Sábado, 25/01/2025 · 23:45h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses fanse cuns tres puntos cruciais en Zaragoza para colocarse a dous da salvación ao remate da primeira volta.
Houbo que suala, houbo que loitala, houbo que sufrila, pero, por fin, aquí está. A primeira vitoria ligueira 24/25 do Noia Portus Apostoli FS chegou no CDM Siglo XXI de Zaragoza. Os noieses lograron colocarse cedo cunha boa renda e amosaron a súa cara máis seria para aplicarse un bálsamo en forma de tres puntos, que os deixa a dous da permanencia tras completar a primeira roda do curso.
Nun duelo clave para ambos equipos na loita pola salvación, cobraba especial importancia golpear primeiro. Fíxoo, e nos compases iniciais, o Portus Apostoli. Rubi recibiu de Pirata e, só ante Dani Álvarez, enviou o coiro á rede no minuto 4. O éxtase dos noieses, acompañados na grada por unha pequena pero ruidosa afección, foi maior cuando, no 7’, Power dobraba a vantaxe dos seus ao controlar o pase de Altamirano e definir abaixo coa punteira, onde non alcanzou a despexar o meta local.
Coas incorporacións ao ataque do seu porteiro, o Wanapix volcou a pista cara o lado visitante. Aínda así, os de David Palmas gozaron dalgunha ocasión para aumentar diferenzas. A máis clara foi a de Rufino, cuxo disparo saíu rozando o pau. Porén, foron os zaragozanos os que lograron a súa misión no 16’ por medio de Pescio, que desviou a gol un remate de Rivera.
Sen tiempo para lamentos, apenas un minuto despois, Altamirano era obxecto dunha falta que levaba aos noieses ao punto de dez metros. Por segunda xornada seguida, non fallou Pirata no disparo válido, colocando o 1-3 que supoñía un colchón fantástico co que se alcanzou o tempo de descanso.
Sufrimento con recompensa
Os de Jorge Palos saíron forte de vestiarios. En tan só dous minutos provocaran tres faltas do Portus Apostoli e, sobre todo, un penalti a favor. Richi Felipe dispúxose a facer o segundo tanto dos zaragozanos desde os seis metros, pero Peixe sacou unha perna dereita negadora. Un golpe de efecto no mental para un Noia que, capitaneado polo gardameta, aguantou as acometidas blanquillas con tesón.
A partir do 30’ amainou a tormenta para os noieses, que foron quen de acumular máis pelota e gozar de oportunidades. A máis destacada, un envío á madeira desde a zurda de Rufino. A sete minutos do final e para volver a tomar iniciativa, Wanapix introduciu a Richi Felipe coa camiseta de porteiro-xogador.
Momento de atarse os machos e ser un. Así o reflectiron á perfección os gladiadores noieses sobre a pista, entregados en cada desprazamento e solidarios na presión. E cando as súas pernas non eran capaces de rebandar o coiro e meterlle o medo no corpo a un Wanapix cada minuto máis desesperado, emerxía a figura de Peixe como última barreira.
Sen concesións, sen fisuras, borrando episodios tristes e crueles de xornadas pasadas para desquitarse dunha invisible pero pesada coiraza. Desta maneira correu o reloxo ata gañarse unha máis que merecida e buscada primeira vitoria ligueira da temporada, xusto a tempo para meterse no tren duna loita encarnizada pola permanencia que seguirá co inicio da segunda volta dentro de dúas semanas, e co Noia aínda pechacancelas, pero, cos seus 7 puntos, xa só a dous de abandonar a zona vermella.
Próximo partido
Semana de parón competitivo a seguinte para o Portus Apostoli, que comezará a segunda volta o sábado 8 de febreiro ás 13:00h fronte ao Jaén Paraíso Interior FS.
Ficha técnica
Wanapix Sala 10: Dani Álvarez (p), Rivera, Brasesco, Carlos García e Pescio. Tamén xogaron Nando Torres, Espín, Alberto Inés, Richi Felipe (c), Nacho Gómez e Adri Ortego.
Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Montero, Altamirano, Rufino, Douglas e Thierry.
Goles: 0-1 Rubi (4’), 0-2 Power Raggiati (7’), 1-2 Pescio (16’), 1-3 Pirata (17’).
Os árbitros Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro, do comité madrileño, amoestaron polos zaragozanos con tarxeta amarela a Rivera (16’), Richi Felipe (17’), Pescio (23’), Alberto Inés (27’) e Nando Torres (35’). Nos noieses, amarelas a Power Raggiati (14’), Schütt (19’), Douglas (22’) e Pirata (40’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 15 da Primeira División FS, disputado no Centro Deportivo Municipal Siglo XXI de Zaragoza ante uns 1.000 espectadores.
Comments