Foi un duelo igualado ata os últimos 4 minutos, nos que os locais castigaron as pérdidas e os erros no xogo de cinco noiés para formar un resultado demasiado avultado.
A competición tómase un mes de descanso, idóneo para continuar traballando de cara a revertir a situación actual. Próximo partido, o mércores 14 de febreiro ás 20:00h na casa ante Osasuna Magna.
O 2024 e a nova etapa do Portus Apostoli non comezaron como desexaban no vestiario noiés. Ademais da derrota, os brancos, para a ocasión de azul, marcharon de Vista Alegre cun marcador que para nada fai xustiza ao balance xeral da súa actuación, moito máis sólida que o que amosa o 7-2 final.
A saída a pista foi dos cordobeses, que puxeron en apretos a Sarmiento, chegando a estrelarse coa madeira nunha acción. Pouco a pouco entrou no duelo o equipo visitante, con Pirata enviando tamén un balón ao pau. Pero serían os branquiverdes os que abrirían a lata, con Pulinho e Zequi logrando dous tantos case consecutivos entre os minutos 7 e 8. Non ía baixar os brazos o cadro galego, que respondeu co gol de Matheus Preá e, incluso, asumiu por momentos as rendas do xogo, xerando moitas ocasións sen acerto. As faltas a piques estiveron de xogarlle unha mala pasada nos últimos estertores do primeiro acto, pero Sarmiento evitouno despexando o tiro de dez metros de Perin.
Josema complicou a operación remontada noiesa aos 4’ do reinicio, castigando un erro na marca. Porén, a reacción non se fixo agardar, e Jabá sacou un golpeo espectacular para reducir diferenzas. Puido empatalo Machado con outro excepcional latigazo exterior, pero este atopouse co largueiro. Xa nos últimos 10 minutos, o Córdoba conseguiu o importante cuarto gol, por medio de Muhammad nunha acción de barullo na área, que fixo moito dano aos noieses. Terminou por derrotalos o xogo de cinco, introducido para volver a meterse no marcador e que virou na sentenza, co Patrimonio de la Humanidad penalizando os erros para celebrar tres dianas máis.
Con apenas unha semana de traballo sobre a nova metodoloxía se presentou o Portus Apostoli en Vista Alegre. Un mes terán agora o corpo técnico e o plantel para preparar o seguinte partido, o 14 de febreiro ás 20:00h en casa ante Osasuna Magna, e seguir crecendo sobre o bo que se viu en Córdoba, que foi moito a pesar do avultado resultado final, e tomando nota deses erros producidos na estrea.
Ficha técnica
Córdoba Patrimonio de la Humanidad: Fabio (p) (c), Pulinho, Zequi, Perin e Muhammad. Tamén xogaron Víctor (p), Mareco, Kenji, Mykytiuk, Josema e Kauê Pereira.
Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Pola, Machado, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Edu Jabá, Attos, Nico Rosa e Matheus Preá.
Goles: 1-0 Pulinho (7’), 2-0 Zequi (8’), 2-1 Matheus Preá (10’), 3-1 Josema (24’), 3-2 Edu Jabá (25’), 4-2 Muhammad (32’), 5-2 Fabio (37’), 6-2 Josema (38’), 7-2 Mykytiuk (39’).
Os colexiados Samuel Gabaldón Rico e Óscar Ropero Lara amoestaron polos locais con cartón amarelo a Zequi (3’), o segundo adestrador Emanuel Santoro (10’), o preparador físico Juan Daniel Belmonte (10’) e Kauê (26’). E polos visitantes, amarelas a Nico Rosa (17’), Pola (20’), Sarmiento (26’), Edu Jabá (27’) e o preparador físico Juan Carlos Argibay (27’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 17 da Primeira División Fútbol Sala, disputado no Palacio Municipal de Deportes Vista Alegre de Córdoba ante uns 1.300 espectadores.
Comentarios