top of page

CRÓNICA X17 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 4–1 ARN) | Paso de xigante cara ao obxectivo

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 14 hours ago
  • 3 min read
Sábado, 10/01/2025 · 22:16h · Imaxe: Foto Pichero | Os brancos sobrepóñense ao gol inicial do rival cun gran esforzo de equipo para facerse con tres puntos vitais de cara á permanencia.
Sábado, 10/01/2025 · 22:16h · Imaxe: Foto Pichero | Os brancos sobrepóñense ao gol inicial do rival cun gran esforzo de equipo para facerse con tres puntos vitais de cara á permanencia.

Unha vitoria fundamental para continuar cercando o obxectivo. O Noia Portus Apostoli FS soubo remontar, acertar no momento adecuado e sufrir cando tocaba para moldear un triunfo moi importante (4-1) ante un rival directo que coloca aos brancos con 24 puntos tras 17 partidos.


Ningunha cita é sinxela na Primeira División FS, pero esta chegaba nunha delicada semana para o Portus Apostoli. Aínda que regresaba Peixe, os noieses recibían a un ATP Iluminación Ribera Navarra FS pechacancelas e moi necesitado coas ausencias de David Pazos, Rubi e Macedo, ademais do lesionado de larga duración Leozin, uns días despois da larga viaxe a Cartaxena. Desta maneira, entraban en nómina tres filialistas -Koeman, Iván e, por primeira vez na Liga, Brais- para completar unha reducida lista de trece de cara a un esixente duelo, algo que quedou demostrado no 0-1. O visitante Fabinho pillou nun renuncio a Koeman moi preto da portería de Schütt, que nada puido facer ante o toque do brasileiro. Lonxe de facer sangue no erro ou deixalo pasar, o respectable do Mourís dedicoulle un sonoro aplauso ao chaval de apenas 18 anos.


Moito en xogo para ambos conxuntos | Imaxe: Foto Pichero
Moito en xogo para ambos conxuntos | Imaxe: Foto Pichero

O gol deixou groguis aos locais, que incluso puideron encaixar o segundo. Porén, no tramo final do primeiro tempo recuperaron as boas sensacións anteriores ao tanto tudelano, con premio no 18’. O coiro chegou aos pés de Douglas, tras unha incorporación de Peixe, e o á formouse oco polo centro para bater a Raúl cun disparo raso. Pouco despois, o meta noiés quedou a uns centímetros de darlle a volta ao electrónico antes do descanso, cun fortísimo remate que rozou o pau.


Deixándoo todo polos tres puntos


O Noia certificou nos minutos iniciais do reinicio o que comezara antes de encarar vestiarios. O hoxe capitán Altamirano puxo o 2-1 no 23’, a pase de Churrasco e con certa fortuna no tiro; e, apenas uns instantes máis tarde, Douglas foi letal no man a man para converter o seu dobrete e o 3-1.


A partir de aí, o ATP Iluminación Ribera Navarra FS introduciu o seu porteiro-xogador, o que marcou o discorrer do choque ata o seu final. Os tudelanos xeraron moito perigo sobre a porta noiesa, pero chocaron unha e outra vez ante a entrega física ata a extenuación dos de David Palmas. O exemplo perfecto de unión, de equipo, de xenerosidade no esforzo, encabezada por un Schütt enorme entre paus, con varias paradas destacadas. Penalizando desde a súa media pista a 4 segundos do final, Thierry puxo a guinda co definitivo 4-1, tras o que fixo o seu debut Brais. Declarado o estado de celebración nun Mourís, que estrea o 2026 vendo aos seus máis preto de selar o obxectivo da permanencia.


Protagonista Douglas cun dobrete vital | Imaxe: Foto Pichero
Protagonista Douglas cun dobrete vital | Imaxe: Foto Pichero

Próximo partido


Tempo de parón, que manterá aos nosos sen competir ata o vindeiro martes 3 de febreiro ás 21:00h en tarefas de Copa Galicia FS fronte ao Grupo FORMA-T Vilalba FS.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Thierry, Douglas e Ismael. Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Brais, Altamirano (c), Diego Fávero, Koeman e Biel.


ATP Iluminación Ribera Navarra FS: Raúl Jiménez (p), Mykytiuk, João Batista, Terry e Fabinho. Tamén xogaron David García (c), Anás, Tumkiewicz, Sepe, Alberto Lahuerta, Gustavão e Pablo Otero.


Goles: 0-1 Fabinho (13’), 1-1 Douglas (18’), 2-1 Altamirano (23’), 3-1 Douglas (25’), 4-1 Thierry (40’).


Os árbitros Antonio Jesús García Robles e Javier Moreno Reina, do comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Ismael (38’). Nos tudelanos, amarelas a Alberto Lahuerta (9’), Fabinho (38’) e Terry (39’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 17 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 750 espectadores.

Comments


bottom of page