top of page

CRÓNICA X16 (NPA 2–4 JCT) | Condenados polos extremos

Un mal inicio e un espectacular treito final de Chemi fraguaron a derrota do Portus Apostoli contra Jimbee Cartagena.
Os noieses alcanzan o parón de Nadal 15º con 14 puntos. O próximo partido, o 13 de xaneiro na cancha do Córdoba Patrimonio de la Humanidad.

(foto: Pichero)

Dolorosa derrota do Noia Portus Apostoli FS a mans do Jimbee Cartagena, que atopou no seu afinadísimo acerto no primeiro tempo e nun xigante Chemi na parte final a fórmula para levarse os tres puntos do Agustín Mourís.


Dificilmente puido empezar peor a cousa para un Noia Portus Apostoli FS que sufriu a boa puntería do Jimbee Cartagena, 0-3 arriba xa ao minuto 8. O porteiro-xogador foi a menciña pola que optou Tomás de Dios para saír do estado grogui no que estaban os seus. David Pazos, cun disparo ao pau, tivo a máis clara nesa superioridade numérica que non evitou irse con desventaxa de tres ao descanso.


Pero para menciñas, os goles. Como o que, tras apenas reiniciarse o duelo, fixo Power Raggiati, definindo de luxo entre as pernas de Chemi, que serviu de revitalizante para equipo e afección. Porén, a reacción noiesa viuse augada da peor forma posible. Desde uns 35 metros, sorprendendo a Sarmiento e tamén a propios e estraños, Pablo Ramírez colocou un hiper preciso golpeo para bater ao arxentino e poñer o 1-4 que minimizaba o arreón noiés.


Foi coa entrada, novamente, do porteiro-xogador como o Portus Apostoli volvería a prender a chama. As ocasións chegaron de todas as maneiras e de numerosas botas distintas. Pirata, Attos, Matheus Preá (que antes tivera outra gran oportunidade, a pase do lucense), David Pazos... Todos eles frustrados polo gardameta visitante Chemi, que se fixo enorme nun tramo final no que tan só se lle escapou a acción que máis inocente semellaba, na que Matheus Preá situou o 2-4 definitivo.


Un resultado que provoca que o Noia Portus Apostoli FS, por primeira vez en temporada e media na elite, acabe unha xornada en postos de descenso. 2023 pechouse da forma que ninguén quería no Agustín Mourís, pero tras este parón de Nadal vidrá todo un 2024 para loitar e perseguir o claro obxectivo. O primeiro paso, o 13 de xaneiro ás 18:00h na pista do Córdoba Patrimonio de la Humanidad, pola 17ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Attos, Edu Jabá, David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Power Raggiati, Nico Rosa, Matheus Preá, Pola e Pau.


Jimbee Cartagena: Chemi (p), Bebe, Mellado, Lucao e Waltinho. Tamén xogaron Tomaz, Motta, Pablo Ramírez, Jesús Izquierdo, Darío Gil e Juanan.


Goles: 0-1 Bebe (2’), 0-2 Pablo Ramírez (5’), 0-3 Jesús Izquierdo (8’), 1-3 Power Raggiati (21’), 1-4 Pablo Ramírez (25’), 2-4 Matheus Preá (38’).


Os árbitros cántabros Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo amoestaron polos locais con tarxeta amarela a Sarmiento (15'), David Pazos (19') e Power Raggiati (28'). Nos visitantes, amarelas a Mellado (14’), Motta (15’), o adestrador Duda (22'), Lucao (24') e o delegado Miguel Ángel Alonso (25').


Incidencias: partido correspondente á xornada 16 da Primeira División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 700 espectadores. Á saída dos xogadores a pista, produciuse a estrea do himno oficial do Noia Portus Apostoli FS.


bottom of page