
Sábado, 15/02/2025 · 21:25h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Portus Apostoli volve a dar o do de peito na pista dun rival directo e abandona a zona de descenso.
O Noia Portus Apostoli FS logra unha nova vitoria fundamental para o obxectivo da permanencia. Ao igual que en Zaragoza, os de David Palmas gañáronlle o pulso a un rival directo na súa visita ao ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS e abandonan os postos de descenso, onde permanecían desde a xornada 4.
A fórmula para o segundo triunfo ligueiro do curso tivo un inicio moi similar ao primeiro: un gol nos primeiros compases de xogo. Peixe elevou o coiro desde a súa área, Pirata dirixiuno coa testa ao centro e, froito do seu oportuno movemento e control, Rubi abriu a pracer a lata no 2’.
Os noieses sabían que completaran ao seu favor unha parte importante do traballo ao adiantarse no electrónico e buscaron máis. Dos seus achegamentos, o máis claro naceu dun saque de esquina que enmudeceu o Ciudad de Tudela ao pasearse preto da portería de Raúl Jiménez sen rematador.
Lastrados polas faltas e ante un rival que quería buscar a remontada co apoio da súa afección, o Noia comezou a sufrir no tramo final do primeiro acto. Diego e Power sacaron entre paus dúas claras chegadas dos de Álvaro Cordón “Cone” e un gran Peixe estivo ao quite no resto de intentonas. Pero a máis chamativa evitouna Schütt, que saíu a cancha a tapar o tiro de dez metros lanzado por Terry tras a sexta falta branca.
Gran saída á segunda parte
O paso por vestiarios parou toda esa inercia e o Portus Apostoli aproveitouno para executar outro golpe directo ao queixo navarro. Corrían tan só 2 minutos do reinicio cando David Pazos se xirou, atopou cun pase preciso o movemento de Pirata e o capitán bateu a un Raúl Jiménez incapaz de desviar o suficiente a dirección do balón cara as mallas.
Os laranxas non volverían a poñer en serios apretos a vantaxe noiesa ata o minuto 33 coa entrada do porteiro-xogador, primeiro Eric Pérez e logo Malaguti. Tras pasar sen danos o arreón inicial e aclarar ideas no tempo morto, o Noia recuperou a compostura.
Incluso tivo tempo para, a dous minutos do final, sentenciar o choque, grazas ao sutil tanto de Power Raggiati, que viu o oco entre as pernas de Raúl e, con axuda do pau, introduciu o coiro na portería local.
Invictos en Liga no 2025, 5 xornadas seguidas sumando, con 2 vitorias e 3 empates, e, por primeira vez desde a 4ª data, fóra de postos de descenso ao alcanzar os 11 puntos. Aínda quedan 13 batallas máis, pero o Noia atopou, desde a calidade, o sacrificio, a concentración e a humildade, o bo camiño.
Próximo partido
O Portus Apostoli recibe ao Servigroup Peñíscola FS o vindeiro mércores 19 ás 20:00h na intersemanal xornada 18 ligueira.
Ficha técnica
ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS: Raúl Jiménez (p), Tripodi, Sepe, Gabi e Terry. Tamén xogaron David (c), Lahuerta, João Batista, Malaguti, Dani Fernández e Eric Pérez.
Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Schütt (p), Power Raggiati, Montero, Altamirano, Rufino, Álex García, Douglas e Thierry.
Goles: 0-1 Rubi (2’), 0-2 Pirata (22’), 0-3 Power Raggiati (38’).
Os árbitros Diego Martínez García (comité balear) e Tomás Santander Flamarique (comité aragonés) amoestaron con tarxeta amarela nos navarros a Terry (8‘), Dani Fernández (25’) e Tripodi (38’). Nos noieses, amarelas a Thierry (4’) e Altamirano (17’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 17 da Primeira División FS, disputado no Municipal Ciudad de Tudela ante uns 900 espectadores.
Comments