top of page

CRÓNICA X16 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 1–1 JPI) | Empate que sabe a pouco

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Feb 8
  • 3 min read

Sábado, 08/02/2025 · 17:20h · Imaxe: Foto Pichero | Só a falta de acerto impediu que o Portus Apostoli levara o segundo triunfo seguido, tras poñer contra as cordas a todo un Jaén.


Noia Portus Apostoli FS e Jaén Paraíso Interior FS repartiron botín nun duelo de mediodía de alto voltaxe no Agustín Mourís, onde os noieses demostraron ante un rival de entidade que as sensacións e a confianza seguen indo a máis, pero no que a falta de puntería lles privou da vitoria.


Poucas cosas pasaron nos primeiros minutos do acto inicial, que foi medrando en intensidade e en temperatura co discorrer do mesmo. Ningún equipo quería deixar nin un metro de marxe ao outro, e os colexiados optaron por sancionar con numerosas faltas e amarelas, enfangando o tramo final.


De feito, nunha acción para ver con lupa, ou microscopio, entre Pirata e Míchel, os árbitros sinalaron a sexta falta local. A consecuencia, tiro de dez metros para o Jaén que anotou João Sella... pero non valeu. A causa, o violar o límite de 4 segundos entre o asubío e o golpeo. O Portus Apostoli tratou de aproveitar o shock do Jaén e dispuxo de varias oportunidades coas que non puido adiantarse, pero si chegar en bo ritmo ao descanso.


Adversidades, ocasións... e empate


Porén, a segunda metade comezou cun duro revés. Diego Fávero íase expulsado a vestiarios tras ver a segunda tarxeta amarela, deixando aos seus cun menos durante dous minutos ou ata un gol do Jaén. Pero non só non sucedeu iso, senón que os amarelos practicamente nin fixeron tremer a Peixe, froito dunha enorme tarefa defensiva do propio meta, Rubi, Altamirano e Power.


O peche arxentino foi un dos protagonistas dos seguintes minutos, nos que o Noia se fixo claramente coa batuta do duelo. Nas súas botas estiveron dúas grandes oportunidades das varias que sumaron os brancos antes de, ao fin, abrir a lata. Fíxoo David Pazos xa no 30’ de xogo, cun certeiro remate de falta ante o que nada puido facer Espíndola.


Buscaba máis o Portus Apostoli, ao que só lle faltou concretar mellor nos últimos compases para ampliar diferenzas. Perdoou e pagouno ante un Jaén que, a pesar de non ter un dos seus mellores días en ataque, conta con armas de altísimo nivel. Unha delas é Renato, que sacou un zurdazo desde lonxe que sorprendeu aos noieses e supuxo o 1-1 no 35’.


Aínda así, os “uy” da grada seguían chegando polos achegamentos dos locais. A máis clara de toda a insistencia blanca asinouna Montero, cuxo remate na área non viu portería por poco. Ante a expulsión de Diego e a indisposición de David Pazos, David Palmas optou por seguir apostando nas definitivas polas incorporacións de Peixe, pero non houbo maneira de conseguir o segundo tanto.


Con este empate, o Noia continúa sen coñecer a derrota en 2025 (1 vitoria e 3 empates) e colócase con 8 puntos, os mesmos que Wanapix Sala 10 e a 1 do ATP Iluminación Ribera Navarra FS, que marca a salvación, a expensas de que xoguen os seus encontros.



Próximo partido


O Portus Apostoli visitará o vindeiro sábado 15 ás 16:00h no Ciudad de Tudela ao ATP Iluminación Ribera Navarra FS, en partido da xornada 17.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Schütt (p), Power Raggiati, Montero, Altamirano, Garrincha, Rufino, Álex García e Thierry.


Jaén Paraíso Interior FS: Dudu (p), Carlos Sanz, Antoniazzi, Míchel (c) e Mati Rosa. Tamén xogaron Espíndola (p), João Salla, Fernando Trindade, Renato, Lemine e Attos.


Goles: 1-0 David Pazos (30’), 1-1 Renato (35’).


Os árbitros Francisco Javier Marazuela Hernando e Sergio Toral Heredia, do comité castelán-leonés, amoestaron polos noieses con tarxeta amarela a Diego Fávero (14’ e 22’), David Pazos (17’), Schütt (30’) e Rubi (34’). Nos xienenses, amarelas a Carlos Sanz (9‘), Renato (16’), João Salla (16’), Dudu (18’), Antoniazzi (18’) e Mati Rosa (31’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 16 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores.

Comentarios


bottom of page