento recibiu un recoñecemento polo seu recente subcampionato con Arxentina na Copa América.

bottom of page